Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Escribindo as artes...

Labores de Faro da Cultura

Museo de Pontevedra e Sala Cubo de Vigo. Eli Regueira

A luz dos faros da cultura”, así se viña titular aquel primeiro número. Publicouse o 9 de maio de 2002 e seguía os pasos que nos noventa transitara o Faro das Letras, suplemento literario do xornal. Mais chegaba agora coa intención da alumar a cultura en cada unha das súas vías de expresión e de ser un espazo aberto ás ideas, á creatividade; un refuxio para a música, o cinema, a danza, a arte... testemuñas sempre deste mundo tan cambiante. O escritor Xosé Ramón Pena, quen naquel momento era o coordinador do suplemento, escribira: “Hoxe inicia a súa andaina o Faro da Cultura. Nace coa vocación da luz, da claridade. E nace tamén coa vontade de ser unha fiestra aberta para a maxia da liberdade. Benvidos a el, daquela, todos aqueles que niso mesmo acrediten”.

Acababa de comezar un percorrido que xa non soltaría o devir constante da cultura galega. A idea de facer un novo suplemento cultural veu da man de Ceferino de Blas, quen fora o director do Faro de Vigo no tempo en que se editara o Faro das Letras. Contactou con Xosé Ramón Pena, quen xa coordinara o suplemento anterior e pensou que esta vez debía ser máis amplo: oito páxinas coas que amosar a realidade cultural do país no seu conxunto. Vinte anos e oitocentos corenta e tres números despois, continúa salvagardando unha parte importante do que somos, a nosa cultura. Claro que non todo permanece igual. Desde o 2016, Miguel Pena Alonso é o coordinador -con X.R. Pena como asesor-, as temáticas e mais os colaboradores diversificáronse ao longo do tempo e, no referente á cultura, que dicir? É un faro que non alumea dúas veces por igual.

Mostras na Fundación Laxeiro e na Galería Montenegro (2013). | Alba villar e Ricardo Grobas Judith R. Iglesias

“Xosé Ramón Pena era moi consciente de que os medios das publicacións diarias, neste caso o Faro de Vigo, podían ser plataformas moi axeitadas para ampliar a base lectora do libro, como un escaparate crítico”, comenta o Presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. Nos seus inicios, e malia a súa concepción ampla do cultural, o suplemento tiña máis páxinas dedicadas ás reflexións sobre libros. “Cando comezamos, a xente coa que eu traballaba estaba bastante circunscrita no mundo da lingua e da literatura”, lembra X.R. Pena, “era máis difícil atopar alguén que escribise, por exemplo, crítica de cinema en galego”. A medida que o panorama cultural ía mudando, o suplemento abríase á variedade temática que ten na actualidade, ata consolidar un espazo transversal das diferentes propostas creativas. “A veces, é difícil ver como avanzan as cousas na propia contemporaneidade”, apunta Rosario Álvarez Blanco, Presidenta do Consello da Cultura Galega, “Vinte anos non son nada, pero a sociedade cambiou moitísimo neste tempo e, por conseguinte, a cultura tamén”.

Mostras na Fundación Laxeiro e na Galería Montenegro (2013). | ALBA VILLAR E RICARDO GROBAS Judith R. Iglesias

“En maio de 2002 propiamente dito non existía o MARCO”, comenta Miguel Fernández – Cid, director do museo que nacería en decembro dese mesmo ano, aínda que agora case poderíamos pensar que leva toda a vida na rúa do Príncipe. Naquel momento, Fernández – Cid era o director do Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago de Compostela e, nas súas palabras, “estabamos aínda vivindo a primeira onda de apertura dos espazos culturais; entendendo por espazo cultural un museo, unha nova galería ou este suplemento. Entre todos constitúen unha trama e cada un ten a súa función”.

