Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Diego Giráldez Escritor e xornalista

“En 'O meu sangue' trato a morte dun xeito tranquilizador”

O escritor e xornalista Diego Giráldez. MATEO H. SOTO

En O meu sangue (Galaxia), o porriñés Diego Giráldez artella unha intriga que nos arrastra ao particular descenso aos infernos do protagonista e tamén a unha defensa irracional daquilo que nos fai máis felices: os seres e mais os lugares queridos.

–Teño entendido que antes de publicar esta novela, lanzou Vde. unha pregunta nas redes sociais, algo así como “que estarías disposto a facer por defender un familiar ou unha persoa querida?” Cal foi o resultado desa “enquisa” e que conclusións tirou dela?

–Si, é certo. A novela xa estaba escrita, a piques de saír, e quería comprobar que David Ledesma, o protagonista de O meu sangue, non estaba só. Precisaba esa seguridade. O resultado foi o agardado: a meirande parte dos comentarios foron emocionais. A maioría dos que contestaron usaría a violencia para defender o que máis quere, deixándose levar polo irracional. Tanto ten se é o correcto ou non, porque se trata de puro instinto.

–O meu sangue xira arredor de tres temáticas centrais: a morte, o amor e a vinganza… Por que a vinganza?

–Logo de Hotel para coleccionistas discretos (Galaxia), a miña anterior novela, un tanto insensata, tiña a necesidade de escribir algo máis ponderado. O amor, a morte e a vinganza son temas clásicos que levan séculos protagonizando miles de creacións artísticas e nunca nos aburren porque, dá igual o enfoque que lle deas, sempre están de actualidade. Non existe a vida sen ningunha destas tres experiencias. E a vinganza é un tema clásico. Se o Capitán Ahab se venga de Moby Dick por arrincarlle unha perna, como David Ledesma non vai facer o mesmo por defender o seu sangue?

–Aínda que o protagonista da novela é David Ledesma, o personaxe que sae mellor parado é Belén. Inspirouse nalguén real para construílo?

–Belén é o corazón da novela, aí dentro non existiría a vida sen ela. Todo latexa ao seu ritmo, o máis feliz e o máis tráxico. Non acostumo empatizar cos personaxes, tan só trato de que camiñen ao meu paso e punto, pero Belén traspasoume. De feito, chorei coma un imbécil cando escribín a súa morte. Saín do despacho e tiven que explicarlle ao meu fillo que acababa de morrer un ser querido. Ela concentra todo o que me namora das mulleres que me arrodean: a intelixencia, a creatividade, a cultura, a valentía, o sexo, a luz e un riso escandaloso. Quedei completamente amarrado a ela. Aínda hoxe, dous anos despois de rematar este texto, lembro a Belén como quen recorda un antigo amor que xa non está. Creo que estou atado a ela de por vida.

–Por outra banda, David é escritor, coma Vde., pero canto á personalidade, que otros riscos comparte Vde. con Ledesma?

–Esta é unha pregunta perigosa nos tempos nos que andamos. Imaxine que eu digo que si comparto riscos con el e alguén pensa que podería chegar a facer o mesmo que fai o protagonista. Que apareza unha asociación de veganos (aos que David Ledesma non soporta) e se encadeen diante da miña casa, por exemplo. Pero si, hai riscos de David que son meus, sobre todo na parte na que lembra a súa vida con Belén ou a súa vida na aldea; cando fala dos seus pais ou do seu fillo. Incluso lle atribuín a Ledesma pasaxes da miña vida, completamente reais. Pero el, ao final, é un “jekyll e hyde” sensibleiro e acovardado co que non me identifico. Por outra banda, como ben di, el quere ser un escritor de éxito de novela negra e aquí si que o convertín nunha parodia do que podería ser un intento de autor supervendas, iluso e superficial, cun ego frívolo e desexoso de entrar nun sistema literario igual de insubstancial ca el.

"Non se trata dunha novela dura; máis duro é un informativo"

decoration

–A súa non é unha novela negra, pero si unha novela dura, moi dura. Será porque a vida é dura, gris, cáseque negra?

–Non creo que sexa unha novela “moi dura”. Máis duro é un informativo. É unha novela que ten moita luz e, polos comentarios que me chegan de lectoras e lectores, tamén un libro efervescente que provoca moitas sensacións, a maioría felices. Cando David Ledesma, nese monólogo, lembra a súa vida pasada con Belén, ou fala desa aldea tan peculiar, ou do nacemento prematuro do seu fillo, a novela é amable e pacífica. Outra cousa é o contexto no que David está a falar con María, a súa nova parella, e que non se pode desvelar. Esa si que é unha situación un tanto anguriosa pero, ao meu xeito de ver, aínda que é crucial para a trama, queda nun segundo plano ata que te achegas ao final. O meu sangue, repito, é o meu libro máis luminoso. E claro que a vida é ás veces dura pero vivir, a nivel global, é moi atractivo. O realmente intolerable é o mundo no que vivimos.

–Cónstame que xa tiña Vde. rematada a novela en 2020 pero decidiu non publicala e modificouna. Que cambios introduciu no textos finalmente publicado ao respecto do que xa tiña escrito?

–Si. En maio de 2020, sufrín un duro golpe a nivel persoal que me deixou emocionalmente esgotado: a morte inesperada dun ser querido. Despois desa traizón, deume tempo a rematar a novela. Envieilla ao meu editor en xuño e, ao día seguinte, pedinlle que a deixara no caixón. El respectou a miña decisión e, xa ve, a novela saiu á rúa dous anos despois con cambios adaptados ao meu novo xeito de ver a vida e sobre todo a morte. A trama sempre foi a mesma nas tres versión da novela que existen, pero removín capítulos, retituleinos, desbrocei os sobrantes e, sobre todo, deille á morte más protagonismo, pero dun xeito amable e tranquilizador.

–Nos seus libros adoita Vde. alternar os relatos curtos coas novelas. En que xénero se sinte, entón, máis a gusto?

–Agora mesmo, onde me sinto máis cómodo é na narración curta. Incluso cando escribo novela, os meus capítulos son breves e teñen unha estrutura de relato. Iso dáme a posibilidade de escribir máis relaxado porque vén xerar en min a sensación de que lle estou a facer a lectura máis levadeira ás persoas que se achegan aos meus libros.

Compartir el artículo

stats