Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

130 anos do Hotel Avelino

Un referente no balneario de Mondariz

Perspectiva da fachada do Hotel Avelino, en Mondariz Balneario, a mediados do século XX. Cortesía de Alberte Reboreda

“Comenzamos á entrar por una larga calle. A una banda y á otra, sobre las puertas de las casas, leemos en gruesos caracteres: Hotel Iberia, Hotel Carrera, Hotel Avelino, Nuevo Hotel, Hotel América, Hotel de la Unión. Unos señores sentados en sillas de mimbres dirigen una mirada vaga al coche que pasa; pomposos plátanos sombrean la avenida. Estamos en Troncoso”. Así describe Azorín a súa chegada a Mondariz en 1905, cando o hotel que nos ocupa levaba aberto trece anos. E é que, en efecto, fundado en 1892, o Hotel Avelino foi un dos principais hoteis da ville des aux de Mondariz desde o seu nacemento como vila termal. Castillo Campos (1992) afirma que seis anos despois da súa apertura, o Avelino competía xa con outros hoteis da súa mesma categoría: “en 1898 fuera del recinto del Establecimiento ofrecían comodidad y servicio esmerado los hoteles: Francés, Carrera, Avelino, Guisado y Modista, entre otros; aunque aún carecían de cuartos de baño”.

Fillo de labregos humildes de Arcos (Ponteareas), o seu fundador, Avelino Álvarez (1858-1946), recorda que accedeu ao financiamento para comezar as obras do hotel axudado por “buenos amigos de eterno y profundo recuerdo, Don Enrique Peinador Lines, el señor marqués de Riestra” (José Riestra López), “don Antonio Guisado” (quizais o pai do poeta Alfredo Guisado) “y el notario don Fermín Bouza Brey pusieron lo suficiente para que yo pudiera realizar mi sueño, para todos ellos, (...), mi eterna gratitud”.En 1905, durante os catro meses que dura a temporada de augas (de xuño a setembro), o Hotel Avelino “contribuye un día á la semana con la comida de por la noche” en favor do Asilo da Nosa Señora do Carme. Naquel momento a institución, que prestaba asistencia a persoas sen recursos que acudían a tomar as augas ao balneario, sostiña “diariamente a dieciocho pobres”.

Chalé e garaxe do hotel. Cortesía de Alberte Reboreda

Ademais dos edificios principais, o noso hotel, ao igual que o establecemento dos Peinador, ofrecía “chalets para familias. En mesa redonda y reservado”. No ano 1906 o "Noticiero de Vigo" informa da relación de hóspedes que se aloxan no establecemento, procedentes de Madrid, Lisboa, Xixón, Vigo, Pará e, xenericamente, Portugal, de onde procedía o groso da súa clientela. En 1909 a revista Vida Gallega destaca a preferencia que senten os auguistas lusos polo noso hotel: “No hay en Portugal, quien no conozca el Hotel Avelino. Allí goza de grandes simpatías, las que ha conquistado su propietario D. Avelino Álvarez, persona entusiasta por su industria, que año tras año fué llevando novedades á su establecimiento (…). El Hotel Avelino da pupilaje completo desde 6 pesetas, circunstancia que lo mantiene lleno constantemente”. Segundo Castillo Campos (1992) na temporada de 1927 o Hotel Avelino contaba con 50 dormitorios, dez máis que o Hotel Carrera e o Hotel Francés (40 cuartos cada un), Hotel Roma (42) e Hotel Universal (30). A capacidade de acollida do Hotel Avelino era superada, unicamente, polo Hotel América, equipado con 61 cuartos. Á marxe deste reconto queda o Gran Hotel do Balneario, que ofertaba 250 dormitorios con capacidade para un total de 500 hóspedes.

O Avelino viviu o seu esplendor nas primeiras décadas do século XX

decoration

O Marqués de Estella, presidente do goberno entre 1923 e 1930, asistiu a unha verbena celebrada no Hotel Avelino en agosto de 1928, “siendo recibido con grandes demostraciones de júbilo”, segundo a prensa. O xeneral visitou a vila termal durante dúas temporadas consecutivas en 1928 e 1929, aloxándose no Gran Hotel dos Peinador, pero realizaba visitas públicas aos principais hoteis de Mondariz convidado polos seus propietarios.

Coa chegada da ditadura en 1936, o franquismo desposúe o galeguista Peinador Lines do balneario e a burguesía do balneario máis importante de Galicia vese obrigada a colaborar economicamente co réxime militar. Por iso, nese ano fatídico a familia de Avelino Álvarez aparece doando aos sublevados ”una moneda media onza; Pilar y Carolina Álvarez do Souto: una cadena, un crucifijo, una pulsera; José Álvarez do Souto: un anillo, un prendedor, un pasador”. Un ano máis tarde, en 1937, entrega aos golpistas outras xoias e 500 pesetas. En 1938, volven doar “400 pesetas para conmemorar el segundo aniversario de la exaltación del Generalísimo Franco”.Vinte anos despois do golpe militar, en 1956, a xornalista inglesa Nina Epton, colaboradora da BBC, dá a coñecer que o Hotel Avelino tiña a condición de hotel de segunda clase e ofrecía ao público un total de 47 cuartos. Naquela altura o Hotel América, de primeira clase, tiña 31 dormitorios e, por último, o Gran Hotel do Balneario, de primeira clase B, puña a disposición do público un total de 153. Dez anos máis, tarde, en 1966, a súa categoría oficial era de 2ª, por debaixo da 1ª B do Gran Hotel do balneario. Ao igual que este, estaba equipado con teléfono, xardín, horta, capela, salón de xogos, escritorio, etc. aínda que o segmento de público ao que ía dirixido tiña unha capacidade adquisitiva menor.

Amarelo limón

A finais do século XX o Avelino acolle unha parte da Feira dos Cogumelos que promovera o Centro de Iniciativas e Turismo de Mondariz Balneario. No hotel teñen lugar tamén actos sociais vinculados a políticos (Pío Cabanillas, o gobernador civil Jorge Parada, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Xosé Luís Barreiro, ou o alcalde Antonio Troncoso) así como a personaxes relevantes da sociedade local e comarcal (Isidoro Enes ou Feliciano Barrera por exemplo).

A cor amarela, presente aínda nas carpintarías e na reixa que aínda pecha o que queda do Hotel Avelino, actuaba como identidade cromática corporativa, xa que estaba presente, non só nos dous edificios principais, senón tamén nas dúas vivendas illadas que formaban parte do complexo: o chalé da Curuxeira e a Casa de Dona Carola.


Compartir el artículo

stats