Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A materia tatuada

Soledad Penalta na Sala Maruja Mallo

Pulsión ética e urxente vontade de comunicación nas pezas que Soledad Penalta nos vén amosar en A materia tatuada. Fotos: Eli Regueira

O espazo expositivo da Deputación de Pontevedra en Vigo ofrece unha mostra de Soledad Penalta -comisariada por Rosario Sarmiento-, con seis representativas pezas do seu labor agrupadas co título de Materia tatuada. Son obras que van desde os anos noventa (Bosque) até os últimos anos (Asubíos do vento) e onde se insire a escrita, con textos que fan referencia, en ocasións, ao pensamento da artista.

A escultora Soledad Penalta iniciou o seu traballo creativo na cerámica para despois traballar co metal fundido e soldado, unha orixe formativa e unha preferencia que se percibe no que poderiamos denominar o substrato fondo dos seus traballos actuais. A brillante obra en metal -realizada en ferro e aceiro inoxidábel e traballada con soldadura- da escultora noiesa destaca no que se refire aos xogos de planos. Como se pode observar na totalidade das esculturas da exposición, a estrutura da obra non é un tema intranscendente, polo contrario, constitúe unha forma de encontrar outra dimensión para o obxecto, é, por tanto, un elemento fundamental na creación plástica. Soledad Penalta afronta este reto desde unha clara vontade de construción, para desde a armazón abrir unha nova maneira de entender o traballo artístico. Parte dunha análise que fai que o volume e os planos sexan un todo que se conforma como un “obxecto” autónomo, como un artefacto de comunicación, unha especie de caligrafía que permite á artista unha relación máis expresiva desde o obxectual, feito que se transmite tamén ao espectador que percibe o aspecto táctil e pleno da obra e na súa meditada inserción espacial.

Eli Regueira

Eli Regueira

Semella que a artista desvia o interese de concluír unha obra como peza final e única, por unha banda, cara a labor, cara o proceso en si mesmo –así se manifesta no caso dalgunhas das obras presentes en Vigo- mediante o traballo feito de sutís diferencias, sistemático e purista; unha aparente repetición formal que contribúe a sinalar ese aspecto procesual, atendendo ao feito de construír, do traballo e por outro, cara ao deseño de lugares onde mora a poeticidade da palabra. Alcanza así a experiencia consciente da materia e da linguaxe.

Este valor dual das obras engádelles unha nova condición; con cada unha das pezas fica subliñado o proceso, o que nos recorda o que afirma Mario Perniola en A arte e a súa sombra: “Non hai evento sen exercicio; non hai situación sen repetición. O que se impón como o mellor para nós debe ser repetido, elaborado, transformado no que queremos subxectivamente (...) Desta estética do evento nace a idea da arte como exercicio: (...) o que conta no pensamento estoico non é a obra de arte senón o exercicio, isto é, o momento procesual que conduce á mesma, o movemento produtivo que a realiza”.

Eli Regueira

Pulsión ética e urxente vontade de comunicación nas pezas que Soledad Penalta nos vén amosar en A materia tatuada. | FOTOS: ELI REGUEIRA Eli Regueira

Quen coñeza a traxectoria da nosa escultora poderá percibir nos exemplos presentes nesta exposición a constante evolución da súa obra, que lonxe de ancorarse na altura inicial dos anos oitenta, cando consegue unha particular expresividade de enorme forza, segue a procurar novos vieiros. O traballo de Soledad Penalta, ao longo das súas diferentes “maneiras” sempre produce a sensación de que cada peza xorde dunha necesidade expresiva, de que nada é prescindíbel, vinculada en xeral a unha pulsión ética, a unha urxente vontade de comunicación, de transmisión da súa visión e da súa situación no mundo.

  • Materia tatuada, Soledad Penalta.

    Comisaria: Rosario Sarmiento.
    Local: Sala Maruja Mallo, Sede da Deputación en Vigo.
    Até o 22 de maio de 2022

Vontade humanística

Diante de nós aparecen, pois, esculturas que transmiten diferentes olladas sobre o universo onde segue a estar en primeiro plano o humano: antropomorfo e caligráfico. Esta vontade humanística, recorrente na arte de todos os tempos, mais que na actualidade se converte en ineludíbel nunha sociedade como a contemporánea en que asistimos á presenza de síntomas nítidos da ruína moral, social e cultural da condición humana, desde a guerra e a ruptura do respecto dos códigos internacionais, con tanto esforzo afianzados durante décadas, até o plano máis cotián e vivencial, no que se pode detectar os signos de caída que se manifestan nos diferentes planos, fracturada a cohesión social do mundo actual. A obra de Soledad Penalta demostra que a arte segue a ter sentido se vai unida a unha auténtica procura formal e a unha intensa vontade de comunicación.

O resultado expositivo, visto no seu conxunto, destaca pola súa elegancia. As pezas son postas en común conformando un mundo emotivo, desde un tipo de elementalidade que xorde do refinamento obxectual, unha elementalidade que deita cada unha das esculturas e que permite que agrome a súa potencial poeticidade. O sentido obxectual e poético, ao mesmo tempo, destas pezas resume a vontade que transmite esta atractiva mostra que nos fai chegar desde todos estes obxectos a esa realidade sempre esvaradía e case imposíbel de aprehender que é a beleza, unha beleza que a escultora consegue fixar nesa “materia tatuada” que con tanto acerto dá título á exposición.

Compartir el artículo

stats