Libros

Filósofo e poeta

Un gran potencial

Detalle da portada do libro "O corpo transparente das horas".

Detalle da portada do libro "O corpo transparente das horas". / Héitor Mera

Héitor Mera

Abraham Pérez ten formación filosófica. E nótaselle. Ao irmos avanzando no seu último poemario, O corpo… percibimos todo un construto lírico-filosófico que en moitas ocasións desequilíbrase cara á parte do pensamento puro. O eu lírico neste poemario é sentenzoso. Poderíamos dicir que son sentenzas filosóficas. Unha enunciación moi parecida en todas elas, retorcendo a linguaxe, mais cunha conceptualización da realidade que vai máis alá e que obriga o receptor a parar a pensar todo aquilo que ten que ir interpretando e asimilando ao longo do texto.

A realidade é o escenario, as diferentes manifestacións da mesma os actos e cada un dos poemas as escenas dunha macro reflexión ao servizo da poesía. Deste poemario poderiamos sacar todo un tratado da historia do pensamento. As influencias ou preocupación son varias e enriquecedoras. Máis alá da evocación íntima, O corpo… tórnase entretido de ler. Mesmo ten aspectos –todo depende tamén da recepción de cadaquén…– ensaísticos. Eses poemas existencialistas, esa crítica ao positivismo e capitalismo, o paso do tempo e relación entre os relampos do pasado e as posibilidades do futuro e a confluencia de todas as súas teimas cara á desesperanza. Moito que debullar. Realmente moito que expoñer coa pretensión lírica da evocación. Se cadra esta premisa provoca que moitos poemas sexan un pouco forzados. Incluso se poida facer pesado e repetitivo un modelo que non se axusta necesariamente á intención última. Esa enunciación, no esencial, case padrón, para expresar todo ese dioivo de reflexión filosóficas co prexuízo de que para facelo hai que ser críptico na linguaxe… Ten un potencial enorme, pero queda ancorado no inmobilismo formal e lingüístico. O que ten que contar é outra cousa, aí é unha verdadeira marabilla, mais atopamos falta de correlatividade nestes dous ámbitos da manifestación poética.

Dan ganas de coñecer no futuro ao Abraham Pérez ensaísta. Ao filósofo con moitas cousas que contar. Tamén ao poeta, mais dándolle unha volta a ese envoltorio que dista de ser a poesía axeitada para este seu extraordinario mundo que ofrecer.

  • PÉREZ, Abraham, O corpo transparente das horas, Galaxia, Vigo, 2022, PVP. 14,15€

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents