Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un relato didáctico

Ciencia, rigor e amenidade

Aspecto da portada de "O gran triángulo".

Hai sete anos que Marco Calveiro gañou o premio Repsol cunha novela sobre Fontán, o insigne matemático e xeógrafo. Agora Xosé Díaz-Fierros, ilustre científico e académico, vén de entregar ao prelo O gran triángulo, que non novela como a anterior a vida dun persoeiro, senón que conta de xeito ficcional unha expedición do matemático e astrónomo lalinense Xosé Rodríguez González (1770-1794), quen entre 1806 e 1808, xunto con dous científicos franceses, percorreu as illas Pitiusas (Eivisa e Formentera).

O seu propósito , patrocinado polo Bureau des Longitudes de París, era establecer o metro como sistema universal de medida. A partir de feitos e personaxes reais, o profesor Díaz-Fierros, que coñece á perfección as vicisitudes que viviron os protagonistas que estaban á procura dunha medida perfecta do arco do meridiano terrestre, utiliza un narrador omnisciente que recrea a historia con profusión documental e descricións detalladas e meticulosas. Domina o autor as claves científicas e, de xeito ameno, sitúa o lector nun mundo no que se escoitan os tambores das tropas napoleónicas que invadiron España e o universo intelectual que por aquelas datas se respiraba na levítica Compostela, onde a loita entre ilustrados e reaccionarios se manifesta claramente na Universidade e nos cafés.

O resultado final é unha obra que entretén o lector e ilumínao sobre un tema científico contado de maneira ordenada e crible. A través do discurso do narrador, dos diálogos e dalgún documento, Díaz-Fierros constrúe un relato didáctico que seguramente agradará aos amantes da novela histórica e a todos os que gozan cos temas científicos e, moi especialmente, aos admiradores de Xosé Rodríguez González, catedrático da Universidade de Santiago, coñecido como o matemático de Bermés, e discípulo de Fontán.

  • DÍAZ-FIERROS VIQUEIRA, F., O gran triángulo, Galaxia, 2022, Vigo, PVP. 17€

Compartir el artículo

stats