Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

LIBROS

A masculinidade disidente

Loitando contra a indecencia do patriarcado

A masculinidade disidente

Á longa traxectoria do escritor vigués Francisco Castro como narrador de ficción hai que lle engadir o seu primeiro ensaio que encerra no seu subtítulo “Unha mirada masculina contra o patriarcado” a cerna desta publicación. Isto SI é un Home encádrase dentro da colección “Feminismos” da editorial Galaxia e achéganos a visión dun home declarado plenamente feminista sobre o patriarcado, o seu machismo, a situación de dominio sobre as mulleres e a súa promulgación e defensa a través dun brazo político.

Nun primeiro momento poderiamos agardar un estudo científico especializado sobre o tema mais o libro non tira por aí. Se ben é certo que se bota man dalgúns filósofos (entre eles Simone de Beauvoir), dunha psiquiatra como Iria Veiga ou de escritoras galegas que tratan o tema con asiduidade como Inma López Silva ou Carme Adán, ademais de numerosas referencias ao cinema, non estamos diante dun tratado académico. Castro parte da súa memoria persoal para expoñer unha realidade que se nos dá feita e que mesmo a poderiamos chegar a percibir como “normal” pola súa universalidade e tradicionalidade: o mantemento das estruturas do patriarcado.

Así, o escritor de Tes ata as 10 explota aquí a súa faceta como filósofo para espallar o pensamento feminista, onde, por outro lado, xa leva instalado hai tempo como vén reflectindo nas súas personaxes de ficción. Asemade demostra, expoñendo realidades persoais desde neno, a necesidade de rachar coas estruturas arcaicas, machistas e patriarcais, que inciden nos privilexios dos homes e a cousificación, hipersexualización e, en definitiva, sometemento da muller.

Mais en toda loita hai que contar tamén coa contradefensa, neste caso a ultradereita en auxe, que vai espallar unha das súas tres patas ideolóxicas: o antifeminismo. Unha ideoloxía que afonda no mantemento das estruturas que sosteñen os privilexios do home polo simple feito de nacer home. O de Teis afonda na necesidade de que os Homes se conciencien da súa obriga de traballaren coas mulleres por un mundo feminista, que non é máis que un mundo en plena igualdade. Isto é, crear unha realidade onde impere a decencia, porque calquera persoa decente é, xa que logo, feminista, ao incidir na necesidade de defender unha sociedade que se basea na liberdade e na diversidade como dereitos irrenunciables do ser humano. E todo isto faino a través dunha linguaxe moi amena, que bota man decote da ironía e do humor, dun estilo que foxe dos tratados académicos e inzado de recursos estilísticos que nos achegan ao Francisco Castro narrador sen restarlle nada á rigorosidade que se espera dunha obra destas características.

En definitiva, estamos perante unha lectura necesaria para entender a revolución ideolóxica do século XX, a cuarta onda do feminismo, desde unha perspectiva case que literaria, moi amena, vitalista, que convida os homes a renunciar aos privilexios dados a prol da igualdade e que sen dúbida vai provocar diálogos necesarios en moi diversos foros.

CASTRO, Francisco, Isto si é un home, Galaxia, Vigo, 2022, PVP. 16,53€

Compartir el artículo

stats