Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entrevista
Pemón Bouzas Xornalista e escritor

“Houbo algúns falanxistas que apoiaron a guerrilleiros galegos”

Pemón Bouzas. Xoán Álvarez

Xornalista ben coñecido da TVG, Pemón Bouzas tamén cultiva a literatura, e abofé que o fai con excelentes resultados de crítica e público. Na súa última novela, Cando os lobos escoitaban a radio (Xerais), narra unha historia baseada rigorosamente en personaxes e feitos reais.

–Esta historia está baseada en feitos e personaxes reais. Sendo Vde., ademais de escritor, xornalista, por que decidiu contala como unha novela e, alén diso, con tres voces narrativas distintas?

–A decisión de escoller como narras unha historia é moi importante para min e, de feito, barallei varias alternativas, pero na miña cabeza estaba o que ao principio quería ser: isto é, unha introspección interior do propio escritor que se pregunta “por que isto foi así, que pasou, que preguntas lles fixen ás persoas implicadas…". Decateime de que a importancia dunha das tres persoas narradoras que incorporei ao relato é moi grande, por iso quixen darlle a relevancia que merecía para que, con todo o que souben dela, contar a historia dende esa perspectiva. Pero resulta que quen me falou dela, foi o seu fillo, así que tamén o incluín como voz narrativa. Mais, por outra banda, tamén había outra testemuña importante, a versión do chamémoslle o “malo” (que quizais non era tan malo), o garda civil. Estas tres voces tiñan que saír, e cheguei á conclusión de que a mellor maneira de transmitir o relato era a de facer unha especie de crónica ficcionada; isto é, unha novela.

–Unha das cousas que conta é que estes guerrilleiros galegos estaban apoiados por xente vinculada ao franquismo, incluso por falanxistas, empresarios e ata gardas civís...

–Non maioritariamente, que conste. Pero un dos guerrilleiros supervivintes cos que eu falei, Francisco Martínez “Quico”, cando leu a novela, felicitoume pola valentía de contar iso, cousa á que seica non se atreveron os historiadores. El mesmo recoñecía que si, que houbo uns cantos falanxistas que os apoiaron.

–E como se explica isto?

–Explícase en función de que en todas estas historias, como na propia realidade, non todo era branco e negro.

  • BOUZAS, Pemón, Cando os lobos escoitaban a radio, Xerais, 2022, 272 páxs.

–Vde. intenta en todo momento cinguirse aos feitos e non tomar partido por ningún dos dous bandos. Custoulle non caer na tentación de amosar as súas preferencias por uns ou por otros?

–Non, porque eu como escritor non teño por que tomar partido. Os tres narradores teñen cadansúa voz e o que eu pretendía era que se expresaran eles. Daquela, penso que é o lector o que ten que interpretar todo iso que lle contan e tirar as súas propias conclusións.

–Chama a atención esas referencias que Vde. fai á estrea en España da película Foise co vento. A que esa referencia?

–Encaixoume no tempo. Foi unha casualidade que atopei cando me documentaba para a novela. Esa película aínda tardou moito tempo en estrearse en España, e foi nunha sala de cine de Barcelona, onde estivo proxectada durante máis dun mes, e despois estreóuse en Madrid.

–Reparemos no título: Cando os lobos escoitaban a radio. Por que o da radio?

–É unha homenaxe ás radios que se podían escoitar nesa época, en plena posguerra. Os guerrilleiros escoitaban pola noite, ás agochadas, Radio Pirenaica (que emitía desde fóra de España), nomeadamente durante a Segunda Guerra Mundial. A Pirenaica foi moi perseguida, pero non conseguiron que deixase de emitir. Durante o día, claro, escoitábanse as que se podían oír: Radio Nacional de España, Radio Madrid cadea SER…que intentaban aledar unha sociedade reprimida e con durísimos racionamentos de comida.

"O guerrilleiro Quico avisoume de que, por contar certas cousas, ían caerme paus polos dous bandos"

decoration

–E quen son os lobos?

–É que dos guerrilleiros antifranquistas, en Galicia e notras partes de España, dicíase despectivamente que “viven coma lobos”, unha expresión que formaba parte da propaganda franquista de desprezo aos adversarios. De feito, moitos crimes atribuídos ás partidas de guerrilleiros foron cometidos en realidade por “contrapartidas” constituídas por gardas civís e pistoleiros falanxistas que se distinguían ben dos auténticos guerrilleiros nas aldeas porque “cheiraban a colonia”. Esta xente cometeu atrocidades para socavar a imaxe dos guerrilleiros, dos ”lobos” que, en realidade, representaban á sociedade republicana que querían esmagar, facer desaparecer fisicamente incluso da memoria.

–Suso de Toro definiu a novela como “western crepuscular”. Pódese dicir que o tempo no que aconteceron os feitos marca a fin dunha época e omais inicio doutra?

–Si, totalmente. Suso de Toro estivo atinado. É western, si, aínda que é western europeo. E tamén é crepuscular poque ese feito que eu narro, datado ano 1951, marca un antes e un despois. Ata esa altura, buscábase a utopía, pero a partir de aí acabouse todo. España sumíuse na desesperanza. Pasouse da loita á resignación.Hai que ter en conta que o racionamento durou ata o remate desa década: é dicir, que á fame se sumou á represión e mais a morte. E o único que se podía facer era tentar sobrevivir baixo a bota dos militares.

–Teño escoitado algunhas declaracións que fixo sobre este libro e dáme a impresión de que non está Vde. moi de acordo co xeito en que se entende a Memoria Histórica, pero é posible facer memoria histórica dende un posicionamento neutral?

–Eu o que vexo é que ás veces os historiadores toman partido por un determinado posicionamento político e colocan iso por enriba dos feitos que contan. E quizais por iso aínda non conseguimos pasar páxina, porque aínda hai relatos que quedaron en branco, ou con medias verdades... E así non hai xeito de construír un país democrático. Ese é o aspecto que eu critico. A min, o propio “Quico” avisoume tamén de que, con este libro, podían caerme paus de todas as partes, da dereita e da esquerda, pero vaia…que caian! Eu, dende logo, non inventei nada. Todo o que conto está documentado.

Compartir el artículo

stats