Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A procura de "As sete xanelas"

Idoia Montón no MARCO

Peza da mostra "As sete xanelas" que se está a expoñer no MARCO. Eli Regueira

As sete xanelas é o título da mostra que presenta Idoia Montón (Donostia, 1969) no MARCO. Trátase dunha exposición presidida pola representación da relación entre dentro e fóra, nun sentido que vai desde o plano pictórico até o vivencial. Por medio destas referencias, a pintora quere mostrar unha visión das súas preocupacións e percepcións desde a experiencia biográfica.

A obra que Idoia Montón desenvolveu durante as tres últimas décadas entre Euskadi e Cataluña permite enxergar algunhas das chaves da ollada contemporánea, entre as que, na nosa consideración, salienta a perda de interese polos trazos máis sutís da linguaxe plástica, polo carácter máis acabado da obra; pola contra, domina a preocupación pola configuración ou consistencia dos motivos captados, unha actitude que non deixa de ter unha dose de forte voluntarismo nun contexto social como o actual en que as conexións humanas xa non son “vividas directamente” senón que se distancian na súa relación cara a ese modelo de “sociedade do espectáculo” que describe o pensador francés Guy Debord. Neste sentido, o uso da xanela é un elemento reiterado ao longo de toda a traxectoria da artista como medio para ver a realidade, a paisaxe ou a vida, subliñando a importancia dunha ollada lateral, múltiple e fragmentaria. Non poucos dos principais temas de interese do noso presente aparecen nestas creacións: a identidade; o medio natural; o tratamento do corpo como motivo de reflexión conceptual e formal; a violencia; a ligazón co medio urbano, ou a cultura do cotián. Idoia Montón procura dunha ligazón entre o obxecto ou o tema representado e o espectador concreto, un espectador dun ámbito histórico real, que nos resulta tan cómplice a moitos dos que compartimos coa autora experiencias xeracionais, viaxes e/ou lecturas. Percibimos, daquela, que a pintora se interesa pola ollada do espectador e pola súa resposta, e utilizo o termo “ollada” no sentido do psicanalista Jacques Lacan, para designar o que antes se chamaría “punto de vista”, entendendo que a ollada expresa unha actitude mental da que a autora e o espectador non teñen por que ser necesariamente conscientes, mais que é un elemento plenamente actuante.

Peza da mostra "As sete xanelas" que se está a expoñer no MARCO. Eli Regueira

Non se entenda esta reflexión nun sentido crítico ou homoxenizador que faga comprensíbel o labor da nosa autora en relación con outros creadores, senón máis ben como constatación dun proceso que se pode percibir nas artes desde hai ben anos, mais que adquire na sociedade actual unha xeneralización absoluta e en que as novas xeracións de artistas se ven inseridos.

Idoia Montón traballa na procura do sentido da pintura dende o común para indagar na realidade e no mundo en que vivimos. As súas pinturas e debuxos constrúense a partir dun catálogo de imaxes do cotián. Desde a liberdade, o rigor e a autocrítica, para expresarse con voz propia, realiza un traballo artístico a xeito de relato. As obras de Idoia Montón, neste sentido, suxírenme, curiosamente pola súa rotundidade, a idea de ambigüidade de figuración. A respecto desta cuestión, cómpre lembrar que desde que irrompeu a fotografía, esta inaugurou unha nova forma de entender e comunicar, que non deixou de transformar e medrar, e transformarnos á súa vez. A pintura, e en especial as correntes figurativas, non é allea a esta influencia. Sería difícil entender, por exemplo, a pintura da artista vasca sen este referente –e sen a da historia da pintura- nesa vontade de conxelar a memoria das sensacións de vivencia cotiá.

Peza da mostra "As sete xanelas" que se está a expoñer no MARCO. Eli Regueira

Peza da mostra "As sete xanelas" que se está a expoñer no MARCO. Eli Regueira

Título: As sete xanelas.

Autora: Idoia Montón.

Comisariado: Alicia Fernández e Miguel Fernández-Cid.

Local: MARCO, Vigo. Até o 4 de setembro.

Reinterpretación, lectura e diálogo

Outramente, nos contidos esta tendencia á captación do instante, en certo sentido á súa conxelación, non fai que a reflexión sexa esquecida –entendido este concepto nun sentido forte-, sendo en ocasións o que no fondo xustifica as súas obras. E é neste territorio onde a artista consegue os mellores logros, na súa reinterpretación, lectura e diálogo cos elementos da cultura anterior ou coas imaxes e olladas herdadas, olladas e imaxes que son xa inseparábeis, e mesmo indistinguíbeis, da creación artística.

Semella que Idoia Montón, co conxunto do seu labor, propuxese unha serie de relatos, series plásticas que funcionan como narracións, representando un mundo de identidades múltiples, un bucle de enmascaramentos, con complexidade de sentimentos. Aínda que o descaougo é ben perceptíbel, esta percepción non é necesariamente sempre negativa, porque tamén debemos entendelo como requento, lévedo que posibilita a vida.

Partindo destes presupostos, a artista propón ao espectador penetrar neste universo plástico, como se estivese debruzándose sobre un escenario teatral ou cinematográfico, e faino creando un ambiente que facilita que sintamos unha identificación intuitiva con ese universo, que percibamos un xénero de simpatía -no sentido etimolóxico- intelectual por medio da que nos colocamos no interior do mundo por ela elaborado, de modo a coincidir con aquilo que é único no mesmo e, consecuentemente, non se pode espremer. Sigo aquí os conceptos metafísicos de Henri Bergson porque acho na obra de Idoia Montón esa vontade de resaltar a centralidade da consciencia da que falaba o filósofo francés, compartindo neste sentido preocupacións co pensador alemán Edmund Husserl. Unha vontade que se torna moi intensa e reflexiva e en certo sentido máis teatral polo explícito desexo de actuación sobre a realidade.

Momento na mostra "As sete xanelas" que se está a expoñer no MARCO. Eli Regueira

Compartir el artículo

stats