Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O outeiro sacro

No Monte da Franqueira, Barcelos

Vista da fachada do santuario de Nossa Senhora da Franqueira, en Barcelos. Arquivo

O secular concello de Barcelos garda memorias da peregrinación a Compostela e da evolución do seu histórico burgo a través das centurias. Percorrer as súas rúas e freguesías conforma unha inmersión no pasado que explica por que o territorio deu a Portugal o seu símbolo nacional, o galo, ou por que é un referente internacional no mundo da cerámica. Hai lugares que permiten visitar o municipio de forma diferente para profundar no seu legado. Un destes puntos ineludibles é o monte da Franqueira, onde hai igrexa, un castro, convento, calvario e unhas magníficas vistas que van desde a serra ao Atlántico.

No cume atópase o santuario mariano que, segundo a tradición, ten a súa orixe nunha pequena ermida mandada erixir por Egas Moniz, tutor de Afonso Henriques, en cumprimento dunha promesa. Para que persoas do mesmo sangue non se enfrontasen –os conflitos entre partidarios do entón príncipe Afonso e a súa nai, a raíña dona Teresa eran frecuentes- Moniz apelou á bondade da Virxe para que non houbese lugar á batalla, prometendo que, unha vez alcanzada a graza, ordenaría levantar unha ermida baixo a súa devoción; algúns din que ao amparo de Nossa Senhora das Neves e, segundo outros, de Nossa Senhora do Rosário. O aio do príncipe cumpriu a súa palabra, pois a contenda nunca chegou e a capela foi construída.

Perspectiva do convento do Calvario. Arquivo

A igrexa actual é un edificio do século XVII que experimentou cambios co tempo. É especialmente valioso o altar maior, que conserva elementos románicos e unha interesante bóveda gótica. A imaxe de Nossa Senhora do Rosário do Monte da Franqueira, que ocupa a peana que está colocada tras o altar, é unha escultura de madeira con coroa de prata e ouro. O frontispicio da ermida foi construído no século XVIII xunto ao campanario onde foron colocados catro sinos, custeados por un emigrante brasileiro, tal como pode lerse nunha inscrición en granito. Considerado o monte sacro da xente de Barcelos, desde os seus case 300 metros de altitude na Franqueira pode verse todo o curso final do río Cávado e tamén gozar dunha espectacular vista da cidade e dos arredores, ademais da serra e a costa.

Toda a zona é rica en patrimonio ambiental, cultural e relixioso. Entre este acervo destaca o convento do Bom Jesus da Franqueira, a Fonte da Vida, parte do Camiño de Santiago, o muíño de Vento, o Vía Crucis ou a propia ermida de Nossa Senhora. Neste outeiro sacro tamén se pode observar unha secuencia da ocupación humana desde o Calcolítico ata a época medieval, onde se sitúan un castro romanizado e mais as ruínas do castelo de Faria. Aquí realízase unha das máis famosas peregrinacións do Minho no primeiro domingo de agosto.

Vista das escalinatas. Arquivo

Fronte á capela levántase un esvelto pedestal coa imaxe de Nossa Senhora do Rosário da Franqueira, que sinala o edificio desde as alturas, mandado erixir en 1929 polo devoto João Gomes Penna, natural da parroquia veciña de Milhazes e residente entón en Rio de Xaneiro, onde emigrou moi novo.O convento próximo, chamado do Bom Jesus da Franqueira, foi fundado no século XV por frades franciscanos que se sentiron atraídos pola paz do lugar, onde manaba o nacente nomeado como Fonte de Vida e recoñecido polos seus poderes curativos. O cenobio ampliouse no século XVIII, período no que se construíu o Calvario.

Existe un roteiro circular para coñecer o patrimonio da zona e mais as terras que o circundan, que atravesa as parroquias de Carvalhal, Pereira, Milhazes e Vilar de Figos. Neste percorrido aparece o Via Crucis, as capelas da Franqueira, o castelo e o castro de Faria, a escalinata e o santuario, entre outros monumentos. Son doce quilómetros que pasan por camiños rurais e forestais de gran interese.

Entorno do santuario. Arquivo

Castelo de lendas

No monte da Franqueira elévase o castelo de Faria, que desde hai pouco pasou a estar xestionado directamente polo Município de Barcelos. Tanto a fortaleza como a estación arqueóloxica próxima están declarados Monumento Nacional desde 1956 pola súa dimensión e significado histórico. Castelo e xacemento enchen unha área de máis de 38.000 metros cadrados no lado noroeste do outeiro. A ocupación sucesiva ao longo de miles de anos foi debida a cuestións estratéxicas, dada a ampla panorámica que ofrece o lugar para a súa defensa.

O sitio foi obxecto de diferentes intervencións arqueolóxicas, primeiro promovidas de maneira informal nos anos 30 e 50, cando se recuperaron algunhas estruturas de épocas diferentes. Unha segunda fase tivo lugar nos anos 70 e 80 a cargo da Universidade do Porto, que realizou escavacións no castro da Idade do Ferro e noutras zonas correspondentes ao período romano. Ademais dos restos castrexos, o vestixio máis monumental é a torre da homenaxe e a muralla do que foi castelo medieval, asociado a eventos significativos da historia lusa, como ser o lugar onde Afonso Henriques asinou en 1128 un conxunto de documentos que o ratificaban como gobernante do Condado Portucalense. O castelo está considerado tamén todo un símbolo na defensa do reino contra as incursións do exército castelán no medievo.

Compartir el artículo

stats