Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Letras Galegas 2022
Ricardo Gurriarán Primeiro biógrafo de F. Delgado Gurriarán

“Este Día é tamén de homenaxe ao exilio galego en México”

Ricardo Gurriarán, en Santiago. Xoán Álvarez

Doutorado en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela (2004), entre as publicacións de Ricardo Gurriarán destacan, ademais da biografía da figura homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, obras como Obella Vidal: investigador, empresario e galeguista, Inmunda escoria, ou 1968 en Compostela. 16 testemuños.

–Despois de tantos anos de traballo a prol da súa candidatura, que sensacións tivo cando recibiu a noticia de que, por fin, se lle dedicaba o Día das Letras Galegas a Florencio Delgado Gurriarán?

–Recibina moi gratamente, claro, como non podía ser doutra maneira. Creo que, dalgún xeito, con esta elección a Real Academia Galega compensou en parte esa débeda que había co exilio mexicano e, para min, como familiar do homenaxeado, é unha honra. Así que estou dobremente satisfeito.

–Cando e como empezou a interesarse pola biografía do seu tío Florencio e cando chegou á conclusión de que merecía unha homenaxe e un recoñecemento coma este?

–Empecei a interesarme cando eu aínda era moi mozo, aos 15 ou 16 anos de idade. Naquela altura foi cando coñecín persoalmente por primeira vez a aquel meu tío, do que tanto se falaba na casa e, ao mesmo tempo, a decatarme do que representara a ditadura tanto para os que sufriron o exilio exterior, coma, tamén, coma no caso do meu pai, dos que padeceron o exilio interior. A partir de aí comecei as pescudas do que acontecera no exilio literario, representado na figura de Florencio, pero cun alcance universal, como así o reflectín na miña tese de doutoramento, A investigación científica en Galicia (1900-1940). A ruptura da Guerra Civil.

–Se Florencio se tivese exiliado na Arxentina, en vez de en México, de certo teriamos un maior e máis achegado coñecemento da súa obra e da súa vida?

Eu penso que si. O exilio dos republicanos na Arxentina está moi ben estudado e valorado, contamos cun volume bibliográfico bastante amplo. Pero non foi así o caso de México onde, se ben é certo que se fixeron cousas ao respecto, en xeral é preciso afondar un pouco máis porque quedan aínda moitas cuestións por pescudar e divulgar. Resta tamén pendente a recollida de material referida México e, neste senso, habería que facer un pequeno esforzo. Por iso subliño a importancia que ten que este ano a Academia escollese a Florencio, porque iso vai motivar que se estude en profundidade o exilio galego naquel país.

–Florencio era galeguista e republicano. Que máis nos pode engadir da súa ideoloxía?

Era un galeguista un tanto peculiar. El, a diferenza doutros compañeiros no exilio, mantivo unha gran relación con Galaxia, nomeadamente con Francisco Fernández del Riego, e destacou na súa defensa de Consello de Galiza, que outros criticaron. Pero tamén é certo que ese momento superóuse porque Florencio era un home unitario e cunha actitude bastante aberta. De feito, unha das teimas que tiña cando regresou por primeira vez a Galicia era unificar o Partido Galeguista, que estaba dividido entre os que estaban no interior e os que estaban no exterior.

  • GURRIARÁN, Ricardo, Florencio Delgado Gurriarán.Vida e obra dun poeta valdeorrés republicano e galeguista, Galaxia, Vigo, 2022, PVP. 24,22€

–Isaac Díaz Pardo foi fundamental para que, en 1999, se publicase a súa biografía (que acaba de reeditarse). Coñecía ben Díaz Pardo a Florencio ou a Isaac sorprendeuno descubrir un poeta galego de tanta altura literaria?

Efectivamente, despois de ter publicado en Galaxia, Florencio editou os seus últimos libros con Edicions do Castro,e eu creo que se debeu á facilidade que Díaz Pardo daba para publicar obras dos autores do exilio, pero o certo é que ese cambio resultou chocante no seu momento. Pero, en resposta á túa pregunta, direiche que Isaac Díaz Pardo coñeceu a Florencio nunha homenaxe a Virxinia, a muller de Castelao, que se fixo na Coruña. Despois estiveron convivindo uns días nas instalacións de Sargadelos e O Castro, e por alí seica andaba tamén Paz Andrade. É máis que probable que fose neses días cando xurdiu a posibilidade de que Isaac lle publicase as súas obras.

–Supoño quen entre 1999 e hoxe, descubriríanse moitas cousas de Florencio. Contemplou a posibilidade de facer unha nova biografía sobre el?

–A biografía que fixen foi moi exhaustiva e moi documentada. Tamén entrevistei a moitos personaxes do exilio mexicano e, por suposto, a varios familiares. Agora mesmo, fontes primarias non pode haber moitas máis. Por iso non me pareceu necesario acometer outra biografía que, á fin e ao cabo, tiña necesariamente que basearse na primeira. Pola contra, pareceume máis honesto reeditar aquel libro que, de feito, despois de dúas edicións, desaparecera cando pechou Edicións do Castro.

–Fóra xa da súa figura pública, e unha vez que Vde. é familiar, como era Florencio no trato personal?

–Eu estiven tres veces con el e a min pareceume unha persona sensible, moi accesible, moi aberta, faladora, alegre, amigo dos debates e cun nivel de cultura moi alto. Era moi amante das linguas (falaba francés, portugués e inglés)…E, por certo, tamén moi festeiro, gústaballe moito a troula e, por enriba de todo, prestáballe moito cantar. Como exemplo do seu carácter, e do seu sentido do humor, vouche contar o que dixo cando, estando en Galicia, sufriu un ataque ao corazón e tivérono que ingresar: “Hai que ver as cousas que me pasan! Como é posible que, sendo exiliado, estea nun hospital que se llama Francisco Franco e que, sendo republicano, agora resulte que padezo das coronarias?”.

– En 1976 e 1981 volveu a Galicia para, entre outras cosas, tomar posesión do seu cargo como membro da Real Academia Galega e do Instituto de Estudos Valdeorreses. Pero faleceu en Estados Unidos. Por que non quixo ficar aquí?

–Pasoulle que non foi quen de convencer a súa familia máis achegada, e nomeadamente a súa dona, que estaba en México, para que regresasen todos a Galicia. E iso que o intentou con teima. Mais, polo menos, podo dicir que, cando se foi por derradeira vez, era un home satisfeito.

Compartir el artículo

stats