Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Substancioso trasfondo

Un potente adhesivo emocional

Ilustración de portada de "Chuvisca".

Fernando Pérez Hernando concibe ao mesmo tempo o texto e a expresión gráfica dunha historia que ten unha familia de paxaros como protagonistas para que os cativos que se inician na aprendizaxe das letras interioricen as vogais, ou mellor, a necesidade de todas as vogais para a construción das mensaxes que enviamos e recibimos.

Cada membro ten un nome que o identifica cunha letra; Rut co u, Thor co o, Lilí co i, René co e e mamá co a, de modo que dende a súa individualidade cada un se expresa co que lle é consubstancial e así se desenvolve no seu medio, ata que obrigado polas circunstancias, se sente na necesidade de cobixarse con alguén e percibe a riqueza da diversidade, a excelencia que supón a pluralidade e o bo que pode ser estar ao lado doutros iguais para constituír un universo multíplice no que cada un ocupa un lugar preciso.

Unha historia sinxela, con personaxes que se atopan nos posibles centros de interese da cativada, un trasfondo ben substancioso dende o punto de vista didáctico e unhas ilustracións que permiten unha lectura paralela onde a individualidade dá paso á vida en común ata conformaren un relato circular que prenderá no maxín dos rapaces dende as primeiras imaxes e as primeiras verbas, de tal sorte que o conto que se inicia e finaliza coa mesma acción pecha no seu interior unha repetición que resulta certamente atractiva, reforzada tamén pola estrutura da trama tradicional: exposición, elevación da acción, clímax, caída e resolución. O aderezo final pono a nai que actúa como un potente adhesivo capaz de manter unidos os corpos da súa prole por contacto superficial e tamén emocional.

  • PÉREZ HERNANDO, F., Chuvisca, Kalandraka, Pontevedra, 2022, PVP. 13,30€

Compartir el artículo

stats