Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Libros

A soidade global

Valores na distopía

Ilustración de portada de "A soidade selénica".

“Ficción científica”, este é o título da nova colección de Galaxia dedicada á ciencia ficción. Inaugúrase a nova liña coa novela de Juan Parcero A soidade selénica. O autor moañés, cunha ampla traxectoria no mundo da curtametraxe, e con xa tres novelas psicolóxicas nas librarías, chega agora cunha entrega moito máis ambiciosa tanto en lonxitude como en temática.

“A realidade supéranos mentres pensamos en que o que sucede é imposible”; tras dous anos pandémicos unha oración coma esta pasou a formar parte das nosas experiencias vitais, e iso provoca que esteamos máis abertos a asumir as distopías. O mundo deseñado por Juan Parcero é tan crible que ben podería deixar de selo en calquera momento nestes tempos de aparente volta á bipolaridade dos bloques dos anos 80, e nese sentido podemos mesmo non sentir na lectura a ucronía, aceptando a súa posibilidade de existencia. Vai ser no terreo do distópico, e máis concretamente na fondura psicolóxica desa distopía, onde nos imos sentir atrapados pola realidade en que viven os protagonistas.

Nun mundo dominado por forzas enfrontadas, a única vía de saída é procurar formas de vida fóra da Terra. Loia chega á Unidade de Vida, foi escollida para participar nun proxecto para salvar a especie, e farao na compañía de dous xemelgos que a tratan moi ben, Irana e Xano. Serán as súas vivencias as que nos conduzan a través deste mundo difícil onde están penados “a mentira e o engano e se premia a calma, a paz, a limpeza física e mental, o ser coma todos”...

A perda do medo compensará a anestesia mental? As personaxes móvense en contornas que nada lles ofrecen, as paisaxes son amplas e solitarias, nos interiores, altamente dixitalizados e presididos polo minimalismo, todo é novo, impecable e limpo. A xeografía marítima presidida pola illa de Ítaca co Mar de Aluminio e o Mar do Exilio ao que deben cruzar as persoas ao cumpriren os trinta anos nun determinismo inesgotable é o destino común.

O amor do autor polo xénero plásmase a través das referencias tanto á literatura como ao cinema de ciencia ficción e así damos con Bradbury, Asymov, Kubrick, Scott... Así mesmo, a música ten un papel moi importante no relato en tanto que se converte nun elemento irracional que serve para lle dar saída á frustración e ao medo. Ao final vai ser a arte o que nos faga máis humanos e vai ser o amor o único que será verdadeiramente diferencial.

Parcero proponnos unha apaixonante lectura sen idades que nos convida a unha reflexión máis profunda sobre as nosas propias necesidades individuais e tamén como especie. Atréveste a sentir a soidade selénica?

  • PARCERO, Juan, A soidade selénica, Galaxia, Vigo, 2022, PVP. 16,72€

Compartir el artículo

stats