Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mafia e cinema

Nos 50 anos de 'O padriño'

Marlon Brando como Don Vito Corleone en 'O padriño' (1972).

Cando a sétima arte aínda non aprendera a falar, o cineasta norteamericano de orixe austríaca Josef Von Stenberg filmou a que é considerada a película fundadora do xénero negro: Underworld (1927), estreada en España co título de La ley del hampa: unha historia coetánea en pleno auxe do crime organizado en Chicago en tempos da nefasta Lei Seca, que estivo vixente durante catorce anos. O protagonista do film está inspirado nun personaxe real, Tommy O’Connor “O Terrible”, un mafioso irlandés que foi sentenciado á pena de morte por asasinar o xefe da policía de Chicago pero que logrou fuxir antes de ser axustizado, e nunca máis volveu ser detido. A fita supuxo o debut como guionista de Ben Hecht, un cronista de sucesos de Chicago que, anos despois, escribiría Scarface (Howard Hawks, 1932), filme sobre a vida de Al Capone, quen por precaución foi rebautizado na película como Tony Camonte, interpretado polo actor Paul Muni. Howard Hawks declarou sobre este filme que a súa intención era narrar a historia da familia de Al Capone como se se tratase dos Borgia, instalados en Chicago. Ata a estrea desta longametraxe, as películas de gánsteres non pasaban de ser melodramas tradicionais moi pouco realistas con rapazas namoradas de rapaces malos, heroes inxustamente acusados ou vingadores da morte dalgún coñecido e xefes das bandas cun retrato maquiavélico, moito máis superficial que os gánsteres máis modernos interpretados por Edward G. Robinson, James Cagney, Paul Muni ou George Raft. Non faltaron as críticas pola formulación destes filmes, perigosamente compracentes cun perfil de heroe vilán que atraía as audiencias xuvenís. Neste contexto explícase a estrea de Angels With Dirty Faces (en español, Ángeles con caras sucias, Michael Curtiz, 1938), na que James Cagney finxe covardía ante a cadeira eléctrica, coa intención de ser desprezado polos mozos.

Robert de Niro e Martin Scorsese durante a rodaxe de 'Casino' (1995).

  • El irlandés. El último vals con la mafia de Martin Scorsese

Derrogada a Lei Seca e cos xefes das mafias mortos, o xénero perdeu forza nas décadas posteriores, ata que Francis Ford Coppola logrou filmar un dos fitos desta arte: The Godfather (O padriño, 1972), un filme que supera o xénero ata converterse na película sobre a mafia máis influínte da historia. Respectando sempre a esencia do orixinal literario de Mario Puzo (1969), o guión, escrito a dúo polo director e polo novelista, profunda no drama da familia Corleone, engadindo elementos de base shakesperiana: o poder, a culpa, a vinganza, a avareza, etc. Porén, se realizamos unha análise acougada da triloxía completa, xorde unha analoxía tan sorprendente como incuestionable: a da novela de Gabriel García Márquez Cien años de soledad (1967). En efecto, ambos textos narran o ascenso e mais a caída dunha familia (Corleone e Buendía) de forma paralela ao declive moral da sociedade. Na terceira entrega, Michael Corleone entrevístase co cardeal Lamberto, aspirante a Papa, e rompe a chorar implorando perdón polos graves pecados cometidos, supostamente, en defensa da súa familia. Xa na última secuencia, Coppola filma a morte de Michael en total soidade, acompañado dun can, nunha Sicilia chea de po e consumido pola culpa e o remordemento por non poder evitar a morte da súa filla, case unha transposición literal da última frase da novela de García Márquez: “porque as estirpes condenadas a cen anos de soidade non tiñan unha segunda oportunidade sobre a terra”.

O arranque da primeira película da saga resume con total claridade toda a metraxe posterior: unha montaxe alternada da voda de Connie (filla de Vito Corleone) con luminosas imaxes do xardín (a familia supostamente feliz) que se entremesturan coas tomas no despacho de Don Corleone nun abraiante claroscuro (espazo do poder). O conflicto queda así formulado: o enfrontamento entre a familia e a moral. Resulta paradoxal que volvamos atopar esa luminosidade, que nos ofrece o director de fotografía Gordon Willis, en dous momentos cruciais da triloxía: cando a morte de Don Vito Corleone e cando a morte do seu fillo de Michael, ilustrando deste xeito a imposibilidade de harmonizar os conceptos en debate, tal e como se unicamente a través da morte fose factible recuperar ese territorio de felicidade familiar.

Compartir el artículo

stats