Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Deficiente escrita

Unha narrativa inmatura

Aspecto da portada de "Cando os lobos escoitaban a radio".

En 'Cando os lobos escoitaban a radio', Pemón Bouzas desprega a súa mellor escrita para mergullarnos nunha historia absolutamente conmovedora”, remata o extracto que Edicións Xerais escribiu na contraportada desta novela. Pode ser a mellor escrita do autor, pero igual ca o texto da contraportada, esta novela está moi mal escrita.

Bouzas recrea parte da actividade da guerrilla antifranquista na comarca do Bierzo, mediante personaxes reais tales como Manuel Girón ou Francisco Martínez, alias Quico, ambos combatentes contra a ditadura coas armas na man. A acción comeza no 1950 e describe as vicisitudes dunha loita heroica, illada e por veces romántica, por veces suicida, en esquiva permanente do acoso da Garda Civil.

Dixo Friedrich Engels que aprendera máis sobre o século XIX en Francia coas novelas de Honoré de Balzac ca nos manuais de historia. E con certeza, en moitos ocasións é a literatura o mellor medio para comprender o noso pasado. E é habitualmente a novela con vontade popular a que atinxe esta difícil meta. A que expresa con oficio a realidade mediante un estilo claro e cunha vocación de chegar ao máximo número de persoas. Non vai ser o caso desta novela do xornalista santiagués.

Neste libro nada funciona. Por suposto non hai nin rastro de literatura, nin se busca. Mais tampouco unha trama ben armada, nin personaxes autonómos, nin unha man firme ao temón do texto. Só elementos escollidos polo seu “sabor” social (guerrilla, represión, memoria histórica) e algúns datos xerais que o autor vai espallando case ao chou.

Este libro deberíase estudar como compendio de todos os males da narrativa inmatura: incapacidade para diferenciar as voces narrativas, a pesar de que o autor escolleu varias primeiras persoas; falta de ritmo (as frases tropezan unhas nas outras lastradas por subordinadas inoportunas, adverbios innecesarios e moitos adxectivos); diálogos sen graza nin naturalidade; e desorde, moita desorde que impide que o relato flúa e capte o interese do lector.

Con todo, o principal problema que ten Cando os lobos escoitaban a radio é que non é verosímil. A pesar de que hai un evidente pouso de realidade nos feitos que se queren narrar, o certo é que todo parece de cartón pedra. Ofrécese o relato sobre un universo literario que se percibe artificioso e superficial, construído a base de tópicos. É posible que o autor quedase obnubilado pola potencia dos feitos históricos e ficase paralizado, incapaz de modelar ese magma para convertelo en materia prima dunha nova creación.

Por certo, xusto estes días preséntase o novo libro autobiográfico de Quico, de 96 anos: 'Caminos de resistencia'.

Portada do libro.

PEMÓN BOUZAS, Cando os lobos escoitaban a radio, Xerais, Vigo, 2022, PVP. 17,05d

Compartir el artículo

stats