Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Libros

Fresco e dramático

De lectura obrigada

Detalle da portada do libro "Miñán".

Bourdieu xa deixou dito aquilo das forzas dentro dos sistemas culturais. Esas forzas ou debilidades amósanse na atención que se lle presta a segundo que asuntos. O cidadán medianamente espelido e sen ínfulas de sabichón é consciente de que nos meten polos ollos todo aquilo que convén que ocupe o noso interese. Creo que é moi obvio que as cuestión africanas, nomeadamente aquelas que teñan que ver coa África subsahariana, non son cuestións que estean presentes no noso día a día a pesar de acumular unha porcentaxe enorme das desgrazas que asolagan este planeta.

A literatura é unha imaxe perfecta desta realidade. Con honrosísimas excepcións, como é o caso da Rinoceronte Editora, a creación dos autores e autoras deste continente pasa desapercibida para editores e cando se publican, tamén para a crítica. Dobre estrato que superar.

Non imos salvar ninguén nin solucionar inxustiza no mundo, mais é bo que hoxe falemos desa obra composta coordinadamente entre Ibrahim Balde e Amets Arzallus. O primeiro, nado en Guinea, sen posibilidade no seu día de aprender a escribir, relátalle ao segundo a súa historia dende que saíu da súa aldea natal ata chegar a Euskal Herria. A primeira gran peculiaridade está, pois, na dualidade do emisor dentro do esquema hermenéutico. Así, Balde vai contando as innúmeras complicacións e sufrimentos que tivo que sufrir para ir na procura do seu “miñán”, irmán pequeno. Todas estas experiencias biográficas, por moito que sexa o relato dunha persoa, serven para concienciar a moitos europeos comodóns e despistados que non percibimos nin facemos por entender as calamidades que hai detrás de tantos e tantas inmigrantes que xogan a vida non só ao caer nas redes das mafias da costa norte de África, senón que tamén na odisea que supón moverse no propio continente sufrindo a violenta reacción das persoas que atopan.

Un escrito fresco e dramático ao tempo que engancha dende a primeira páxina sen poder deixar de ler ata rematalo. Este, cremos, é o relato da empatía. O que debemos sentir e facer valer ante unha realidade complexa á que non lle hai que negar a cara. Tradución magnífica do éuscaro de Garbiñe Ugarte Grazianteparaluzeta. De lectura obrigada.

  • BALDE, Ibrahima/ARZALLUS, Amets, Miñán, Rinoceronte, Cangas, 2022, PVP. 15,15€

Compartir el artículo

stats