Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Patrimonio

Na casa de Aurelio Verde

Un exemplo de arquitectura indiana en Xunqueiras

A Casa de Aurelio Verde na actualidade.

Moitas foron as veces que viaxamos á parroquia de Xunqueiras (Pazos de Borbén), para admirar ilustres exemplos da arquitectura indiana que ergueron os emigrantes que buscaron mellor vida no continente americano, caso de Villa Isaltina (1916) ou a casa de Serafina Freaza (1926).A arquitecta Teresa Táboas (1999), estudosa desta arquitectura ecléctica, apuntou con tino que “la historia social y económica de estos municipios en los que la emigración a Brasil fue generalizada, no puede entenderse sin ella; si estas arquitecturas llegasen a desaparecer, ya no sería factible explicar a las generaciones futuras el proceso incuestionablemente más doloroso de ruptura de una sociedad: la emigración. Ya no sería tangible su recuerdo, porque estas edificaciones por sí solas, hablan más que cualquier relato o trabajo escrito”.

Unha das casas que máis admiramos en Xunqueiras é a Casa de Peregrina, nome popular co que se coñece unha casa “da beira da estrada”, felizmente rehabilitada, que se sitúa no Cabo da Raña, aos pés do Monte da Serra. Esta vivenda foi erixida no primeiro terzo do s. XX, tal e como revela un epígrafe situado nun dos postes de granito que pecha a propiedade: “Villa Teresa / Aurelio Verde / Peregrina Domínguez / Año de 1932”.

A Casa de Peregrina, antes da rehabilitación.

Aurelio Verde foi un dos múltiples veciños de Xunqueiras que marchou a Salvador de Bahía a principios do s.XX na procura dunha vida mellor. Debeu emigrar moi noviño xa que o seu nome se inclúe entre o dos “mozos residentes en el extranjero” en 1913 e 1914 que debían cumprir co servizo militar obrigatorio. Na capital do estado da Bahía, Aurelio fixo unha certa fortuna traballando como industrial e, de regreso á súa aldea natal, casou con Peregrina e tiveron unha filla: Teresa, a mesma que lle deu nome á súa casa de nova planta. Viviu na Bahía ata mediados do século pasado aproximadamente. Se atendemos ás doazóns públicas do noso emigrado, o éxito económico de Verde foi modesto, xa que aparece doando unicamente 1.000 reis á subscrición que se abriu na Bahía “en favor de la familia de Francisco Rodríguez, asesinado bárbaramente en Salvatierra” en 1911. Os emigrantes máis podentes, pola contra, achegaron entre 2.000 e 10.000 reis “para sufragar los gastos de la acusación privada”. Con todo, segundo "La Correspondencia Gallega", no ano 1914 o noso protagonista xa formaba parte da elite social de Pazos de Borbén, tal e como evidencia a súa presenza nun banquete de sesenta selectos comensais que se celebrou “en la casa de D. Manuel García, en Moscoso” para obsequiar o novo alcalde da localidade, Enrique Domínguez Iglesias.

Directiva da Sociedade Española de Beneficencia en Bahía (1936).

Quince anos máis tarde, en 1929, "El Eco del Condado" informa que Aurelio Verde é vogal suplente da Real Sociedad Española de Beneficencia de Bahía, que traballaba por “atender hasta en sus más mínimos detalles las necesidades de nuestros socios para que nada les faltase cuando se tratase de recuperar la salud perdida”. Para cumprir con este fin a sociedade contaba cun sanatorio propio que, na altura, pretendía ampliar. Xa en 1936, a revista "Vida Gallega" dá conta que o noso veciño era un dos vogais da directiva desta institución sanitaria, que contaba con “pabellón central, suntuoso y elegante: las salas de esterilización, de operaciones, de aplicaciones de diatermia y de radiografía”, un complexo atendido por catorce profesionais, entre eles sete enfermeiras. “La magnífica cocina, el vestíbulo, los ascensores, etc. Lo más moderno, lo más práctico, lo más probado en el mundo se instaló en este Sanatorio”.

A veciñanza de Xunqueiras recorda que no baixo desta casa indiana estivo unha das tabernas-tenda de ultramarinos da parroquia. Alí tamén se xogaba ás cartas e, ao parecer, nunha ocasión unha partida tramposa acabou co asasinato dun veciño de Freaza a mans de dous homes dos Eidos de Riba. E na Casa de Peregrina tamén se recollía o leite aos veciños para a súa comercialización nas vilas próximas. Peregrina tiña fama de persoa bondadosa en Xunqueiras durante os anos da fame. “Era moi boa persoa, sempre tiña algo que lle dar a todo mundo”, recorda Manuel Lorenzo, veciño andado da parroquia. Trala morte da súa muller, Aurelio seica marchou de novo para o Brasil da man dunha neta que conservaba na outra beira do Atlántico.

Deseño, iluminación e hixiene

Unha das achegas arquitectónicas máis singulares da nosa vivenda é a falsa clave da lumieira que locen os ocos do piso terreo, un motivo que tivo eco noutras casas indianas da zona, como é o caso da que promoveu Aurelio Leiro en Moscoso en 1946.

Pero a galería de fundición que se sitúa na fachada principal é, sen dúbida, o elemento máis significativo da vivenda. Dotada de doce xanelas de guillotina, este corredor voado acristalado ten por obxecto, en palabras de Sánchez García (2008), “ganar una pieza habitable adelantada al plano de fachada de un edificio”, proporcionando “una eficaz protección y aislamiento climáticos”.

E é que as galerías de fundición e cristal son, xunto con outros elementos distintivos (a concepción da hixiene, o marco natural no que se insiren, a simetría e proporcionalidade no deseño, a utilización do azulexo...), un dos elementos máis característicos da arquitectura indiana que –como o idioma común– uniu para sempre a historia de Galicia e Brasil.

Compartir el artículo

stats