Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fernando Fernández Rego Escritor e crítico musical

“Suso Vaamonde foi un home libre que seguiu sempre o seu camiño”

Fernando F. Rego, cun exemplar da biografía de Vaamonde. Mateo Fernández Maroñas

Administrador da web musical LaFonoteca.net e coordinador da sección de música da revista "Grial", Fernández Rego escribe para "Mondosonoro", "Luzes" e "Rockdeluxe". Publicou a novela Desorden (2009) –un tratado de existencialismo pospunk–, abarcou o relato e a poesía en Blues From A Gun. Secuencias interiores (2011), editou ensaios como o libro-CD 50 Anos de pop, rock e malditismo na música galega (2010) e Galicia en clips (2012), este último xunto a Pablo Portero; e tamén biografías como a da banda de Lugo Los Contentos, Cuando Ríes. Los Contentos (Unos Malditos Pioneros del Garage) (2014), xunto a Piti Sanz, e a de Andrés do Barro, Andrés do Barro. Saudade (2015). En 2019 publicou Unha Historia da música en Galicia 1952-2018 (Galaxia, 2019). Xunto a Sergio Peck (Carrero Bianco) é o responsable do selo discográfico Ferror Records. En Suso Vaamonde. A canción libre e comprometida dun pobo (Galaxia), analiza o papel do cantautor de Ponte Caldelas na música galega así como os controvertibles episodios que provocaron o seu exilio e o seu paso polo cárcere. Vaamonde foi o primeiro músico condenado pola censura na democracia.

–Cando se pode dicir que empeza a carreira musical de Suso Vaamode ou, preguntado doutra maneira, quen era Suso Vaamonde antes de pasar a formar parte de Voces Ceibes?

–Suso aprende a tocar a guitarra moi novo. Con apenas dezaseis anos, comeza a achegarse as ritmos beat e folk da época, en formacións como Os Copens (influenciados por Bob Dylan, Joan Baez, Peter, Paul & Mary…) e Marco Balorento, trio co que gaña o seu primeiro premio nun festival organizado por unha emisora de Vigo. Axiña chegan tamén as primeiras composicións en galego.

–Malia que el ingresou en Voces Ceibes nunha segunda fornada, despois da dos propios fundadores, Suso foi o último cantor que enarbolou a bandeira de VVCC cando o colectivo estaba xa practicamente disolto. Por que esa teima?

–Naqueles anos Suso estudaba Preu nos Xesuítas de Vigo. E andaba a cabalo entre Vigo e Santiago, onde tiña amizades. Descobre Voces Ceibes, e Xerardo Moscoso intercede para metelo no colectivo. E,si, mantivo a chama de Voces Ceibes ata o final, cando moitos xa baixaran do barco. Sendo unha persoa tan comprometida política e socialmente, e cunhas ideas progresistas claras, Suso entende Voces Ceibes como unha posibilidade real de cambio nuns tempos de ditadura e de falta de liberdades. Nunha entrevista no 1998, comentaba o propio Suso:“Algo estaba a pasar, algo que non nos gustaba e había que axudar a cambialo.” Xa daque cría no país da utopía, e hoxe sigo a crer. Oxalá o paso do tempo me dea a razón”… Polo que é entendible a súa teima.

  • FERNÁNDEZ REGO, Fernando, Suso Vaamonde. A canción libre e comprometida dun pobo, Editorial Galaxia, 2022, 24 €

–Que representou para a súa traxectoria, e para a propia canción galega, a gravación en directo do disco Nin rosmar un laído?

–Eu creo que é un dos grandes discos da música galega de todos os tempos. Un disco realmente importante que contén unha das cancións máis fermosas da música galega: “Volvín á terra pro perdín o amor”, poema de Bernardino Graña. Un traballo moi ambicioso, gravado en directo o 28 de outubro de 1977 no Teatro-Cine Veiga de Moaña, sendo o primeiro directo da música galega, e que conta coa participación de Pilocha, Fuxan os Ventos e Verbas Xeitosas. Un disco que abre moitas portas.

–Esta biografía preséntase como a “completa e definitiva” de Suso. Coida que non lle quedou ningún cabo solto na súa investigación?

–Sempre hai cabos soltos e sempre quedan cousas por contar. Pero tentamos que quedase un material completo, tanto graficamente como en contido, e estamos satisfeitos. Nese senso, teño que agradecer tanto á súa familia (especialmente ao seu fillo Xesús, ao seu irmán Senén e ao seu sobriño Gael) como a Miguel Boo a súa axuda.

–Suso sempre dixo, aínda que moitos non o creron, que nunca militara nun partido político. É iso certo?

–É certo, si. A pesar de ser un dos cantantes máis comprometidos que tivo a nosa música, non quixo nunca adscribirse a unhas siglas. Foi un home libre que seguiu sempre o seu camiño.

"O exilio foi un feito moi duro que marcou a súa vida, pero que o fixo manterse firme nas súas convicións"

decoration

–Cando tivo que exiliarse, queixábase de que apenas tivera apoios por parte dos nacionalistas e que, ao final, quen o apoiou e fixo que volvese foron o PSOE e incluso algúns amigos da dereita. Doéulle moito esa falta de apoio dos que el cría que eran os seus “amigos nacionalistas”?

–Foi algo complexo todo aquilo. É certo que se sentiu en moitos momentos só, e que todos puideron facer máis por resolver un feito que non deixaba en moi bo lugar a esa recén nacida democracia. É certo que foi Xaime Barreiro, do PSOE, compañeiro de Suso nos tempos de Voces Ceibes, quen intercede co Goberno para atopar unha solución.

–Que diferenza houbo (se a houbo) entre o Suso Vaamonde de antes do exilio e o Suso Vaamonde de despois?

–Coido que foi un feito duro, que marcou a súa vida. Iso está claro. Pero un feito tamén que o fixo manterse firme nas súas convicións. El seguiu loitando pola música galega, polo idioma e pola cultura deste país. Ata o último suspiro.

–Fronte ao esquecemento que sofren moitos cantautores galegos da súa xeración, Suso aínda continúa na memoria, e incluso é reivindicado pola xente xove. Que tiña Vaamonde para que se convertese nun símbolo, cáseque nun mito?

–Si. De feito é chamativo como moita xente nova o segue reivindicando, especialmente no ámbito do punk. Son moitos os artistas e grupos que o citan coma influencia e que se achegan as súas cancións para facer versións. Como dicía Bibiano: “Os que deixan semente, non morren”

–Se lle digo que Suso Vaamonde foi o Paco Ibáñez galego, acertaría?

–Hai moitas analoxías entre eles. A súa reivindicación da poesía, o seu compromiso, os tempos que lles tocan vivir e que tentan cambiar… Pero Suso é Suso, un home coido que moito máis de acción.

Compartir el artículo

stats