Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Judith Butler e o feminismo

Teoría ‘queer’ e da performatividade

No primeiro plano, a filósofa e ensaísta norteamericana Judith Butler (1956). Detrás, manifestación no Día do Orgullo LGTB (Madrid).

Sen dúbida, a obra de Judith Butler (1956) revolucionou e transformou a teoría feminista a través dos seus estudos e investigacións sobre o xénero, a sexualidade, o desexo, as teorías “queer” e da “performatividade”: un proceso acompañado polo seu activismo en favor dos dereitos das persoas gais e lesbianas e mais o soporte do movemento “queer” desde finais do s. XIX.

Na lectura dos seus libros Desfacer o xénero (2004), Suxeitos do desexo (1987) ou O xénero en desputa (1999), Butler móstranos “que facer o propio xénero esixe en ocasións desfacer ás nocións dominantes da categoría de persoa. E é que o xénero propio non se fai en soidade; sempre se esta facendo con ou para outros, aínda que o outro sexa imaxinario. A nosa individualidade depende das propias normas sociais. Escoller o propio corpo implica, ineludiblemente, navegar entre normas que son trazadas por adiantado e de forma previa á elección persoal ou que son artelladas de forma concertada coa axencia doutras minorías”. A sexualidade non é, pois, consecuencia do xénero, así que o xénero que ti es determina o tipo de sexualidade que terás. Deste xeito, a teoría “queer” rexeita a clasificación dos individuos en categorías universas e fixas -tales varón, muller, heterosexual, homosexual, bisexual ou transexual- pois considera que están suxeitas a restricións impostas por unha cultura heterosexual e patriarcal. Considera, entón, o xénero como unha construción e non como un feito natural e establece a posibilidade de repensar as identidades desde fóra dos cadros normativos, entendendo o feito sexual como constitutivo dunha separación binaria dos seres humanos. A autora aborda a separación “xénero” e “sexo”, partindo da afirmación de Simone de Beauvoir de que: “non se nace muller, chégase a selo”.

Lee Edelman e outros autores puxeron en relación a teoría “queer” coa psicanálise, examinando as nocións lacanianas da “construción identitaria” a través da adquisición da linguaxe e o “estadio do espello”. Xa na segunda metade do s. XX, Monique Wittig e Michel Foucaullt desenvolveron estudos arredor da sexualidade, do xénero e mais as problemáticas feministas, lesbianismo e gais, nas que se apoia a teoría “queer”.Por outra banda, a teoría da “performatividade”, desenvolvida por Butler desde 1990 arredor dos movementos feministas contemporáneos, cuestiona de maneira importante a aparente naturalidade do sistema binario sexo / xénero e analiza os seus efectos en termos de poder. As lóxicas binarias de comprensión dos corpos e a diferenza sexual: muller / home; e o seu relato cultural: masculino / feminino, retomando os traballos de Beauvoir, Witting, Rubin e as teorías criticas de Foucault, Lacan e Derrida, definindo daquela o xénero non como unha atribución de home / muller, senón como unha posta en escena (unha performance) que pode ser tan diversa como as propias identidades. Ao nomear unha persoa home ou muller, incluso desde antes do nacemento, o que ocorre non é unha constatación senón unha realización (en este caso de xénero), sobre relacións, identificacións, desexos, intereses, gustos, maneiras de falar, de vestir, de vincularse co sexo oposto, etc.

O xénero, entón, non é unha verdade incuestionable e interna, senón un fenómeno que se produce e reproduce constantemente (faise facéndose), un dispositivo de poder, en tanto que é un mecanismo crucial para a socialización; é dicir, para volvernos membros competentes dunha sociedade e asignarnos desexos e funcións determinadas dentro dela. A construción performativa do xénero lógrase mediante actuacións sociais continuas que son realizadas para ocultar o seu carácter performativo. O xénero non se expresa mediante accións, xestos ou a fala, senón que a performance de xénero produce a ilusión retroactiva de que existe un núcleo interno de xénero. O termo de performatividade acada o espazo do discurso político, no cal a linguaxe, na súa dimensión performativa, xoga un papel central na constitución dos suxeitos e a produción de identidades.

Liberdade e sexo

Judith Butler é profesora da cátedra Maxine Elliot de Retórica, Literatura Comparada e Estudos da muller, na Universidade de California, Berkeley. Trátase dunha das maiores teóricas do feminismo e da teoría “queer”; filósofa e investigadora, é a teórica social mais creativa e valente da actualidade. Recolle as ensinanzas de Hegel e Marx, apropiándose dos pensadores como Freud, Simone de Beauvoir, Sartre, Kojéve, Hyppolite, Lacan, Derrida, Delueze ou Foucault.

A obra de Butler ten hoxe a importancia de Tres ensaios sobre teoría sexual (1905), de S. Freud. A súa “teoría da performatividade do xénero e da sexualidade”, baseándose na fenomenoloxía de Maurice Merleau-Ponty e no feminismo de Beauvoir, traza o proceso polo cal nos convertemos en suxeitos cando asumimos o xénero.

En 2021, recibiu o XXXIII Premi Internacional Cataluña. Nun encontro con mais de 300 estudantes adolescentes no teatro do CCCB, sobre sexo e xénero comentou: “no inicio das nosas vidas, non chegamos como simples persoas...asínansenos un sexo e comunícanche como será a túa vida...,como deberemos ser en función de ser rapaz ou rapariga... Esa asignación... asúmoa, rexéitoa ou revísoa? Moitas persoas non se senten ben co sexo asignado. Porque queren ser libres e asignarse o sexo co que estean a gusto, de cara a súa propia liberdade!”

Compartir el artículo

stats