Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fernando Franco Xornalista

“Os fíos da cultura e a moda entrecrúzanse na historia”

Fernando Franco, cun exemplar de '40 anos de moda en Galicia'. MARTA G. BREA

Xornalista con sinatura ben coñecida, e recoñecida, en FARO DE VIGO, Fernando Franco é autor de 40 anos da moda en Galicia (Guiverny): volume do que está para saír xa a terceira edición, e no cal analiza a moda galega dos 80 dende o punto de vista cultural e artístico.

–Por que a moda (tamén) é cultura?

–É que aínda queda alguén que o dubide? Calquera definición da moda ten que implicar a cultura, e ao revés. Falamos da moda non como tendencia maioritaria no vestir senón desa etapa anterior á produción, distribución e venda: a do deseño, a da creatividade indumentaria. Pense, sen ir máis lonxe, na Galicia dos oitenta e verá como os grupos de música, os deseñadores, os videocreadores, os artistas plásticos… estaban interrelacionados nunha amálgama creativa. Adolfo Domínguez estudou en París e Londres; Verino en París; Florentino en Barcelona, cando era a capital do deseño español…

–Ou sexa, que non é algo frívolo, efémero, superficial…

–O que é unha frivolidade, sería facer tal afirmación. A moda é algo cambiante pero, para os estudosos, a análise do vestido pode permitir detectar o espírito do tempo histórico; a súa historia permite entrever a historia da sociedade. E representa un complexo entramado de forzas sociais, económicas e mesmo políticas, ata o punto de que houbo leis suntuarias que delimitaban o gasto na vestimenta. Na Segunda República houbo un xeito de vestir, o da muller republicana, diferente ao da muller da Sección Femenina do franquismo. Non houbo cambio revolucionario que non se manifestase na vestimenta.

–Daqueta, a moda tamén é unha arte?

–Non vaiamos discutir, en plan de intelectual de mesa camilla, sobre o sexo dos anxos. Baudelaire falou da moda como arte e artistas como Manet ou Cocteau, fotógrafos como Man Ray, escritores como Honoré de Balzac ou Oscar Wilde estiveron fascinados por escribir e retratar imaxes da moda. Xa non falo de ilustradores. En Galicia din os que saben que son moitos os exemplos que se poderían poñer para ilustrar o papel que o traxe e a indumentaria xogaron na arte galega. O Profesor Monterroso cita pintores como Gregorio Ferro, Ovidio Murguía, Castelao, Elvira Santiso, Maside… Antes da etapa do prêt-à-porter, a alta costura foi proposta incluso como unha das Belas Artes.

–No caso da moda galega xurdida nos anos 80 do século pasado, pódese dicir que foi a moda a que se achegou á cultura ou foi a cultura a que se achegóu á moda?

–E que non son conceptos que se poidan separar; os fíos da cultura e da moda, entendida como a arte de vestirse, están entrecruzados ao longo da historia. Cando vinculamos a moda de Galicia aos anos 80, é porque, no noso país, a moda non chega a albiscarse ata o último cuarto do século XX, cando aparece un concepto integral do vestir, da cabeza aos pés, que sae desta terra, que define unha identidade colectiva. Vestir á española significou prestixio no século XVI no mundo, e vestir á galega significouno a partir dos anos 80.

–A primeira parte do seu libro titúlase “Galicia, sitio distinto tamén en moda” Que ten de distinta a moda galega? Poderíanse dar uns sinais de identidade da moda galega que a fan “distinta” con respecto a otras latitudes?

Máis que moda galega, é moda de Galicia. A moda é un laboratorio de identidades. A vinculación de Galicia coa moda xorde cando por vez primeira unha proposta plural se identifica cun país. Non é que haxa sinais de identidade no deseño de seu, senón que hai un lanzamento da mensaxe de Galicia como “país moda,” sustentado nunha base creativa e operativa real. Antes houbo costureiras ou fabricantes de pantalóns ou camisas sen nome propio e incluso refuxiándose en nomes extranxerizantes. Antes non vendimos ao exterior máis que as palabras corpiño ou chuvasqueiro. E non as pagaron.

–Vivir o fenómeno da moda dos 80 desde dentro foi, por unha banda, o máis adecuado para contar esta historia pero, pola outra, é un perigo caer na tentación da subxectividade. Como evitou dita “tentación”?

–Non a evitei . A subxectividade forma parte do fenómeno da moda e da súa linguaxe, que está en perpetuo cambio. E, ademais, onde non está a subxectividade? Vender a imaxe de Galicia como “país moda”, non pode facerse falando do paraíso do capitalismo, do consumismo, da moda xusta, da explotación dos traballadores en países subdesenrolados ou da contaminación do medio ambiente que xeran as fábricas senón adxectivándoa, enpoleirándoa. Para iso, vaian ler outros autores. Cada cousa no seu espazo e momento, e todas son boas.

–O que pasou co bum da moda galega, pode repetirse malia que sexa doutro xeito?

–Hai que recoñecer que a partir dos 80 pasaron vinte ou máis anos de expansión nacional e internacional. ao que seguiu un certo declive co peche dalgunhas marcas por circunstancias diversas que afectaron a todo o sistema de moda español, pero a moda galega segue tendo o seu peso. Se algúns caeron e pecharon, outros apareceron, como Bimba y Lola, nun sistema de radical cambio respecto ao anterior na comunicación, produción, comerialización… E quedou unha cultura da moda importante, un rico knowhouse, un saber facer, e unha canteira poderosa.

–Coida que o bum dos 80 da moda alega serviu para que, digamos entre as clases populares, deixara de considerarse a moda algo apenas para elites?

–Ata a chegada do prêt-à-porter, nos anos 60, cando comeza a etapa da produción en masa, a moda era, como sistema de signos, un sistema de diferenciación, de status social; o traxe foi un instrumeno de diferenciación social. E foino dende a mesma Idade Media, pero incluso tamén nos 80 e co prêt-à-porter. A diferenza entre os ricos e mais o resto dos cidadáns agrandouse e foise expresar no valor da marca, no corte, nos tecidos, na confección… aínda que o que antes se chamaban clases populares podían acceder a produtos vestimentarios que disimulaban a súa condición de clase. Pero sempre se nos ve o “plumeiro.” A democratización para moitos non elimina a distinción duns poucos.

–Hai que estar ao tanto da moda para “vestir ben” e non “dar a anota” en determinadas situacións?

–O xeito de vestir é unha linguaxe, un sistema non verbal de comunicación… e de diferenciación. Hai que estar ao tanto da moda, sen que haxa que manter unha atención obsesiva. Simplemente, estar ao tanto e comprender culturalmente ou intuír as linguaxes de cada tempo.

–E que é “vestir ben”? Hai que estar formado culturalmente para iso?

–Penso que a maior cultura, maior posibilidade de vestir ben, aínda con poucas posibilidades económicas. E, por suposto, vestir ben non é ir á ultima moda nin ser unha fashion victim. O de marcar tendencias queda para os mozos. O gusto no vestir ten que ver coa intemporalidade, por aí anda a elegancia, que sempre é sobria e non quere a excesiva visibilidade.

Compartir el artículo

stats