Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Recibindo a Kavafis

Acertada e fermosa edición

Detalle da portada do volume "Poesía completa anotada".

“Que esperamos na praza reunidos?/É que hoxe veñen os bárbaros”. Sen dúbida vén ser este –“Esperando os bárbaros”, 1904– un dos poemas, se non o poema, máis coñecido e celebrado da autoría de Konstandinos Petros Kavafis (1863-1933), un dos maiores expoñentes do renacer da literatura grega moderna e, asemade, unha das figuras máis destacadas da literatura universal do século XX.

Nacido no seo dunha familia grega orixinaria de Constantinopla/Estambul, emigrada a Alexandría por mor do negocio familiar, veu ser a cidade exipcia –se ben que tamén chegou a residir en Liverpool e aínda na Constantinopla das súas raíces– o lugar onte transcorreu a vida do poeta: alguén que nunca quixo publicar un volume de versos asinado co seu nome (apenas permitiu que se imprimisen dous libretos con doce e vinte e sete composicións, respectivamente), de tal xeito que non foi ata 1935 cando a súa obra foi difundida por Europa adiante, un proceso no que tivo como gran valedor a outro moi importante autor: E.M. Forster (Unha habitación con vistas, Pasaxe á India).

A influencia da obra de Kavafis na poesía do século XX, tal e como xa quedou sinalado, é dunha especial importancia e mereceu, en consecuencia, os xuízos críticos favorábeis de primeiras figuras das letras. Así, Marguerite Yourcenar escribiu arredor da musicalidade da súa produción asemade que destaca que “a reminiscencia carnal fixo do artista un verdadeiro mestre; a experiencia sensual devén na súa obra toda unha teoría da inmortalidade.”

“Porque chegou a noite e os bárbaros non viñeron./E algúns chegaron desde as fronteiras/e dixeron que bárbaros non había.” Felizmente, e en tradución de Miguel A. Reses Martín, quen si chega onde nós, en idioma de noso, é a obra dun extraordinario autor. Parabéns ao tradutor e parabéns a Aira editorial polo labor.

  • KAVAFIS, Konstandinos, Poesía completa anotada, Aira, Allariz, 2022, PVP. 24,90€

Compartir el artículo

stats