Cómpre anotalo aquí e agora: teño -ou tiña, xa que espero telo arranxado un tanto nos últimos tempos- unha débeda con Florencio Delgado Gurriarán. É dicir, unha obriga respecto da obra poética do autor nacido en terras de Valdeorras. Porque, en efecto, nalgunha oportunidade que tivera de ocuparme do seu labor, o certo é que apenas si me limitara a continuar o relato sobre o quefacer do responsábel de Bebedeira e Galicia infinda que no seu día artellara R. Carballo Calero na -polo demais, sempre na memoria- Historia da literatura galega contemporánea, onde escribe: ”En 1934 publicóu o libriño Bebedeira. Fóra de tres ou catro composicións, todo o volume cai de cheo dentro da escola 'hilozoísta'”. E se ben que, liñas adiante, e facendo referencia agora a Galicia infinda (1963), viña recoñecer D. Ricardo tres tipos de composicións nese poemario -aquelas que prolongaban o volume anterior; un segundo conxunto de carácter “neorromántico” e, en fin, o territorio dos “Poemas mexicanos”- o xuízo final que se desprende resulta ser ese mesmo de estarmos diante dun autor que pouco vén engadir, en realidade, ao decorrer das letras galegas, ancorado ao cabo no ronsel dos seguidores do autor de Proel e O galo. Porén, e sen negarmos en ningún caso esa constante presenza amadocarballiana nos seus versos, coido que xa é boa hora de matizar que si que se fai necesario indicir en que lle debemos ao valdeorrés algo, bastante máis que iso. Porque sen pretender, en ningún caso, situar o seu quefacer na altura dunha Rosalía, dun Pondal, dun Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro... , o poeta a quen vai dedicada neste ano a celebración das Letras Galegas foi legarnos unha manda digna de interese: xa que logo, nunha nova lectura dos seus textos, Florencio Delgado Gurriarán vén amosarse, desde logo, como alguén que laborou nos eidos da vangarda enxebre -ou do hilozoísmo-, mais así mesmo como un autor capaz de cultivar outras variadas direccións, algunhas das cales foran moi pouco -ou apenas nada- transitadas no decurso da nosa literatura.
“Teu cabelo é viño branco,/os teus beizos viño tinto,/os teus ollos augardente.../quixera beberte a bicos!”: velaí os versos iniciais de Bebedeira. Pois ben; por máis que a temática do viño na literatura e nas artes veña de lonxe -devén a Biblia (Xénese, 9, 20-21) o primeiro espazo, no eido da cultura occidental, onde aparece a descrición coñecida dun embriagamento por mor do seu consumo-, acontece que no territorio da lírica galega, se ben que si contabamos xa con alusións aos alcohois -tal sucede, por exemplo, nos Cantares rosalianos ou na produción de Cabanillas- ninguén como Delgado Gurriarán fixera mención tan reiterada desa temática. O viño xorde, daquela, na obra do poeta nacido en Córgomo como un elemento sensual, como unha invitación ao lecer alegre, á celebraciónda da vida. Mais, asemade, o viño -é dicir, as vides- enche a paisaxe, poboando de cores, recendos, sabores...., sensacións que establecen unha comuñón coa propia terra, cos ciclos da natureza: “pinga do ouro do Sil,/derretido topacio,/sol fundido/e mel de acio”, atopamos en referencia á augardente tostada. “Filla da torta cepeira/e do sol quente que a goza,/MOZA FRESCA, fresca moza,/nasces na bocarribeira,/e na fustalla, ciradeira coma seo de muller/que te agarima, a ferver con ledicia”, eis algúns dos versos dedicados agora a semellante variedade de uva. O viño, as vides, en fin, que tinguen de beleza os primeiros compases do outono: “Do val que a San Martiño policroma/(verdes do trinque das sereas novas,/ourilocentes da lanzal Viura,/vermellos da Garnacha e do Alicante...)/e que alampa co lume dos magostos...”
Noutra das colaboracións que aparecen nesta mesma entrega de FARO DA CULTURA, anota, e describe como lle cómpre, Miro Villar a dirección sensual na lírica de Delgado Gurriarán. Con todo, digamos da nosa parte que ese proceder pracenteiro e carnal percorre todo o conxunto da obra lírica do valdeorrés de tal xeito que a propria paisaxe, mesmo os elementos atmosféricos, participan dun xogo erótico e aínda das consecuencias daquel: “a roseira está a chorar; o piñeiro está a caprir;/a rosiña e mais o vento/van lonxe, no seu fuxir (...)Mais cando se farte o vento/do amor da rosiña branca,/leixaraia nun camiño,/toda murcha e desfollada.”
Lírica de intervención
Foi xa con anterioridade á Guerra Civil -e, desde logo, durante o transcorrer da contenda- cando o noso poeta deu inicio a aqueles textos seus clasificábeis dentro do territorio da “lírica de combate” e/ou “de intervención”. Non obstante, e para alén aínda desas composicións da súa man incorporadas ao Cancioneiro da loita galega (1943), veñen ser as páxinas de O soño do guieiro (1986), o derradeiro volume que nos deixou, o lugar onde xurdan non só textos de sátira política evidente, tal é o caso daqueles que teñen como obxecto central a figura de Francisco Franco, senón esoutros que amosan o influxo de Celso Emilio Ferreiro (autor admirado por Delgado Gurriarán) e que se veñen inserir nos lindes da denominada antipoesía, na liña cultivada por Nicanor Parra.
Transformando, entón, o lector como cómplice dun proceso que artella, ou busca artellar, un discuso alternativo no plano estilítico e temático, foi quen, Florencio, de ofrecernos composicións como “Poemiñas inxenuos", “Boom” ou “Asinus asinum fricat”, nos cales o de Valdeorras deixa agromar unha visión aceda, desencantada ás veces e sempre radicalmente insubmisa diante dun mundo -ou dunha parte del- que o poeta vén contemplar inxusto, cínico e radicalmente alleo ao seus degaros: “Lóuvame, louvador, e louvareite/, di ben de min, que eu ben de ti direi,/cófame ben o lombo e cofareite,/chúfame a min, que a ti te eu chufarei...”
Poeta inxurxente á canda desoutro participante da vangarda enxebre; poeta dionisíaco, paisaxístico e sensual: velaí un autor plural -simplemente un poeta de seu- chamado Florencio Delgado Gurriarán.