Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arredor de "A Santa" de Asorey

Un patrimonio cultural de noso a recuperar

"Santa galega" (1926), escultura orixinal de Francisco Asorey. Xoán Álvarez

Por mor da situación económica da Casa de Galicia de Montevideo (Uruguai) a escultura Santa galega (1926) do escultor cambadés Francisco Asorey (1889-1961) corre o perigo de ser vendida en poxa pública, o que pode supor a súa definitiva perda para o patrimonio galego. A importancia da peza para a historia da nosa arte debería levar a unha acción institucional que permitise a súa recuperación para o noso acervo cultural. Unha recente iniciativa no Parlamento de Galicia -aprobada por unanimidade- demanda ao país sudamericano garantir a protección e integridade da Casa de Galicia. A Santa galega, que puido verse non hai moito tempo en Galicia, fora adquirida pola institución da emigración galega hai case sete décadas e alí estivo sempre, con excepción dos meses en que foi exposta en Compostela.

Cómpre subliñar que Francisco Asorey enche coa súa extraordinaria personalidade a escultura galega da primeira metade do século pasado, superando os estereotipos costumistas ao dotalos dun simbolismo renovador por medio dun tratamento formal que se afasta dos modelos decimonónicos. Foi chamado o “Escultor da Raza” nun momento de auxe cultural nacionalista porque a súa obra se consideraba prototipo dunha arte nacional, fortemente ligada á tradición mais, ao tempo, renovadora, como podía ser o papel de Ramón Cabanillas na poesía ou o dos intelectuais do grupo Nós para a narrativa ou o pensamento.

Francisco Asorey (1889-1961).

Nos seus inicios, anteriores á configuración plena do seu estilo, Asorey crea pezas con figuras de canon alongado e certo ar expresionista, que delatan unha influencia das figuras do Greco, un influxo que naquela altura e no contexto galego comparte con artistas como os pintores Xesús Corredoyra e Castelao. En especial co primeiro ten en común a monumentalidade das figuras, o seu adelgazamento e unha extrema estilización. Xa a principios dos anos vinte comeza a desenvolver un realismo expresionista e primitivista de intensidade expresiva e forza telúrica coa muller galega como tema e como mito, convertida en arquetipo da terra nai. A Naiciña (1922) é un bo exemplo das procuras de Asorey desta altura. Preséntasenos como unha auténtica Mater Gallaeciae, coa que establecerán dialogos obras fundamentais da arte galega dese tempo como o óleo Muller sentada (1930) de Carlos Maside. Este tipo de representacións do feminino culmina coa súa Nai de dor (1932), que é, simultaneamente, Virxe e nai galega.

"O tesouro" (1924). Arquivo

Neste período a influencia románica e popular é evidente no seu labor. Así talla figuras que portan exvotos e que se converten elas propias en ofrendas, e que o artista talla e policroma, engadindo fragmentos metálicos, nunha actitude allea a calquera tradición académica. Sobresaen obras como Ofrenda a San Ramón (1923), O tesouro (1924) e o San Francisco (1926); nesta última crea unha imaxe do santo de inxenuo primitivismo cunha coidada policromía e unha técnica expresionista. O hieratismo destas obras lembra a escultura exipcia, formas de arte popular ou mesmo as ríxidas poses fotográficas das clases populares do seu tempo, que recolle, por exemplo, o fotógrafo Luís Casado Fernández, Ksado (1887-1972), que participa dunha sensibilidade moi achegada, ligada ao medio cultural galeguista.

Entre este conxunto de brillantes logros destaca a Santa galega (1926), que representa unha muller labrega espida cunha xugada ás costas, lonxe dos idealizados nus académicos. A muller de Asorey ofrécesenos, precisamente por esa distancia do canon clasicista, como unha muller real, captada en toda a súa rotunda rudeza, por medio dun ollar que quere rescatar a imaxe galega do discurso tópico dominante.

Sentido ideolóxico

A representación feminina enche todo o campo visual cun corpo de muller nova mais sinalado polo desgaste dunha vida de esforzo, como facendo explícita a súa forza de traballo. O peso nesta composición está na estrutura da figura robusta, que parece ser parte da terra mesmo nas súas tonalidades. A muller é a única protagonista, é todo na representación. A Santa é a única protagonista, ela é a peza e a Asorey semella que só lle interesa ela, un bloque ligado á terra. Por medio desta creación o escultor elabora un arquetipo social positivo, do que son signos índice os trazos físicos, o pano e mais a xugada, que conforman unha figura que é, seguindo a terminoloxía da época, unha afirmación “racial”, identitaria mais tamén social. Neste sentido a figura feminina escollida polo pintor serve para alegorizar o traballo e o país.

A Santa posúe un sentido ideolóxico -detrás está a convulsión agrarista e o mundo das Irmandades da Fala-, unha dignidade humana como muller e como labrega que ten a súa orixe na súa rotundidade formal, sen nada de literatura, allea á narración e exenta de psicoloxía representada. Esa muller que canga non só coa xugada senón cos sinais do traballo no seu corpo de labrega non é máis “fermosa que a Vitoria de Samotracia” -que diría o futurista Marinetti da máquina- senón que vai alén diso, nega o clasicismo, anula o sentido dese tipo de obras con idealizados nus femininos. E non o anula desde un formalismo antifigurativo como a linguaxe vangardista, senón desde un discurso intensamente social. Por iso provocou un forte escándalo cando foi presentada nos medios españois daquel altura, porque levaba ao salón das “Exposiciones nacionales (sic)” o conflito do seu tempo contrapondo ao discurso tópico sobre nós, un discurso solidamente autorreferenciado.


Compartir el artículo

stats