Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Recuperando "2 viaxes"

Unha BD fundacional de noso

Viñetas de "2 viaxes" (Marín e Patiño, 1975)

2 viaxes é o primeiro libro de Banda Deseñada editado en galego, obra de co-autoría dos pioneiros Reimundo Patiño (A Coruña, 1936-1985) e mais o seu “discípulo” e colega Xaquín Marín (Ferrol, 1943). Foi publicado orixinalmente en 1975.

A Reimundo Patiño adicóuselle este ano o Día da Ilustración (celebrado o 30 de xaneiro). Está considerado, xunto con Marín, un dos pais do xénero da historieta en Galicia. Xuntos debateron e repensaron constantemente como debía ser o cómic de noso e traballaron para atopar e defender unha linguaxe e canle propios para iso. O primeiro contacto entre eles foi motivado pola Estampa Popular Galega, un movemento crítico cuxa pretensión consistyía en popularizar a arte, achegándoa a toda a poboación galega, cun forte compoñente crítico. Creaban labores populares e expoñíanos polas aldeas e por todos os lugares aos que tiñan acceso.

Patiño “foi un home total. Pintor, editor, autor de poesía... trátase dun artista poliédrico que ademais inspirou a moita xente”, nas palabras de Xulio Carballo (A Coruña, 1978), especialista en cómic galego da década dos 70 e autor de Os pioneiros da banda deseñada galega 1971-1979 (Xerais, 2019). Reimundo Patiño pertenceu ao grupo galeguista e antifranquista Brais Pinto, fundado en Madrid en 1958, conformado por artistas, escritores e intelectuais de Galiza que loitaron pola defensa donoso idioma e cultura desde unha óptica vangardista, grupo que se encargou da edición e impresión de 2 viaxes. Patiño tamén deixou un importante legado teórico sobre a Banda Deseñada en galego. A súa elección no Día da ilustración é importante como reivindicación e maior visibilidade do cómic en Galicia neste ano 2022, cando se cumpren 50 anos da aparición da súa banda deseñada mural O home que falaba vegliota, doce pinturas de 99 x 99 centímetros nas que narra, de forma metafórica, as agresións recibidas polas linguas minoritarias, utilizando como exemplo o vegliota, idioma da rexión de Dalmacia (Croacia). Na actualidade, estas pinturas pertencen á colección MACBA.

A obra foi publicada por vez primeira no ano 1975

2 viaxes, obra fundacional do cómic galego moderno, é unha sátira política futurista, coa temática da inmigración como eixo argumental, constituída por dúas historias relacionada pero completamente independentes e cun grafismo particular. A primeira, O longo camiño de volta dende as estrelas, está asinado por Xaquín Marín – historietista, humorista gráfico, debuxante e ilustrador– e caracterízase por un estilo “máis comiqueioro”, tal como o entendemos hoxe en día, cunha composición de páxina estruturada a predilección polos primeiros planos sen descoidar a importancia e profundidade outorgada polos fondos e un uso singular dos bocadillos, integrados graficamente. Esta primeira historia foi recuperada e publicada por El Patito Editorial en 2010, curiosamente baixo o título As dúas viaxes. A segunda historia, creada por Reimundo Patiño, titúlase A saga de torna no tempo, e ten un estilo máis experimental e expresionista, influído polas vangardas e a propia pintura do autor. O volume está formado por 128 páxinas en branco e negro, encadernación rústica e cubertas a cor. Segundo consta no orixinal, maquetado por Xosé Moslares e confeccionado por Farruco Moncho, integrantes de Brais Pinto.

O historietista, humorista gráfico  e ilustrador Xaquín Marín

O historietista, humorista gráfico e ilustrador Xaquín Marín

O pasado mes de marzo, a Editorial Elvira e Fosfatina Ediciones anunciaron unha reedición facsimilar desta obra, que podía adquirirse en prevenda ata o 23 de marzo, obtendo unha rebaixa no prezo e o agasallo de dous pósteres. Actualmente, está dispoñible na tenda en liña da editorial Elvira, na súa versión sinxela ou especial, na que, por tres euros máis, adquires os dous carteis; edición limitada de 100 exemplares. En breve, esperamos, terá distribución e poderá comprarse tamén en numerosas tendas físicas.

Elvira e Fosfatina

A Editorial Elvira e Fosfatina Ediciones son dous proxectos editorias independentes pero íntimamente relacionados. Elvira foi fundada en Vigo en 2013, aínda que a súa sede está en Santiago, polo editor Xabier Romero. Naceu co obxectivo de publicar a obra poética de Carlos Oroza (Viveiro, 1923 – Vigo, 2015). Na actualidade segue a editar poesía pero tamén prosa, conto infantil e banda deseñada. As súas edicións caracterízanse polas tiradas curtas, de poucos exemplares moi ben coidados, con apego polos libros de artista e os libros-obxecto.

Pola súa banda, Fosfatina Ediciones tamén naceu en Vigo un ano despois, en 2014, e está especializada en cómics, fanzines e videoxogos. Rubén Romero, que traballaba e traballa na Editorial Elvira como maquetador e director de arte, aproveitou un baleiro que detectou no panorama galego para levar a súa paixón polo cómic e a ilustración cara ao seguinte nivel: apostar por un selo independente dedicado enteiramente a estas disciplinas.

Fosfatina é unha canteira infinita de talentos. Proba diso é a súa primeira antoloxía, HOODOO VOODOO, un proxecto colaborativo de artistas de vangarda e autores de cómic alternativo. Por destacar só a algúns deles: Andrés Magán, María Ramos, José JaJaJa, Los Bravú, Óscar Raña, Conxita Herrero, Ana Galvañ, Roberta Vázquez ou Cristina Daura. Asemade conta coa colaboración do artista Óscar Raña e dá xa amentada Editorial Elvira.

Compartir el artículo

stats