Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ARTE

Entre a traxedia e o tráxico

Pensarmos na catástrofe

Masacre en Corea, cadro pintado por Pablo Picasso en 1951.

A pesar das historias tráxicas que nos preceden, aínda non aprendemos a ser homes e mulleres doutro xeito. Será que o superhome tamén morreu e malia os millóns de perdas humanas que supuxo a Segunda Guerra, xa falamos da Terceira. É bo pensar de xeito catastrófico cando toca; permite que afloren emocións e que se revele a angustia, e aínda que hoxe todas as dores se racionalizan ou se medícan, elas son unha parte imprescindíbel para afondar na humanidade e dirixir cambios persoais e sociais.

Nestes días resulta fácil observar, a través dos medios que documentan a traxedia, a dinámica que nos mexe, entre a agonía dos que anuncian o desastre inminente e os que están entregados a negalo. Isto de negar ten moitas caras pero unha única natureza -o medo- que sempre se identifíca como unha forma de non confrontar co absurdo da existencia e librarnos da angustia.

O certo é que hai moitos conflitos armados que axitan o mundo, e algún desde hai décadas. Non pensamos que os conflictos sexan evitábeis na súa totalidade xa que a sua presenza é a expresión da nosa singularidade. Imaxinar a inexistencia de conflictos nas comunidades invítanos a anticipar unha sociedade antidemocrática porque se nunca hai conflicto, as opcións, en principio, son dúas: ou todos menten ou todos están sometidos. O asunto non está na súa presenza senón en como se resolven; acaso existe outra forma de conquistar dereitos que non sexa a través dun conflicto? O problema é canso, instálase como norma para resolver entre vencedores e vencidos e non como forma de atopar un cambio que garanta os dereitos de todas as partes.

Hoxe hai moitas traxedias que os medios de comunicación introducen na nosa intimidade anticipando numerosas formas apocalípticas de futuro. Velaí os imprevistos violentos da natureza, nos que temos unha responsabilidade importante pero tamén vemos as dramáticas guerras e mais as condicións inhumanas nas que vive unha parte considerable do mundo mais que semellan estar lonxe da nosa realidade. Porén, nin o tráxico, como experiencia emocional, nin a traxedia, como marco da realidade, parecen formar parte da nosa vida. Sentámonos fronte a unha boa comida, miramos as imaxes e os números do drama e valoramos pendulando entre a perda de persoas e a perda da economía como se fosen valores sen contrastes e como se esta realidade reflexiva que constrúe consciencia, non tivese efecto ningún sobre a dirección que toma a nosa natureza porque non está de máis lembrar que non somos seres acabados.

Conformámonos con que a vida funcione coas súas minúsculas e materiais gratificacións. Un recente filme observaba unha catástrofe inminente sen outra perspectiva que a materialidade. Foi motivo de debate en moitas mesas como os protagonistas fronte ao desastre seguían coas súas loitas de poder ou ocupados con trivialidades. A ficción non parece un escenario moi diferente do que vivimos agora mesmo. Non hai dúbida que aprezamos o cotián e esta relación exclusivamente material que banaliza a realidade, disuádenos das grandes utopías e colócanos fóra da perspectiva de que estamos igualados na morte. Pero lonxe de afondar na percepción do humano, xa experimentamos coa pandemia, que a vida hoxe non é mais que un bo negocio.

Este mundo racionalista en extremo, escéptico e material ao que nos aferramos é axeitado como mecanismo de negación da tráxica e irracional verdade de que nacemos para morrer. A traxedia está no límite cara a nós e non cara a fóra. A irracionalidade é dolorosa pero racionalizar a vida, conduce a descontextualizala. Por iso hoxe non entendemos os lazos atávicos que unían o home clásico coa natureza nin a traxedia onde atopaba a síntese de todo o permitido, o prohibido e a forma de xestionar as angustias. O heroe tráxico desprezaba o cotián porque lle preocupaba máis o sentido da súa vida é da súa morte que calquera materialidade, incluída a do seu corpo.

A morte inevitablemente fainos tráxicos é resulta absurdo que esta sexa a única verdade da vida pero este paradoxo da irracionalidade dota de auténtica beleza a vida e é que neste absurdo se poden atopar sentidos. A angustia existencial supérase cando descubrimos en nós algo máis grande que ela. E nada hai máis grande que o amor pero hai que ter coidado cara a onde o diriximos.

Compartir el artículo

stats