Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

20 anos de FDC

Facer lectores

Os roteiros de Faro da Cultura

Os escritores e colaboradores de FdC Estro Montaña, Román Raña e Carlos L. Bernárdez. Pablo Hernández / Ricardo Grobas / Eli Regueira

O 9 de maio de 2002 publicábase o primeiro número de FARO DA CULTURA (FdC), o suplemento de oito páxinas, coordinado polo escritor e catedrático Xosé Ramón Pena, que durante dúas décadas e de forma ininterrompida publica todos os xoves FARO DE VIGO (FdV). Oitocentas corenta e dúas entregas, 6736 páxinas en lingua galega inseridas no Decano, nas que se realizou un seguimento amplo e plural da actualidade literaria (protagonista, pero non en exclusiva) e artística galega. Unha auténtica rareza no noso feble panorama cultural, tamén unha proeza a contracorrente, que contou co compromiso e amparo das diversas direccións de FdV, dende a de Pedro Pablo Alonso (2002-2006), Juan Carlos Da Silva (2006-2019) á actual de Rogelio Garrido (dende 2019), así como coa teimosía e independencia de Xosé Ramón Pena e do seu cadro de colaboradores, que termaron do proxecto contra vento e marea e actualizaron periodicamente os formatos e os contidos desta publicación única na prensa galega contemporánea, tanto polo seu carácter monolingüe como pola súa antigüidade e continuidade.

O precedente de "Faro das Letras"

O "Faro da Cultura" tivo o seu precedente máis próximo nas cento trinta e unha entregas de "Faro das Letras" (FdL), un suplemento literario de catro páxinas publicado entre abril de 1993 e setembro de 1996, coordinado tamén por Xosé Ramón Pena, sendo director de FdV Ceferino de Blas. Unha publicación literaria que dalgún xeito tomaba o relevo de "Galicia literaria", o suplemento de "Diario 16" de Galicia dirixido por Manuel Forcadela e o propio Xosé Ramón Pena, coincidindo cun dos períodos de máis intenso desenvolvemento da edición en lingua galega que precisaba como auga de maio do acompañamento e visibilidade proporcionada pola crítica literaria xornalística. Contando cun consello de redacción, en certa medida tamén un grupo literario xeracional vigués, formado, ademais do coordinador, por Xosé María Álvarez Cáccamo, Carlos L. Bernárdez, Estro Montaña, Gonzalo Navaza, Ramón Nicolás e o tan prematuramente desaparecido Ramiro Fonte, "Faro das Letras" acuñou un modelo de crítica literaria xornalística de libros galegos que recollida por FdC cumpriu as funcións de informar das novidades editoriais, ser testemuño da recepción e valoración das obras e constituír un índice das mudanzas valorativas dun tempo histórico determinado.

O primeiro número de "Faro da Cultura"

Abría os contidos do primeiro número de "Faro da Cultura" unha páxina do tradutor Moisés R. Barcia sobre “Os eidos de Tolkien”, coincidindo coa publicación na colección “Fóra de Xogo” de Xerais das dúas primeiras entregas d’ O señor dos aneis, tradución que daquela supuxo un fito para a edición galega. Ademais de dar ampla noticia biográfica do autor, Barcia ofrecía unha novidosa nota tradutolóxica sobre as escollas da versión galega do texto tolkieano, abrindo o que sería unha das singularidades máis atractivas do FdC as reportaxes de divulgación metaliteraria. Tratamento que se ampliaba cunha entrevista con quen este texto escribe, entón director da editora de Doutor Marañón, abrindo a sección de entrevistas literarias e editoriais que non faltou en semana ningunha, o que supón a creación dun arquivo de voces de autores e autoras, mais tamén de editoras e críticas, extraordinario e de consulta obrigada. Un número alboral que dedicaba o seu amplo repertorio crítico a novela Ganga (Xerais 2002) de Antón Lopo, reseñada por Francisco Martínez Bouzas, o libro de relatos Un rabaño de ovellas brancas (Galaxia 2002) de Xerardo Quintiá, comentado por Joaquim Ventura, e o poemario Eclipse (Espiral Maior 2002) de Xabier R. Baixeras, lido por Román Raña. Textos críticos de tres dos colaboradores máis habituais ao longo das dúas décadas de FdC que sen renunciar a presentación atractiva das obras ofrecían valoracións literarias e establecían relacións con outras.

O primeiro FdC inauguraba unha páxina de Literatura Infantil e Xuvenil, entón un tratamento novidoso para un subxénero que adoitaba ser infravalorado e considerado menor, prexuízo aínda non superado na súa totalidade. Páxina na que no apartado de críticas María Navarro se ocupaba da novela O faro de Arealonga (Xerais 2002) de Uxía Casal, Domingo Tabuyo d’ As aventuras de Said e Sheila (Xerais 2002) de Ramón Caride, mentres que no “Andel de novidades”, sección da que se ocupaba, da súa parte, M. Blanco Rivas, aparecía Gracias a Win-Dixie de Kate di Camillo, un dos títulos máis orixinais da primeira Kalandraka, editora infantil galega creada en 1998. Suplemento que dedicaba tamén unha páxina a lembrar o escritor e editor Carlos Casares, falecido apenas uns meses antes, cun texto referencial do profesor Manuel Rosales, no que repasaba a obra narrativa casariana, abrindo outra das liñas características do FdC: aquela da memoria literaria.

Vinte anos despois

Vinte ano despois volvo sobre a miña resposta á pregunta de Ramón Nicolás sobre o papel que para un editor galego tiña un suplemento como Faro da Cultura. Reitérome sobre o que dixen entón: a razón principal deste tipo de suplementos culturais dos xornais é contribuír a facer lectores, a formar un criterio e itinerario lector singular e renovado e a de seducir a novos lectores e lectoras para que se atrevan coa literatura galega. Naquela entrevista contáballe a Nicolás unha anécdota que continúa emocionándome, acababa de recibir a fotocopia do suplemento literario do "Washington Post", onde se comentaba a edición inglesa d’O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas. O contido da crítica sinalaba que o autor era un dos máis importantes escritores europeos. Un comentario, sen dúbida, extraordinario para vencer os prexuízos que na edición galega tantas veces tinguiron de sospeita os libros literarios na nosa lingua. Lembro que remataba saudando entusiasmado a aparición de FdC expresando que agardaba fose unha magnífica embarcación para perderlle o medo a navegar ou voar coa literatura galega. Abofé que, a pesar das dificultades, o conseguiu. Azos para continuar a longa e venturosa travesía para o FARO DA CULTURA.

Compartir el artículo

stats