Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cumes do expresionismo

Nos 100 anos de Nosferatu

Fotograma de Nosferatu (1922).

Segundo a convención da crítica, o 4 de marzo de 1922 foi a data na que Nosferatu, eine Symphonie des Grauens, (entre nós, Nosferatu: unha sinfonía do horror) de F. W. Murnau, foi estreada en Alemaña. Adaptada a partir da novela Dracula, de Bram Stoker, foi producida por Prana Film, unha pequena produtora que quixo dedicarse a películas de temática ocultista e sobrenatural pero que crebou pola petición de indemnización por plaxio presentada pola viúva do autor da novela malia os cambios que o director introduciu, como o propio título ou os personaxes: o conde Orlok (Max Schreck), Thomas Hutter (Gustav von Wangenheim) e Ellen Hutter (Greta Schröder).

Hutter ten que viaxar desde Alemaña a Transilvania para cerrar unha operación inmobiliaria co conde Orlok, quen o acolle no seu castelo. Ao día seguinte á súa chegada, o mozo decátase de que ten dúas marcas no colo pero as atribúe a picadas de mosquitos. Rematada a operación, Orlok viaxa a Alemaña (Londres na novela) para tomar posesión da casa que mercara e faino nun barco que vai cheo de ataúdes cargados de terra e ratas, e durante a travesía succiona a diversas vítimas e así estende unha praga.

Presentada unha demanda pola viúva de Stoker, esta gañou o preito e o tribunal ordenou destruír as copias, se ben algunhas (especialmente as que se distribuíran nos Estados Unidos) puideron seren salvadas. Tal circunstancia fixo posible o remake de Werner Herzog Nosferatu, o vampiro da noite (1979), con Klaus Kinski no papel protagonista. E A sombra do vampiro (2000), de E. Elias Merhige, sobre a rodaxe da película de Murnau, feita en clave de comedia negra e con John Malkovich e Willem Dafoe nos papeis principais. E aínda Dracula, de Bram Stoker (1992), de Francis F. Coppola, que retomaba o sentido orixinal da novela.

Friedrich Wilhelm Murnau

O xénero de vampiros xa estivo presente nos primeiros anos do cine coa película La Manoir du Diable (A mansión do diaño, 1896), de Georges Méliès. Pero a aparición do personaxe do conde transilvano chegou coa película húngara Drakula halála (A morte de Dracula, 1921, perdida). Non seguía a novela de Stoker e si posiblemente as lendas de Transilvania, terra húngara ata apenas tres anos atrás. A estética do seu protagonista, interpretado por Paul Askonas (cabelos peiteados cara atrás, engraxados e brillantes) foi a que adoptou o tamén maxiar Bela Lugosi dez anos despois en Dracula. Nos Estados Unidos, a primeira película do xénero foi The Bat (1926), á que seguiu London after Midnight (1927), de Tod Browning, que dirixiu tamén a de Bela Lugosi.

A novela do irlandés Bram Stoker, publicada en 1897, participaba dunha estética encadrada no neoromanticismo decadentista (grotesco) do que tamén bebía o expresionismo, aparecido entre 1905 e 1910 contra a impresión obxectiva, á que opoñía a preferencia pola expresión do artista que deforma a realidade. Unha manifestación de vangarda que respondía ao ambiente de amargura do II Reich e que rematada a guerra mundial, con Alemaña derrotada e sancionada, colleu nova forza coma expresión de defensa fronte á apatía social.

Era unha vangarda sen manifesto nin iconoclastia e amosaba preferencia polos personaxes perturbados, violentos, criminais. No seu seo acollía o sobrenatural, o terror, as manifestacións sexuais (especialmente as non ortodoxas), o fantástico. A primeira película expresionista foi O gabinete do doutor Caligari (1920), de Robert Wiene. Esta obra de terror estableceu os parámetros estéticos da corrente: ambientes opacos e opresivos, contraste entre luz e sombras, ángulos en diagonal e contrapicado, que presidirán as principais películas alemás dos vinte. Chegarán incluso a películas como M (1931), de Fritz Lang –que estableceu as bases do futuro xénero negro- ou O terceiro home (1949), de Carol Reed (e G. Greene e O. Wells).

Pero Nosferatu rachou así mesmo con algúns dos principios do expresionismo ao combinar ambientes pechados con filmacións en espazos abertos pero fronte ao aristocratismo do vampiro de Stoker, opúxolle o grotesco: monstruoso, calvo, escuálido, con garras, dentes longos.

Compartir el artículo

stats