Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Gramática pioneira

500 cabodano de Antonio de Nebrija

Antonio de Nebrija (1444-1522). Arquivo

Por razóns que a priori se escapan da razón común -para comprendelas hai que facer análises polo miúdo-, hai linguas ou falantes delas que se comportan dunha maneira expansiva mentres que outras -vítimas daquelas- bastante teñen con conservar o que nalgún día foron. E o castelán, grazas ao aparato político forxado nas zonas nas que naceu e medrou, tivo unha expansión que chegou a poñer en perigo as restantes linguas faladas no Estado español.

Unha vontade hexemónica que sempre contou con honrosas excepcións, xa desde os tempos do Marqués de Santillana. Porque, ao cabo, reflexionar sobre a lingua propia e saber os seus límites non supón negar as dos veciños. E iso foi o que fixo Antonio de Nebrija verbo do castelán, cando en 1492 publicou -é dicir, levou ao prelo- a súa Arte de la lengua castellana.

Monumento a Antonio de Nebrija en Lebrija (Sevilla). Arquivo

Esta obra foi esgrimida por aqueles que pretenden a hexemonía lingüística do castelán para lexitimar a súa preponderancia e, asemade, unha superioridade política de Castela por riba das outras terras peninsulares e insulares. Cómpre sinalar que, malia a condición de obra impresa, a gramática castelá de Nebrija -de cuxa morte agora se compren cinco séculos- tivo unha extensión limitada, por diversas circunstancias: unha, obvia, pola curta tiraxe que tivo, circunscrita a ámbitos moi concretos. Proba diso é que houbo intentos posteriores, como o manuscrito (1693-1729) de Juan Francisco de Ayala Manrique que pretendía completar o Tesoro de la lengua castellana o española (1611) de Sebastián de Covarrubias e que quedou sen futuro cando a Real Academia Española -creada en 1713- impulsou a publicación dun Diccionario de autoridades. En calquera caso, a obra de Nebrija non foi reeditada ata que Francisco Miguel de Goyeneche, conde da Salceda, non impulsou a súa publicación entre 1744 e 1777.

Escrito na súa memoria.

Antonio Martínez de Cala y Xarana, máis coñecido como Elio Antonio de Nebrija, naceu en Lebrija (1444) e morreu en Alcalá de Henares (1522). Fillo dunha familia de agricultores acomodados e de posibles orixes xudías, estudou no Colexio de España de Boloña, que fundara o cardeal Gil de Albornoz en 1364, onde tamén o fixera o seu pai. De regreso a Castela, pasou a traballar co arcebispo de Sevilla, Alonso I de Fonseca e Ulloa, pertencente a unha importante familia galega moi próxima á coroa.

Despois de dar aulas na catedral de Sevilla, en 1473 obtivo a cátedra de Gramática e Retórica de Salamanca. Casado naquel ano, perdeu a asignación eclesiástica e, incapaz de seguir na universidade, pasou a estar protexido por Juan de Zuñiga e Pimentel, daquela Mestre da Orde de Alcántara. Grazas a tal mecenado puido establecerse en Zalamea de la Serena e dedicarse ao estudo, froito do cal foi a súa primeira obra, Introductiones latinae (1481), que ben axiña foi traducida ao castelán e ao catalán.

Como latinista, discrepou de moitos clásicos, circunstancia non estraña despois de séculos de deturpación e da aparición das linguas romances. Consideraba que o estudo do latín non debía facerse per se senón ao servizo da ciencia. Asemade defendía que a gramática tiña que dividirse entre ortografía, prosodia, etimoloxía e sintaxe, un esquema que permaneceu inalterado ata a aparición dos novos estudos filolóxicos xa no século XIX.

Foi home de diversos oficios intelectuais, entre os que cabe salientar os de lingüista e lexicógrafo, historiador, pedagogo, impresor, cronista e escritor. Ademais da súa gramática, publicou entre outras obras un Diccionario latino-español (1492) e un Vocabulario español-latino dous anos despois. Foi tamén un destacado estudoso dos textos bíblicos grazas aos coñecementos que tiña de grego e mais de hebreo, que lle permitiron a publicación de transcricións ao latín en De literis hebraicas (1515), coa colaboración de hebraístas de orixes xudías. Esta circunstancia fíxoo sospeitoso aos ollos da Inquisición, que pretendeu que non reinterpretase os textos bíblicos latinos fixados pola Igrexa católica. Porén, Nebrija opuxo a preeminencia da ciencia por riba da relixión, dos filólogos por riba dos teólogos, moitos dos cales non sabían hebreo.

Lingua e poder

Nebrija fixo célebre unha máxima: “La lengua siempre fue compañera del imperio”. Este gramático, cuxa ciencia bebeu do humanismo, quería sinalar que a lingua castelá tiña que ser codificada para ser comprendida, e polo tanto útil, no conxunto das terras que gobernaba a coroa de Castela. Non -como fixo despois o nacionalismo español- coma bagaxe imprescindible da conquista e colonización de América.

Non cabe dúbida que o poder sempre precisou dunha lingua unificada. Fixérono Afonso X, Xaime I e Don Dinis nas respectivas chancelerías. Pero tal vez o primeiro en reflexionar sobre a propia lingua romance foi Dante Alighieri no seu estudo De vulgari eloquentia, que defendía o papel dos laicos fronte aos cregos e que anos despois deu lugar a normativización do toscano da man de Cristoforo Landino e Lorenzo de Medici.

En Francia, co obxectivo de desterrar o latín, Francisco I elixiu entre os dialectos d’oïl (aínda vixentes) a variante falada na Illa de Francia (vulgare françois) coma oficial na administración do reino coa ordenanza de Villers-Coterêts (1539). En 1531 o médico Jacques Dubois redactara en latín a primeira gramática da lingua francesa.

No caso de Inglaterra, a adopción serodia da lingua vulgar fronte ao anglonormando da corte motivou que a súa primeira gramática, a de William Bullokar, non se publicase ata 1586.

Compartir el artículo

stats