Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha casa nas aforas de Google Maps

"Malencolía", de Alfonso Zarauza

Fotograma da película "Malencolía" (2021), de Alfonso Zarauza. Arquivo

Esquecemos con certa facilidade que o terror non ten patria e que mesmo podería morar nos bosques do avesedo río Viñao, no lugar en que algunha vez fomos felices mentres a infancia e os nosos maiores nos protexían. Non obstante, as lembranzas de nós como cativos case nunca se axustan á realidade, como se obxectivamente nunca as tivésemos vivido, como se esa paisaxe fose irreal. Case ninguén se ocupa en pensar que, até certo punto, o que se experimenta durante eses primeiros anos na aldea se axusta a un relato do que é imposíbel librarse até que un se converte en adulto e regresa. Neste sentido, Malencolía adéntranos nese novo territorio da adultez onde xa nada resulta nin espontáneo nin vivaz. Non digo que estexamos ante unha obra mestra da historia universal do cinema (cousa que parece preocupar en demasía aos cinéfilos adustos). Afirmo que o filme é unha magnífica mostra de que o cinema en galego tamén pode ofrecer produtos de calidade a ese tipo de público afeito ás series de televisión e aos blockbusters. Porque o seu plantexamento dista moito de ser unha proposta sen conexión cos mecanismos da existencia humana e da arte. Lonxe diso, o que as imaxes de Alfonso Zarauza propoñen é unha mestura de verismo antropolóxico e de ficción especulativa. O que nos leva a pensar que precisamente sexa iso o que o director pretende: a hibridación entre o enxebrismo e o comercial-universal.

Alfonso Zarauza.

A historia, baseada nun guión do cineasta, ten lugar nunha diminuta aldea do Irixo (ficticiamente chamada Lupián). Até alí chegan Sira (Melania Cruz) e Pepe (Xúlio Abonjo) coa feliz intención de comezar unha nova etapa da súa vida en común. Seducidos pola saudade da súa terra matria e apremiados polo fastío de dez longos anos residindo en Berlín, estes dous adultos inmaduros deciden repentinamente mercar unha casa en Ourense por Internet, fóra do alcance de Google Maps. Toman esta iniciativa levados por unha forte idealización pola terra onde foron ditosos e que agora desexan transformar nun espazo perfecto para solucionar todos os seus problemas de parella (a idea de ter un fillo reaparece no seu horizonte). Unha ilusión tan inxenua como inútil, tendo en conta que todo o que os rodea parece estar na súa contra. Así a todo -mesmo deixándose arrastrar polas inseguranzas das dúas personaxes principais- todos sabemos que cando alguén se muda a unha casa vella no medio dunha aldea deshabitada todo pode acontecer.

É a partir desta imaxe idealizada que Sira e Pepe proxectan de Galiza que a historia, en termos visuais, se torna máis suxerente. Mesmo carecendo dunha trama enxeñosa ou de que o ritmo narrativo non sexa todo o trepidante que require o novo público, o resultado nunca decepciona. Fechados nunha atmosfera estancada pola laxitude, a calor e o desconcerto, a relación entre os protagonistas comeza a recibir os primeiros embates de realidade. O medo xorde no xusto momento en que teñen consciencia de que a Galiza que abandonaron é agora un lugar ameazante. De pouco serve a boa educación de Pepe para impedir que Isolina (Iolanda Muíños), a única veciña que teñen, se entrometa na súa vida privada e se introduza na súa casa sen permiso. Tampouco semella ter éxito Sira coas cuestións técnicas que os estrambóticos funcionarios se empeñan en retardar.

Malia o seu ritmo narrativo lento, o filme nunca decepciona

decoration

Podemos ter a certeza de que Malencolía forma parte dese grupo de filmes cuxas imaxes, concatenadas unhas ás outras, constitúen un retrato veraz e inquietante desas dúas xeracións de galegos que, distanciados no tempo e no espazo, nunca chegarán a entenderse. Certo é que non atopamos acontecementos insólitos e que algunhas das súas personaxes aparecen desdebuxadas. Porén, o seu impacto sobre o espectador supón un duro golpe a ese ideal romántico de país benévolo en que si suceden cousas que ninguén logra entender.

A actriz Iolanda Muíños.

A actriz Iolanda Muíños.

É obvio, é Iolanda Muíños

Iolanda Muíños podería chegar a ser calquera cousa menos unha actriz “secundaria”. Ama tanto a interpretación como a interpretación a ama a ela. Quizá sexa esta a razón pola que se sente profundamente frustrada cada vez que ten que explicar o porqué de non poder escoller o medio en que mellor se atopa, quer na televisión, quer no cinema ou quer no teatro. Mesmo poderíamos trazar unha parte da súa traxectoria vital a través dos seus papeis en series (“o único medio capaz de garantirme unha mensualidade”) como Pratos combinados, Libro de Familia ou Efectos Secundarios; desde as personaxes de reparto até o protagonismo, pasando por filmes da envergadura de Mar adentro, Crebinsky ou Malencolía. Sendo este último papel o que lle valeu o Premio Mestre Mateo á Mellor actriz secundaria de 2022.

O problema xorde cando constatamos o enorme número de equívocos que se producen en torno á figura desta artista, en parte fomentados pola desidia da crítica especializada, que tende a focalizar os seus eloxios no director e nos protagonistas atractivos, deixando de lado o -en ocasións- excelente traballo do resto das personaxes.

É obvio que o caso de Iolanda Muíños evidencia algúns dos aspectos máis crueis do mundo do cinema e da televisión. Cómpre reflexionar se non será hora de trocar esa imaxe falaz da muller por outra menos cinematográfica. Nin guapas protagonistas, nin simpáticas secundarias!

Compartir el artículo

stats