Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Letras Galegas 2022

De carqueixas amarelas

A Solidariedade Galega Antifeixista e o Plan S.

Exiliados republicanos nun campo de concentración no sur de Francia (1939). Arquivo

As frores do meu amigo /Briosas van no navío (...) Briosas van no navío/Pera chegar ao ferido (Paio Gomes Charinho).

O pobo galego estaba pendente da tramitación do seu Estatuto de Autonomía refrendado o 28 de xuño de 1936 e entregado nas Cortes o 15 de xullo cando xa estaba programado, había tempo, un novo golpe de estado contra o goberno lexítino. Esta insurrección contra a democracia cadroulle a algúns galegos fóra de Galicia. Foron inútiles en Galicia os intentos de se enfrontar ós militares e os galegos quedaron illados do resto do territorio da República agás na fronteira oriental con Asturias. Galicia convértese en retagarda e padece unha política de guerra: asasinatos, terror, extorsión e servizo militar obrigatorio para ir á fronte. Fuxir de Galicia era complicado e arriscado. Houbo quen tentou achegarse ó territorio republicano, outros tentaron fuxir dende Portugal, pero o ditador Salazar e a policía (PVDE) eran colaboradores cos insurrectos. Outros tentaron a evasión por mar. Florencio Delgado Gurriarán, do Partido Galeguista, en xullo ou agosto dende Valdeorras subiu ó tren e parou por Ponferrada, Zamora e Valladolid. Logo nun automóbil regresou a Xinzo de Limia. Atravesa a raia seca, en outubro, e refúxiase en Tourem que acollía a 80 fuxidos. Consegue chegar a Porto en 1937 e a bordo dun barco noruegués arriba a Bordeos onde o consulado da República española concédelle documentación. Tras pasar por París atravesa os Pireneos e entrar en territorio republicano a comezos de 1938 para colaborar co goberno desde Barcelona.

Brigadistas internacionais (Brunete, 1937). Arquivo

A República deu desde o comezo a Galicia por perdida e non se tentou ningunha acción para conquistala e os guerrilleiros e fuxidos quedarán illados na súa loita. O que quedaba do PG en territorio republicano estaba moi preocupado polas perturbadoras novas que recibía de Galicia. Por iso en Valencia, en 1937, fundouse Solidariedade galega antifeixista que buscou o apoio da emigración galega para tentar axudar ós poucos galegos que loitaban contra as autoridade rebeldes ou que tiñan inxustamente a morte anticipada. De algún xeito houbo conexións e axuda dende a colectividade emigrada para rescatar e axudar a eses galegos. Destas xestións polo seu segredo pouco sabemos. Unha delas foi a das carqueixas amarelas dende Porto en 1937 o seu estratego foi Ramiro Isla Couto: coa arribada desde alén mar desas “flores” liberábase e salvábase a algún galego A perda da guerra, a fins de 1938, impulsou unha enxurrada de exiliados que se concentraran nos frieiros areais de Francia e nos ardentes do norte de África.

Francia, xaneiro de 1939

Florencio Delgado Gurriarán, membro do PG, en Barcelona, que xa participaba en Solidariedade, que, entre outras axudas, tentaba conseguir documentación e diñeiro para que os galegos se achegasen ata Portugal onde os recollerían barcos noruegueses para levalos a Bordeos, desprazouse a Francia, en xaneiro de 1939, para continuar alá con ese proxecto ou plan S., pero a fin da guerra fará que colabore con Ramiro Isla Couto, xa en París, e en contacto coas Sociedades Hispanas Confederadas de Estados Unidos, onde xa estaban Castelao e outros exiliados, para que xunto cos emigrados galegos en Buenos Aires proceder ó rescate dos galegos cativos nos campos de refuxiado franceses. Foi un labor solidario galego para axudar a esas persoas ás que se sumou o SERE do goberno da República e o CTRE en México para rescatalos e levalos a un novo destino.

Os documentos, por desgraza, foron destruídos e outros non revelan esas ocultas grandezas, esa entrega e esa solidariedade entre galegos dunha beira e outra do oceano. Sabemos dela grazas a algunha carta e a algunha confesión.

Nesa proeza e nesa cadea de solidariedade estaba un poeta en galego e un membro do Partido Galeguista, Florencio Delgado Gurriarán. Finalmente, o 13 de xullo de 1939, el con outros fuxiu de Francia a bordo do vapor Ipanema cara México.

Compartir el artículo

stats