Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ciencias sociais

Dos solporescatólicos

A Igrexa na encrucillada

Imaxe do Concilio Vaticano II. Arquivo

O cristianismo está próximo aos dous mil anos de existencia e con el, a Igrexa de Roma, supervivente aos cismas ortodoxo, hai case mil, e reformista luterano, hai cincocentos. Foron séculos de profundas transformacións sociais e de adaptacións do Papado e das estruturas do cal dependen pero, con todo, ata hoxe puido presentar un balance máis que aceptable. Pero así como as outras confesións cristiás tenderon a adecuarse ás realidades nacionais e prescindiron dunha xerarquía global e suprema, o catolicismo segue a ter nos Papas romanos a máxima autoridade e representación.

Porén, por diversas razóns externas e internas, tal estrutura aparece en risco de cara ao futuro. O historiador Andrea Riccardi, catedrático da Universidade Roma III e fundador ben mozo da Comunidade de San Exidio, vén de analizar en La Chiesa brucia (“A Igrexa arde”) a situación pola que dita institución atravesa e cales foron as razóns que a conduciron a ela. Para alén do seu compromiso social, que o levou a ser ministro para a Integración no goberno de unidade de Mario Monti (2011-2013), Riccardi é un dos máis lúcidos intelectuais italianos de hoxe e un dos que polo mundo adiante mellor coñece os sistemas relixiosos.

Asinamento dos Pactos de Letrán entre Italia e mais a Santa Sede (1929). Arquivo

Na súa análise, na que combina rigor e amenidade, sitúa a interacción exercida polos cambios sociais desde a unificación italiana dos Savoia, cando a Santa Sede deixou de ter unha dimensión temporal para pasar a ocupar un enclave na cidade de Roma, confirmado coma soberano polos acordos de Letrán (1929). Nese tempo, e nos que seguiron, o catolicismo tivo que afrontar a emerxencia de movementos sociais liberadores que, dun xeito ou doutro, pretenderon transformar a realidade coa modernidade e gañar a liberdade na Terra sen ter que esperar ao Ceo: liberalismo, socialismo, comunismo. Tratouse dunha Igrexa herdeira da Contrarreforma de Trento de finais do XVI, que non soubo armarse para a modernidade que arrancou coa Ilustración. As reformas saídas do II Concilio Vaticano tentaron adaptarse a uns cambios sociais irreversibles (sociedades urbanas e de consumo) que daquela xeira xa deixaban ver o anuncio dunha crise estrutural. Pero os cambios chegaban tarde e a mutación social xa era imparable.

Desputada a redención por partidos e sindicatos de esquerdas, a revolución de 1968 –malia ser un fracaso- alterou para sempre o mapa antropolóxico, especialmente verbo do papel das mulleres. Un impacto que se ben non foi aparentemente directo, modificou profundamente as estruturas monacais femininas e o papel que verbo das monxas exercía a xerarquía. En paralelo, o aumento da educación pública desvalorizou o rol formativo (e de canteira de futuros cregos) dos seminarios menores, coa conseguinte desaparición das vocacións nutricias; engádase a iso a perda demográfica no mundo rural, que modificou a acción das parroquias.

Mais se nos anos que seguiron ao Vaticano II houbo certas resistencias a modificar a ritualidade litúrxica para conservar a tridentina (uso do latín, misa de costas aos fregueses), a constante diminución de número de sacerdotes e de vocacións nunca chegou a ser compensada pola aparición de movementos carismáticos. Doutra banda, a ofensiva dos grupos neoprotestantes (de inspiración norteamericana) que sitúan o éxito individual por riba da solidariedade, están a disputarlle ao catolicismo importantes sectores sociais, que xa non ven en Roma un referente de salvación.

E é tal que, incluso desde os propios sectores católicos, a inacción xeral da xerarquía nos casos de abusos (máis que estes mesmos) está a provocar un afastamento dos mandatos de Roma. Sectores que deixaron a obediencia cega a estes e que nun cambio á secularización, consideran que os cidadáns son protagonistas e que o que diga a Igrexa xa non vale para o conxunto da soceidade. Unha diverxencia que a Igrexa non soubo ver cando insistiu –co concurso de partidos de dereita– nuns valores familiares (matrimonio e divorcio, contracepción e aborto) que a sociedade transformou para adaptalos á mudanza dos tempos recentes.

O espello político

Un asunto que a Igrexa, despois de perder a súa dimensión temporal, pasou a exercer foi a súa colocación á sombra do poder. Pero así como Roma non dubidou en condenar a Action Française ou non participar do fascismo, a xerarquía española –abertamente antiliberal– procurou acougo nas prebendas das ditaduras de Primo de Rivera e Franco, no que se chamou o nacional-catolicismo.

A liña oficial de Roma promovía a formación de partidos católicos, alcumados “populares”, que despois da 2GM e con clara vocación europeísta, pasaron a chamarse Democracia Cristiá. No caso italiano, o Vaticano non defendeu a monarquía no referendo de 1946 porque a memoria da afronta dos Savoia seguía viva. Os democristiáns foron a base para gobernar a república ata o escándalo de corrupción que, dalgunha maneira, tamén implicou ao Vaticano e ás súas finanzas. Unha desaparición que foi en paralelo á degradación da presenza social da Igrexa que contrasta coa súa fortaleza en Alemaña e que permitiu que a democracia cristiá (CDU/CSU, católica e luterana) seguise a gobernar durante anos.

Recentemente, o populismo conservador polaco está a exercer unha nova versión do nacional-catolicismo que o papa Wojtila conxurou, co apoio de intelectuais laicos, a prol da unidade nacional contra a ditadura comunista.


Compartir el artículo

stats