Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Desde Cangas e para o mundo

Baixo a luz de Astarot

Astarot, desde Cangas e 'Baixo a luz de Breogán'. Cortesía do grupo / Alberte Peiteável

Poucas bandas de rock galego poden presumir ao certo de chegar ao seu 40 aniversario en activo e, ademais, en inmellorable estado de forma, e hoxe falámosvos dunha que está ás portas dese fito tan destacable e, alén diso, presentando disco novo.

En efecto, os Astarot celebran o seu trixésimo noveno aniversario coa publicación dunha colección de catorce novas pezas co título xenérico de Baixo a luz de Breogán. E fano de novo fieis a ese estilo tan de seu que os converteu, dende Cangas e para o mundo, nunha das formacións máis emblemáticas e referenciais do país e do rock galego. Porque lonxe, coma sempre, do que marcan as modas ou as tendencias mediáticas, os Astarot continúan a forxar ese discurso que navega entre o heavy metal, o rock duro e mais a poesía de autoras e autores galegas ás que poñen melodías perfectamente confeccionadas e que sentan coma un traxe á medida. Neste seu noveno disco a palabra de Curros Enríquez, Rosalía de Castro, Federico García Lorca, Xela Arias ou o propio Castelao mestúrase con ese universo Astarot, tamén con creacións propias, sempre tinguido de guitarras, melodía, ritmos do rock duro de vella escola e tamén con pingas dun certo e evidente celtismo musical.

Iseo Aagilda, proxecto Måi.

Juan A. Antepazo (voz principal), Carlos Gandón (guitarras e voz), Loren Tevra (guitarras e voz), Carlos Rodal (baixo) e José M. Piedra (batería) firman un disco no que contaron tamén coa colaboración de Bieito Romero e Xan Cerqueiro de Luar na Lubre, aportando arranxos, gaitas e pitos nalgunhas das pezas e deseñando, xunto co poder sempre presente das guitarras eléctricas, unha perfecta combinación de sons que lle confiren ao disco un cáracter cargado de enxebrismo e poesía, acadando posiblemente o mellor ou un dos mellores traballos das historia da formación despois dos xa ben coñecidos Dónde se hospeda el pasado (1990), Respirando (1994), Apuesta y Gana (1996), Astarot, Xacobeo´99 (1999), O sentir dunha Terra (2000), Longa Noite de Pedra (2005), Séptimo Pecado (2013) e Una vida en un segundo (2017). Agora, nesta nova entrega, propóñennos adentrarnos no eterno legado que chega ata nós dende os aneis do tempo. Os celtas agasalláronnos coa súa devoción pola natureza, coa súa espiritualidade, co seu culto polo máis aló e coa valentía coa que defendían o seu. A pegada celta, a súa simboloxía, os castros, as lendas e os seus ecos e sonoridades transcorren así por este novo traballo nunha epopea en forma de disco que outra vez nos remite á posta en valor e ao máis alto respecto polo traballo dun grupo que en corenta anos nunca parou de tocar en directo e de achegarnos novidades discográficas cargadas de personalidade e calidade. Neste caso, ademais gravado, producido, mesturado e masterizado polos propios Astarot e acadando outra volta o mellor son nun rexistro da formación.

Agora é de pensar que este verán, e o que queda de ano, terá a Astarot preparándose para unha xira de 40 aniversario que abofé os levará por moitos escenarios do país onde soprar esas catro decenas de candeas con todo o cariño, respecto e compromiso que se merece unha carreira tan sólida como admirable.

Luminosidade Måi

Måi é o novo proxecto musical de Iseo Agilda, vocalista que tamén forma parte dos grupos Sacha na Horta e Blues do País. Agora, neste novo proxecto, Iseo navega soa se ben que en sociedade co técnico e prodctor Tomás Ageitos, con quen dende os seus Estudios A Ponte aló pola parte de Roxos, pegado a Compostela, están en pleno proceso de creación e gravación da colección de temas que formarán parte do que será o seu primeiro disco que prometen publicar para antes de que remate o ano. En Måi atopamos unha escolma de percusións e de ritmos tradicionais que, segundo a propia Iseo, se aerran á terra para poder chegar lonxe cunha voz sen peso. Trátase de poñerlle música á alma, á natureza e igual tamén aos ritos e ritmos máis internos e profundos que unha pode levar dentro. Tamén coa participación de Margarida Mariño repartindo talento, e movendo marcos, firmando chelos que son fío e costura de moito do que alí acontece. E podemos falar de electrónica, pero todo a golpe de pau, de pelello e corda, e ademais afirmando que sen relixión nin fidelidade ningunha á tradición, mais con todas as ansias de cantarlle ao latexar da vida, ao tempo que nos toca respira, a atmosfera que nos dá abeiro e ao mundo no que nos enraizamos. Polo disco teremos que agardar un pouco, pero xa temos un primeiro adianto polas plataformas de música en internet baixo o título de “Son verdor”, petisco altamente aloumiñante e cargado de enerxías tan positivas como bonitas e sanadoras. “Son verdor, que há ser canción nun novo mundo. Tan limpo e tan cheo de luz. Son verdor que oube pola pedra”. O dito: luminosidade fermosa e tan necesaria.

Compartir el artículo

stats