Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cando o xigante se move

Crónica social da Coruña dos 80

Imaxe da portada do libro "Aquí comeza o mar", de Blanca Riestra.

Cando quen escribe pasa dos 50 e escoita falar do “Filloa" ou do vetusto comercio de roupa barata da zona de Santo André, para se referir á desaparecida tenda Saldos Arias, sabe que e volve á súa infancia e/ou mocidade vivida na cidade da Coruña. É nos lugares comúns onde arranca a historia descrita por Blanca Riestra, Aquí comeza o mar, merecedora do premio Blanco Amor de novela 2021.A escritora coruñesa, que conta cunha longa e moi exitosa traxectoria na literatura española, volve así pola porta grande á produción en galego despois dunha primeira achega realizada en 2016 coa obra Noire Compostela.

Para a construción de toda a historia, Riestra tira da súa memoria, de moitas conversas cunha amálgama de personaxes, para amosar o que algúns identifican como unha crónica social que chega mesmo ata os nosos días. Mais Blanca Riestra xa o desmente nos agradecementos finais, “O lector non ha atopar aquí nin fidelidade factual nin propósito histórico ningún”, senón ese camiño vivencial propio. Un percorrido que arranca nesa adolescente X, ignorante do que se presenta como “o comezo de todo”, observada pola muller adulta que é hoxe e que podemos identificar coa propia autora, aínda que non necesariamente.

X medra, agrándase, sérvese dese Lalo que non parece querela para explicar/xustificar a súa propia historia. Faise nai en Z, desfaise unha e outra vez ao non lle poder dar irmáns e hoxe xa non é unha adolescente soa, é unha muller soa mais que ten sempre ao seu carón a un Z que vive ignorante das tempestades que hai nela. Desde a primeira páxina van aparecendo multitude de espazos coruñeses que servirán de ambientación a unha longa listaxe de personaxes de toda condición (xente da escrita, da música, da política, da empresa...) e, especialmente, das que habitan os bares e os pubs. Moitas van ser reais pero outras moitas, ficticias, para reconstruír a paisaxe humana que terma da coprotagonista, unha personaxe de configuración colectiva, a propia cidade, A Coruña, a cidade-mar, esa cidade-lixo que, cando o xigante se move, devora aqueles que ousan asomarse aos sumidoiros.

Tamén hai aquí un relato de clase que se afasta doutros retratos que se levan feito da época, X non medra nun piso dos Mallos ou da Elviña obreira de mulleres que andan a servir polas casas ou a coser para os talleres, senón nun fogar onde teñen unha cociñeira vida de Baio que habita un mundo paralelo ao da súa nai.

Outra das riquezas da novela é a combinación de diferentes xéneros como a autoficción, a novela de memoria ou o xornalismo, tendencias literarias actuais na literatura universal.

Viviremos a X na lectura e canda ela a toda a cidade e, ao rematar de ler, bisbarémoslle a X o célebre poema “A cidade” de Kavafis porque a cidade ha de ir sempre en ti e sempre chegarás a esta cidade.

  • RIESTRA, Blanca, Aquí comeza o mar, Galaxia, Vigo, 2022, PVP. 18,71€

Compartir el artículo

stats