Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Universo Ancares

Insubornable fidelidade

Detalle da portada do libro "Nunha brancura de cella".

Unha saudación para este novo agasallo e unha benvida a este libro de Emilio Araúxo, ese home de cultura prolífica e ao mesmo tempo discreto. Porque Emilio Araúxo é unha desas presenzas silandeiras, unha voz que traballou desde sempre, exhibindo unha fidelidade insubornable ás crenzas éticas e estéticas que hoxe, por veces, semellan invisibles. E. Araúxo leva creando unha ampla obra artística en moitos eidos da cultura galega: poeta, narrador, editor, etnógrafo, tradutor, mitógrafo e un eximio fotógrafo que ten inmortalizado fitos moi importantes da cultura de noso: o entroido galego e ese macrocosmos de tempos pretéritos da nosa labranza.

Hoxe volve agasallarnos coa súa particular incursión e visión dos Ancares, nun libro metade texto escrito, metade reproducións fotográficas. Centrado, sobre todo nese vestixio dun pasado ancestral que son as pallozas. Mais non soamente nas súas cellas, senón na enteira vivenda, nas súas alcobas, faiados, fornos e lareiras, sen esquecerse dos teitos que cómpre renovalos cada vinte anos con palla ripia. Tamén no entroido dos Ancares, nas árbores como o capudre, unha madeira tan boa coma o freixo. Os veos “no cima da palloza”, a corte sempre no fondo. Achéganos tamén o autor os costumes e labores coma o varexón que facían os homes e o pisado das castañas, traballo das mulleres. O chuzo para defenderse do xabarín e do oso. E tantos obxectos, tantos costumes comunais hoxe perdidos. Non esquece o autor o comezo da Guerra, cun destacamento da Garda Civil que comían os cordeiros e despois dicían que foran os roxos. Animais como a pita do monte, o espelizo da palla e tantos traballos nos relatos da xente dos Ancares. Un libro que rescata a situación do Ancares a finais dos anos 80 e comezos dos 90. Tanto nos textos como nas fotografías vemos reflectidas as realidades materiais e inmateriais do universo dos Ancares, contadas polos discursos orixinais dos seus poboadores.

Portada.

ARAÚXO, Emilia, Nunha brancura de cella, Toxosoutos, Noia, 2022, PVP. 18€

Compartir el artículo

stats