Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Teatro

Dramaturxia galega actual

Novas achegas

'Ophelia' (1851), de John Everett Millais. Arquivo

No seu magnífico, e seguramente incontestable comentario crítico a 'A orixe da traxedia desde o espírito da música (Nietzsche, 1872)', incluído na colectánea El alma y el espejo (1981), Rafael Dieste introduce un elemento fundamental, non considerado polo filósofo alemán: a idea de comunicación. E aínda presenta outro máis importante, contido no subtítulo daquel magnífico ensaio publicado en 1936: La vieja piel del mundo (Sobre el origen de la tragedia y la figura de la historia). Pois, en efecto, a historia, que é reconto e lembranza, nace co teatro e viceversa. A historia nace coa narración, e o teatro nace coa necesidade de contar, de lembrar, de conxurar o que foi, para lembralo, mesmo para imaxinar o que puido ser ou o que será. E por iso, conclúe Dieste, nas festas, onde a comunidade celebraba e se narraban ou mostraban historias, nace a Historia. Así nace tamén a literatura, arte ou oficio da palabra, e as artes da escena, que son palabra e movemento.

Claro que hai moitas formas de contar, como as hai de pintar, ou de compoñer música, e por veces as historias están a medio facer, xa que o recordo, por incompleto e subxectivo, nunca pode mostrar todo aquilo que foi, pois garda aquelo que vivimos, que soubemos e sabemos, ou que nos dixeron, e pode haber cousas que se calan, ou calamos, ou non queremos lembrar. Con esta idea téñense creado obras literarias ben interesantes, e tal parece ser a maneira en que Laura Porto compón o texto titulado 'O senso da floración', primeiro dos que integran o volume Dramaturxia galega actual (volume 2), que vén de publicar A Feira Edicións, con limiar do dramaturgo Ernesto Is, no que debulla trazos básicos das catro pezas escolmadas.

Nesta primeira saberemos dalgúns feitos acontecidos na aldea de Riofrío, que por diferentes escenas, camiños e relatos, mostran apenas un momento na vida das súas xentes ou a orixe da súa creación, da man dunha muller cun nome no que resoan mitos vedraños. Son un total de quince fragmentos que van precedidos por versos de Olga Novo, e no primeiro deles (“Digo os vosos nomes con humilde voz cereal: e desta forma sinxela fago que a morte non exista”), atopamos algunhas claves para chegar á cerna posible da trama destecida. Así atopamos un laio, un treno, por todo o que se nos vai indo, cando a historia milenaria da contorna esmorece, pois os elementos diversos que a conteñen deixan de ser, como a casa dos do Xan, feita de madeira de castaño centenario. Unha reflexión sobre a perda da memoria colectiva e o valor das tradicións, cando en tantas comunidades os nomes das xentes, dos feitos e das cousas, van murchando ata desaparecer para sempre. De igual xeito, tamén se propón unha mirada sobre as moitas maneiras en que as violencias abrollan en todos os nosos actos, sobre a soidade, os xéneros e os roles, as herdanzas, as amizades e as tolemias. Un microcosmos a un tempo idílico e truculento, coma o río tronante que boura nas corgas.

  • VV.AA., Dramaturxia galega actual Vol. 2, Á Feira Edicións, 166 páxs.

O terceiro dos textos, 'Camiños de luz', do que é autor o director de escena César No, resultou gañador do IV Premio Pegada do Eco de Teatro Radiofónico, e a súa feitura acomódase ao medio para o que foi escrito. Voces que falan e voces que narran, xunto con efectos sonoros diversos que dan conta de tempos, espazos, situacións, accións e conflitos. Entre as voces que se escoitan, chega o balbordo de emigrantes que foxen da miseria; entre as que contan, sabemos da ledicia patria por éxitos deportivos logrados con xogadores ou atletas chegados desas mesmas terras do sur ignorado, pero para os que as condicións de acollida son outras. E así estouran contradicións certas desta nosa terra de emigrantes, coa memoria atrapallada.

Finalmente, para pechar o volume, atopamos 'Romper o xeo, bailar a nada', un texto de Ana Abad de Larriva que contén instrucións para un espectáculo abeirado ao formato da presentación e da acción escénica, e que ten como pano de fondo a catástrofe ecolóxica que se aveciña. Ora ben, cómpre saber que con esa catástrofe o noso planeta vai seguir onde está, pois o que está en risco é o delicado equilibrio que nos permite existir e que xa se está quebrando. En pouco tempo seremos especie en risco de extinción, e o planeta seguirá o seu curso por milleiros de millóns e millóns de milenios.

O dramaturgo Fernando Castro Paredes. Arquivo

Ofelia

O segundo texto do volume, 'Ofelia ou o cabeiro da cóbrega', do que é autor Fernando Castro Paredes, docente en Cee, foi o gañador do II Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual, que convoca Feira do Leste. Un premio cun título que semella querer insistir na necesidade dunha renovación sen paraxe, para superar todas esas formas que se consideran periclitadas, as que no seu día consagrou, supostamente, un tal Aristóteles, pois da súa Poética, a orixinal, nada sabemos.

Curiosamente a peza de Castro Paredes segue o canon mal chamado aristotélico, para ofrecer unha nova mirada aos feitos centrais da peza que Shakespeare (ou foi Marlowe?), titulou Hamlet: morte do pai, vinganza, intrigas nos pazos da realeza, loitas polo poder. Aquí cobran importancia os estudantes Rosencrantz e Guildenstern, que xa en 1874 foran recuperados por William S. Gilbert para compoñer unha parodia moi celebrada, anterior á de Tom Stoppard. Nesta peza van mostrar as moitas artimañas dos que mandan, ou dos que queren mandar, para lograr os seus obxectivos. Dous personaxes que, grazas a todo canto saben, acaban por mover os fíos baixo os que bailan os poderosos, ben que a estes tampouco non lles importe moito, pois o caso é bailar, nus e no baleiro. Un baile macabro para facer das nosas vidas un inferno.

Compartir el artículo

stats