Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Coullaut Valera en Galicia

Pegadas dun escultor andaluz

Escaleiras do balneario de Mondariz.

Lorenzo Coullaut Valera (1876-1932) foi un escultor nado en Marchena (Sevilla) con escasa pero selecta obra en Galicia. Súas son, entre outras, o busto de Curros Enríquez (Vigo), a escultura de Emilia Pardo Bazán (A Coruña), ou a de Enrique Peinador Vela, así como o deseño da escaleira do bosque do balneario (ambas en Mondariz).

O noso escultor era fillo de Teresa Valera, irmá do escritor e político Juan Valera, e de Louis A. Coullaut, un enxeñeiro masón francés establecido en Andalucía. De formación autodidacta, medra no seo dunha familia cultivada,o que lle permitiu acceder a unha educación rodeada de arte e ilustración. Entre os 13 e os 17 anos estuda artes en Nantes e, máis tarde, de regreso a Andalucía, completa a súa formación en Sevilla co escultor Antonio Susillo. O clasicismo ou academicismo ecléctico, xunto co realismo e mais o rexionalismo, moi en boga a principios do século XX, definen a súa aposta estética. E foi neste contexto cando se traslada a Madrid, con apenas 20 anos, cidade onde foi completar a súa formación co escultor Agustín Querol asemade que, grazas ao empresario galeguista Enrique Peinador Lines, empeza a publicar ilustracións en La Ilustración Española y Americana e, xa máis tarde, no suplemento “Blanco y Negro” de ABC. O noso escultor viuse favorecido pola moda que, a principios do s.XX, impulsou a construción de grandes edificios conmemorativos engalanados con obras de arte, como exemplifica o Menéndez Pelayo que cicelou para a Biblioteca Nacional.

Mais Lorenzo destaca non só pola súa habilidade escultórica, senón tamén pola súa visión arquitectónica, creando amplos escenarios nos que as súas esculturas cobran vida. É o caso do conxunto escultórico dedicado a Miguel de Cervantes (ben de interese cultural desde 2018) que se sitúa na madrileña Plaza de España, onde destacan, fundidos en bronce, as estaturas de Don Quixote e Sancho Panza. E a obra do artista marchenero atopa acomodo tamén nos novos espazos urbanos que se crean desde finais do s.XIX como consecuencia da necesidade de ensanchar e ampliar as cidades, dotándoas de parques, alamedas e prazas pensadas para facilitar o encontro entre os e as cidadáns. Todo un signo de modernidade na época.

Escultura a Emilia Pardo Bazán en A Coruña.

Así, en Vigo podemos admirar o legado de Coullaut Valera no busto do poeta Manuel Curros Enríquez (1911), situado na prolongación leste da Alameda. Tallada por iniciativa da sociedade coral La Oliva, presidida por Gómez Román, no seu plinto marmóreo aparece un altorrelevo dunha alegoría galaica de Erato, a musa grega da lírica que aparece tocando unha lira. Non debe estrañar que Curros, republicano, galeguista e anticlerical, atope acomodo entre a escultura pública desta cidade, vangarda dunha Galicia maioritariamente rural e dominada polas forzas máis reaccionarias.

Outra urbe pródiga, A Coruña, acolle desde 1916 outra grande obra do escultor andaluz. Trátase do conxunto escultórico dedicado á escritora Emilia Pardo Bazán, que se ergue nos xardíns de Méndez Núñez. Esculpida en pedra de gra de Novelda, a novelista aparece sentada e cun libro e unha pluma en cada man. A obra enmárcase nun ambiente arquitectónico pacego, xa que detrás dela, tallada en granito, aparece unha balaustrada ornada por copas de estilo ecléctico.

Monumento a M. Curros Enríquez (Vigo).

Por iniciativa da Cámara de Comercio olívica, en Mondariz Coullaut Valera esculpiu en 1919 unha imaxe de Enrique Peinador Vela, pai do seu amigo Enrique e fundador do balneario. Nela preséntase o médico e empresario como un ancián, sentado e cunha manta cubríndolle as pernas, seguindo un modelo da escultura conmemorativa que o escultor reproduciu noutras obras (Ramón de Campoamor en Madrid ou o adegueiro Pedro Domecq en Sevilla). En opinión de Gallego Esperanza (1996) “cabe subrayar una mayor sobriedad en los planteamientos, pues, contrariamente a lo que sucede en otras de sus obras, aquí prescinde de lo anecdótico y lo minucioso, logrando una estética más austera.”

No ano 1920 o escultor andaluz, de novo por encargo do seu protector Peinador Lines, deseña unha escalinata de granito inspirada no barroco galego que une o xardín principal do Gran Hotel de Mondariz co bosque. Trátase dunha escaleira monumental de dobre tramo dotada con catro relanzos e protexida por unha varanda engalanada con fermosos balaústres moldurados. En palabras de Pérez Sánchez (2005), a escalinata “incide en la creación de una iconografía del jardín que remite al pazo, ensalzado como modelo de arquitectura vernácula”.

Entre o realismo e o romanticismo

A obra de Coullaut Valera destaca por un academicismo neoclásico que bebe do realismo e do romanticismo, calidades todas elas arrequecidas por unha destacada atención ao detalle e unha delicadeza que impregna todas as súas obras. Así o evidencia a súa audacia no momento de tallar flores, cabelos ou pregues de roupa en distintos materiais (bronce, mármore ou pedra de gra), onde o virtuosismo de Lorenzo brilla sempre con luz propia, deixando en evidencia o seu dominio da técnica escultórica.

Desde 1990 Marchena, a súa vila natal, conta cun museo monográfico dedicado ao noso escultor que se sitúa no interior dun torreón almohade que flanqueaba unha das antigas portas da cidade. No seu interior podemos admirar unha trintena das súas obras de pequeno formato (escultura, relevos, bosquexos e debuxos), a maior parte delas adquiridas polo concello aos seus netos Carlos Coullaut Valera Ariño e Enrique Iniesta Coullaut Valera.

Compartir el artículo

stats