Entre o vento e o abismo
Poderoso culturalismo

Detalle do libro. / Oriana Méndez
Oriana Méndez
Se atendemos ao minucioso prólogo de Xavier Seoane para "Tríptico Ártabro", este título remítenos ao Portus Magnus Artabrorum coñecido entre nós coma o “Porto dos Ártabros” que abrangue un amplo espazo integrado polas rías da Coruña, Betanzos, Ares e Ferrol. Nese enclave navega o conxunto de poemas de Ánxeles Penas para nos trasladar a vertixe do abismo atlántico que se perfila dende este precipicio occidental: “Unha esquina do mundo, / un puntiño na curva do mar / que se abre como unha interrogante”.
Estruturado en tres partes -“Territorio”, “Os anais do vento” e “Galicia, meu señor”- o libro non perde a coherencia formal e as conexións ao longo do texto sosteñen a unidade. O mundo poético de Ánxeles Penas exprésase a través dun poderoso culturalismo: deuses e figuras do mundo céltico, exipcio e grecolatino vannos acompañar ao longo da lectura. A noite e, sobre todo, a penumbra que alumea enigmaticamente a paisaxe é un pano de fondo para os dous grandes sentidos deste libro: a fusión telúrica coa terra, que se interpreta aquí como poderosa nai, e mais a fusión, ao mesmo tempo, do eu lírico cos antergos que aparecen evocando as memorias dun mundo rural quizais idealizado ou, en todo caso, enxalzado, como tamén se ergue nestes poemas a infancia, esa idade que se identifica coa plena pureza. “O nome teu NAITERRA que aninache / o meu berce de néboa”.
Non hai, aos nosos ollos, ocasión para o conflito. Hai unha unión panteísta entre o cosmos e o eu. A poeta como vehículo para a comuñón coa poesía, con deus, co cosmos. Tríptico Ártabro é un canto romántico a unha suposta esencia das cousas e é unha chamada por un amor infinito: “Na memoria dos xenes un amor infinito, / un amor infinito na memoria das pedras”. Nostalxia, misticismo e mesmo sacralización dos tempos primixenios, sempre superiores, desprégase sen complexos na última parte do libro: “E na terra, no lume, no ar, na auga / estaba a certidume do divino, / a protectora man dos Deuses Lares”.

Portada.
MÉNDEZ, Oriana, Tríptico ártabro, Laiovento, Santiago, 2022, PVP. 9,50€
Suscríbete para seguir leyendo
- Un iceberg 11 veces más grande que Vigo atraviesa un caladero gallego y amenaza con impactar contra las Georgias del Sur
- Agrio final judicial para la camarera de Vigo que se encontró el bar cerrado tras 10 días de baja
- Primeras palabras de 'El Cordobés' sobre la separación de Virginia Troconis: 'Ahora estoy con...
- Muere el icónico presentador Xosé Manuel Piñeiro
- De ganar el bote de Pasapalabra a ocupar un alto cargo en el Ministerio de Interior
- Conmoción en la Policía Local de Vigo: «Se nos ha ido la sonrisa eterna»
- Detectados seis casos de cáncer de cérvix en el área sanitaria tras testar a más de 22.000 mujeres
- Hallan el cadáver del joven desaparecido en Silleda