A presenza de colaboracións femininas aumentou moito nos últimos anos

Mostras na Fundación Laxeiro e na Galería Montenegro (2013). | Alba villar e Ricardo Grobas

Algo similar aconteceu no eido editorial. “Se analizamos con certa perspectiva a variedade de rexistros, títulos, autores e autoras, xéneros literarios... desde hai vinte anos aumentou moitísimo”, sinala Freixanes. Pola súa banda, o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, comenta que “o gran momento da literatura galega ten moito que ver co aumento das mulleres escritoras”, algo que tamén impregnou as páxinas do Faro da Cultura. Hoxe en día, hai números do suplemento que levan unha maioría de firmas femininas e, en palabras de X.R. Pena, “sen elas, non habería este presente”. As inquietudes dos autores tampouco son as mesmas. “Os escritores de hoxe temos unha enorme preocupación pola cuestión lingüística e incluso pola política”, afirma Francisco Castro, “Escribimos desde un punto de vista máis profesional, sen complexos, tendo claro que a literatura galega é unha literatura máis. Escribimos para ser lidos en todo o mundo”.

Museo de Pontevedra e Sala Cubo de Vigo.| Eli Regueira

A nosa realidade é distinta a dos que no seu momento enchían estas mesmas páxinas hai xa vinte anos. Existen agora novas formas de comunicar, de desfrutar a cultura e tamén de crear, de imaxinar, de pensar. “En todos os ámbitos, produciuse un proceso de apertura e pluralidade da creación e, polo tanto, da oferta”, comenta Fran Alonso, director de Edicións Xerais. Hai novos formatos, novos medios e novos soportes da propia cultura que definen o noso presente e sustentan o paradigma do que virá no futuro. As artes desglosáronse nos últimos tempos, abriron interxeccións entre si e diluíron o esquecemento dalgunhas das súas áreas. Claro que aínda queda moito por facer. En palabras de Rosario Álvarez Blanco, “fomos vivindo un gran discurso creativo, con artes máis diversas e coa emerxencia dun talento moi importante en sectores que estaban menos visitados, como a danza”.

Román Rodríguez González (Conselleiro de Cultura). | XOÁN ÁLVAREZ

Nun tempo no que a Escola Superior de Arte Dramática aínda estaba por crearse, o Centro Dramático Galego xa contaba con case dúas décadas de traxectoria. O seu director, o actor Fran Núñez, comenta que “nos últimos vinte anos fóronse consolidando unha serie de estruturas básicas que permitiron que, en medio dunha pandemia tremenda, Galicia e o teatro galego desen un salto adiante”.

Rosario Álvarez Blanco (Presidenta do Consello da Cultura Galega). | MARTA G. BREA

Ponlas da arte e da literatura, como a Banda Deseñada ou a novela gráfica, cobraron nas últimas décadas unha maior repercusión da que podían ter cando as liñas do cultural do Faro comezaron a escribirse. No ámbito da ilustración editorial, “produciuse unha chegada importante de ilustradoras e ilustradores procedentes de escolas especializadas de ilustración, deseño ou Belas Artes”, afirma Fran Alonso, “Tivo moita influencia nisto a aparición de editoriais especializadas, como Demo (especializada en cómic), e o nacemento do Garaxe Hermético (da man de Kiko da Silva) que tivo moita forza na dignificación e profesionalización da Banda Deseñada en Galicia”. Novos artistas como Bea Gregores, Iria Fafián ou Xulia Pisón, converxen agora coa dilatada traxectoria de creadores como Andrés Meixide, favorecendo un amplo abano de ideas e diferentes formas de entender a ilustración.

Victor F. Freixanes (Presidente da Real Academia Galega) | ALBA VILLAR

Do mesmo xeito, “no 2002 non contabamos coa cantidade de festivais que existen agora, nin a actividade musical da actualidade. O mesmo aconteceu no mundo do audiovisual. Está claro que hai vinte anos non había esa puxanza polo cinema galego que hai agora”, sinala X.R. Pena. A corrente do Novo Cinema Galego tivo un grande impulso na última década coa presenza de grandes cineastas, como Óliver Laxe e Lois Patiño, embebidos tamén noutras áreas da creación, como a fotografía ou as artes plásticas. “Estamos vivindo unha particularidade de ouro”, comenta o Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez González, “falamos de pezas galegas que compiten a nivel multinacional, do mesmo xeito que o fan en festivais máis especializados e vangardistas, como o Play – Doc en Tui ou o Festival de Cans en Porriño”.

