Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

LIBROS

Poesía da resistencia

Sensible honestidade

Poesía da resistencia

A abertura da boca é un rito desenvolvido no Antigo Exipto mediante o cal conseguíaselle devolver certas funcionalidades vitais ás momias. Carlos Callón parte desta idea para artellar este poemario. Un concepto que vai cara unha gran alegoría detrás da que hai un percorrer vital adoecido. É o punto de partida para toda unha poética de corte existencialista e vital.

O eu lírico fainos entrar nun sentimento de desazón e desesperanza absolutos. A dor, a morte, o desconcerto están presentes ao longo de todo o texto. Mais, se cadra, o gran mérito desta poesía é o feito de facernos entender a través dunha enxurrada de metáforas e imaxes cheas de forza, como se sente, como é esa traxectoria vital exposta e vulnerable para rexurdir e saír do pozo no que o eu lírico está enzoufado.

Logo pois, máis que un existencialismo esperable nuns contidos tan duros e sensibles, do que se trata é de facer unha poesía da resistencia, do vitalismo. Non hai resignación nos versos de Callón. Hai reflexión e explicación poética da experiencia. Dá igual os pensamentos que se teñan arredor da morte, dá igual as concesións manriqueñas que haxa nalgún poema-río que por aí aparece ou a consciencia da febleza perante o devir vital, ao final a metáfora nuclear do libro imponse. Sexa o ritual exipcio, sexa Ave Fénix que puideramos empregar co mesmo propósito poético-discursivo, ao final vence a vida, a esperanza, a consciencia de superar os momentos máis duros e baixos nos que unha persoa puidera estar.

Estes poemas cunha cadencia, un ritmo e unha manipulación da imaxe e da metáfora tan axeitada para o que se nos está contando, son lectura perfecta para quen quixer afondar en procesos semellantes na súa vida. Non pense o lector que estamos ante unha poética de auto-axuda ou semellante. Estamos perante a reflexión e exposición honestas de alguén sensible que realmente ten algo importante que contar. Todo acompañado dun saber facer poético que pon este libro en lugar de ser atendido con especial interese desde moitos puntos de vista e non só o estritamente literario ou estético.

CALLÓN, Héitor, A abertura da boca, Galaxia, Vigo, 2022, PVP. 10,21€

Compartir el artículo

stats