Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A morte na cultura tradicional

Desde a parroquia do Alén

A Santa Compaña, por Camilio Díaz Baliño (1919) Foto: arquivo

Vénse de presentar A parroquia do Alén, un interesantísimo documental onde o antropólogo Rafael Quintía Pereira investiga a cultura da morte na sociedade tradicional. A obra, que podemos ver de xeito íntegro en Youtube, explora os escenarios da cuestión, dando voz a múltiples informantes que a veñen abordar desde diferentes ópticas e puntos de vista. Así, está presente, por suposto, a perspectiva emic, a dos informantes nativos, participantes na crenza ou no ritual, e que refire en primeira persoa as súas vivencias ou aqueloutras dalgún achegado próximo; presente, tamén, a perspectiva etic, a do investigador que pretende explicar e dotar de sentido a vivencia. Ao longo das dúas horas de metraxe, antropólogos, forenses, historiadores, sacerdotes, psiquiatras… van abrindo vieiros onde, como espectadores, nos adentramos nunha especie de observación participante da que nós, como membros desta mesma cultura, asemade formamos parte.

A temática da morte conforma unha das máis importantes da investigación antropolóxica. Todas as culturas afrontan dunha ou doutra maneira este feito dun xeito relevante en todas elas, pois a cultura, non nos esquezamos, vén ofrecernos solucións aló onde a natureza non nolas ofrece. A morte xera ruptura, angustia, separación e dor e as diversas culturas crearon ao longo do tempo mecanismos para enfrontarse á situación e proporcionar tranquilidade. Os diversos ritos, crenzas, visións e costumes supoñen iso que o antropólogo Marcial Gondar chama o pack de antibióticos, que nos proporciona a nosa cultura para enfrontarnos a ese momento: unha xeira que na Galicia tradicional deviña comunitario e estaba totalmente ritualizado. Xa a finais dos anos oitenta e principios dos noventa, este mesmo autor publicara dúas obras claves no estudo da temática na Galicia costeira: Romeiros do alén e Mulleres de mortos onde, a partir da vivencia da morte na Galicia rural, resaltaba as posibilidades terapéuticas da cultura ante o trauma.

Di Rafael Quintía que “non hai lugar onde estean máis vivos os mortos que en Galicia”. E é que nunha terra que no imaxinario colectivo se presenta como de meigas, néboas e brétemas, resulta normal que se manteñan múltiples relacións co Alén. Segundo o mundo tradicional, a morte avisa. E faino a través de sons, golpes, luces, animais… Ademais, sempre hai alguén que vén buscar o morto, sexa un animal coma un boi, algún familiar ou mesmo o porteiro do camposanto (o último defunto enterrado)... Artéllanse mecanismos para ritualizar a pautar o dó, pensemos por exemplo nas choronas (aínda hoxe dise “Vai chorar a Cangas”), ou nos contos, falares e bromas dos velorios tradicionais. Nesa sociedade, a tradicional, ás veces as ánimas quedan metidas nas castañas que, ao facer o magosto e estouparen, por fin se liberan; e se falamos de magostos, era común tamén deixarlles aos defuntos da familia algunha presa de castañas na mesa para que viñeran comelas. En fin, como ía faltar neste repaso, a Cita, tamén chamada a Santa Compaña, a cal, se a atopas e non te protexes, xa sabemos o que acontece a seguir.

Pero vivimos nunha época de cambios e as solucións tradicionais non nos aportan xa a resposta desexada. A sociedade moderna mudou as claves interpretativas e hoxe moitos deses ritos e crenzas que onte nos proporcionaron tranquilidade e solución, quedaron sen apoio racional nin funcional nunha sociedade na que os intereses, os obxectivos e mais as finalidades xa non son as que foran. A sociedade moderna relegou a morte á escuridade, afastouna da vida, converteuna en tabú. Se, coma se di na obra, antes diso a morte era un feito natural, hoxe constitúe un fracaso terapéutico; se antes a boa morte consistía en que a persoa tivera tempo para deixar todo preparado, solucionado e as despedidas feitas, hoxe prefírese a morte repentina que evita o sufrimento; se antes o defunto era o protagonista da súa morte, hoxe afástase o cadaleito detrás dun cristal. Novas solucións, non cabe dúbida, para un novo mundo onde a ciencia tomou o mando. Pero ollo, que como remata dicindo o documental: “Privarnos dos rituais de axuda, complica a vida.”

Compartir el artículo

stats