Fachada do MARCO de Vigo. Abaixo: exposición nas instalacións do mesmo (2015). Eli Regueira

No panorama musical, Fran Velo, Baixista do grupo de rock Heredeiros da Crus, comenta que, “propiamente a comezos dos 2000, había un baleiro con respecto á década anterior”. Porén, “nos últimos anos parece haber un novo rexurdir da música en galego, con grupos que están pegando en todos os estilos, como Ortigueira, a Banda da Loba ou mesmo no folk, como é o caso das Tanxugueiras, un éxito televisivo”. Ante o auxe dos festivais comenta que “houbo unha grande explosión, tanto en número como en afluencia. Temos o Festival da Luz, o Son do Camiño, o PortAmérica... aínda que isto non implica unha maior repercusión das letras galegas. Os que máis apostan polas bandas locais seguen a ser os festivais medianos ou pequenos, como o Revenidas”, que tivo a súa primeira edición no 2003. No referente a cultura feita en galego, a súa visibilidade no exterior é “unha materia a medio aprobar”, comenta Víctor F. Freixanes, “Necesitamos crear espazos de socialización para que a lingua estea viva e teña marca de modernidade, porque a lingua non a podemos meter nun museo”.

A revolución tecnolóxica impulsou unha serie de cambios nas artes que marcaron un antes e un despois, moi especialmente, na relación cos seus públicos. “Non é que haxa unha nova canle. É que esa canle precisa dunhas mensaxes distintas”, comenta o director do MARCO, “Hai vinte anos eramos de papel, hoxe non. Líamos os periódicos e non recibiamos notificacións no móbil coas últimas noticias. Son experiencias moi distintas”. As exposicións inmersivas como agora as coñecemos ou os concertos virtuais non eran parte da nosa cotidianeidade cultural. A creatividade que se desatou na rede durante o confinamento non sería posíbel. Así, a cantautora Guadi Galego tamén fala dunha “maior horizontalidade das xerarquías na actualidade musical con respecto ao que acontecía hai vinte anos”, no sentido de que os novos artistas poden editar os seus traballos pola súa conta e tratar de darse a coñecer a través das novas plataformas.

Miguel Fernández Cid (director do MARCO). MARTA G. BREA

“No ano 2012, cando o Faro da Cultura tiña dez anos, despegou o emprego cultural e foi subindo. Antes da pandemia, a cultura constituía o 3% da franxa laboral galega. Na actualidade é do 3’2%”, segundo os datos aportados pola Presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco. En palabras do Conselleiro, Román Rodríguez, “temos un presente no que a cultura é unha peza fundamental do que entendemos por Galicia”.

A compositora e intérprete musical Guadi Galego. | Noé Parga

A cultura está viva. O seu latexar deixa a súa pegada en liñas que, como estas, se escriben a carón do tempo e, mentres tanto, nos espazos en branco queda indelébel o momento en que foron contadas. Aquel 9 de maio de 2002, cando o Faro da Cultura comezou a súa andaina, O Señor dos Aneis acababa de estrear a súa segunda entrega no cinema e Edicións Xerais publicara pouco tempo antes a primeira versión en galego da obra de Tolkien. “Desde os seus inicios, as persoas ás que nos gusta a cultura, sabiamos que aquí poderíamos atopar contidos que mesturaban as tendencias máis internacionais e vangardistas coa tradición máis profunda de Galicia”, comenta o Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

Así, no interior de FdV xorden 20 anos do suplemento: cada xoves, unha ventá para todas as artes; un altavoz para as ideas, por diferentes que estas sexan; e un espazo de liberdade para os que, na procura de escribir a cultura, escribimos a nosa historia. E para os lectores, que lle dan vida ao FARO DA CULTURA.

Compartir el artículo

stats