Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Solvencia e calidade

Profética, intimista, reivindicativa

Detalle da portada de "Cráter".

Antes de facermos ningunha consideración respecto de Cráter, é xusto confesar que unha das autoras ás que lles teño maior estima literaria e poética é Olga Novo. Dende aquel A cousa vermella (2004), obra magna, considero que se trata dunha das voces máis importantes da nosa literatura actual. Cráter saíu do prelo nunha primeira versión en 2011 e volve a nós once anos despois para lembrar aquela miña sensación do libro que poría a proba as altísimas expectativas. E Olga Novo non defraudou. Nunca defrauda. Podemos entreternos a poñerlle etiquetas e entalamentos varios á súa poesía, podemos analizar, estruturar, escanear cada un dos seus libros; agora ben, o fito constante é esa autenticidade que rezuma cada un dos seus versos. E por todo iso constitúe unha grande ledicia recuncar na boa poesía, na poesía que te enche, que evoca sensacións, que te fai empatizar, entender e identificarte literariamente con todo un mundo que na voz de calquera outro/a non se desenvolvería con tanta prestancia.

Con este novo poemario as expectativas convertéronse nunha realidade común: a especial habelencia para envorcar no papel unha poesía poderosísima en calquera dos seus aspectos. A sensibilidade, a reivindicación máis ou menos explícita, o erotismo… dá igual o rexistro que adopte, non podes máis que deixarte levar por eses versos rítmicos, mestura de dedicación e talento incontestable. Coido que ten un don para a poesía e é xusto recoñecerllo co gallo desta fermosísima edición.

Esa Deusa campesiña que comeza cada unha das secuencias do poemario inícianos no que vai ser a cadea poética de cada momento. Logro innegable. Por veces profética, por veces intimista, reivindicativa… Todo canto a poesía puider dar nesta poética do auténtico aparece nesta especie de demiurgo que dirixe os tempos e os sentimentos. Anuncia o dioivo versal e conceptual para unha lectura constante e gozosa. O cráter en cada unha das súas fases cun nexo común que o cohesiona todo.

Coido que é xusto tamén dicir que o criterio editorial desta colección “Tambo”, do que eu levo visto, é loable. Os poemarios que sacan son obras con peso, con categoría literaria. Dálle credibilidade ás persoas encargadas destas decisións e á propia editorial. Non é bo para a literatura publicar calquera cousa, hai que ser selectivos. Neste proxecto percíbese a intencionalidade de chegar á excelencia tanto nos textos mesmos como no seu tratamento editorial. Ao igual que outras coleccións semellantes doutras editorais, esta colección de poesía xa é, ao meu entender, un referente para os amantes da creación solvente e de calidade.

Portada.

NOVO, Olga, Cráter, Kalandraka, Pontevedra, 2022, PVP. 14,25€

Compartir el artículo

stats