Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O xardín, escenario de utopías

Ensaios protexidos da natureza

Perspectiva dos xardíns do Pazo de Oca (A Estrada). Ricardo Grobas

Nos xardíns suceden cousas extraordinarias e en Galicia temos moitas oportunidades para experimentalo. De feito, o Consello de Europa, vén de incorporar nove xardíns galegos á ruta Europea de Xardíns Históricos. Dicía Francisco Gines de los Ríos que poderíamos pasar a vida contemplando unha árbore, e pensando niso, aparecen moitos exemplos porque, a visión primordial da natureza que atrapan estas palabras, se materializa en escenarios cheos de posibilidades na arte. Cosimo, o personaxe de Italo Calvino na obra, O barón rampante, é un bo exemplo. Sendo un neno, Cosimo, marchou a vivir en soidade nas árbores do xardín da casa, alí atopou un universo alternativo. Tomou esta decisión para protexer a súa individulaidade dun mundo que o conducía a ser escravo de comportamentos impropios, sendo vítima dunha realidade que non o respectaba. Pero non se trata do único neno que atopa no xardín unha saída fronte á adversidade. No xardín doutra familia aristocrática, creada por Giorgi Bassani, os Finzi Contini, a infancia conforma un refuxio dos desastres que xa se intuían no denso ambiente de preguerra. E tamén a famosa Alicia observa a través das flores que Lewis Carroll crea para ela un mundo que pode ser máxico se o observa coa perspectiva axeitada. No xardín secreto, Frances Hodgson Burnett, ofrece, en fin, aos máis pequenos unha visión nova diante dun mundo deshumanizado que os condena a unha vida infeliz.

Porén, o xardín non só preserva a inocencia infantil, tamén acepta os praceres e estados psicolóxicos esenciais. É refuxio para os amantes que necesitan construir e proxectar a súas expectativas idealizadas do amor. Así, o xardín dos Capuleto devén o espazo onde se producen os encontros de Xulieta e Romeo, cheos de erotismo e desexo. E nisto, dos amores idealizados, Jane Eyre descobre na natureza o clima axeitado para escapar dun mundo contaminado e crear unha imaxe que o xardín lle devolve para a súa utopía. Pero o xardín tamén sabe de anarquías como a das infinitas posibilidades do tempo cando se revela, como no caso do Xardín dos sendeiros que se bifurcan, de Borges.

14

Los jardines de Lourizán: un vergel de 54 hectáreas con "árbores senlleiras" Deputación de Pontevedra

O xardín devén, pois, escenario múltiple para todas as polaridades da vida; por iso, todo pode comezar en rematar nel, como a inocencia primixenia, que pouco durou. Foi alí tamén onde comenzaron todas as traxedias, xunto a árbore da vida, á sabedoría e o mal. É no xardin do edén onde se costrúe o poder das nosas ansias orixinais. É espazo de introspección e acougo virtuoso pero tamén de seducións e afáns escuros. Emana del un poder material e metafísico, comezo e fin da metáfora da vida con toda a súa abundancia, transitando entre a espiritualidade e o devezo e entre a fertilidade e o erotismo.

Esta construción revélase reflectindo a metáfora do que perseguimos e é neste intento de conter e controlar a natureza, onde o xardín se converte nunha pequena escisión consciente da incosciencia. Ofrece a oportunidade de vivir o incontrolábel nun ensaio protexido da natureza que se adapta á singulariedade de cada época. Así o xardín medieval é a visión terrenal do paraíso e encontro idealizado do amor casto para transformarse coa percepción renancentista, que rompe a alegoría, no observatorio de todas as naturezas en si mesmas. Como na aceptación do pracer sensual e sexual de Melibea e Calixto mais aínda da súa traxedia. E asemade vén converterse o xardín en artificio estético na escenografía barroca e pasa polo ordenamento ilustrado, onde a racionalidade crea simetría atemporal para deixarse logo confundir nos caprichos do romanticismo, para que a natureza invada as vaidades da man do home.

Independientemente das nosas latencias filosóficas, o xardín sempre é escenario de oportunidades para confrontar coa realidade contraditoria desta cosciencia animal diferenciadora que non parece proporcionarnos sabedoria vital. A natureza ofrécenos, neste sentido, leccións permanentes: de feito, calquera xardín é o mellor libro de auto axuda. A beleza que atopamos neles é un impulso estético para á vida que se revela primordial para renovar o noso vínculo coa natureza. Porque a beleza é a clave, ela é a única verdade. Invítanos á transitar pola soidade inprescindíbel para podermos escoitar as linguaxes da vida; é que vén resultar a natureza a máis grande base de datos da nosa cultura.

 

Compartir el artículo

stats