Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

PATRIMONIO

Camiño de historias

San Xiao de Moraime, Muxía

Perspectiva exterior do templo de San Xiao, en Muxía.

O Camiño de Santiago percorre esta parte da Costa da Morte que, entre subidas e baixadas, prosegue ata outra magnífica igrexa tras deixar atrás a de San Martiño de Ozón, en Muxía, e chegar a San Xiao de Moraime, expoñente do mellor románico galego. San Xiao é un dos máis esplendorosos monumentos da época, declarado conxunto histórico artístico, datado no século XII, de planta basilical con tres naves e tres ábsidas. As doazóns de reis axudaron a levantalo no mesmo emprazamento onde existía unha antiga ermida varias veces arrasada, primeiro polos normandos e máis tarde polos sarracenos.

Vista exterior do templo.

E é que Moraime foi asemade lugar clave nas loitas dinásticas que se viviron no século XII, especialmente en torno ao que despois sería Afonso VII. Foi o enclave escollido polo conde de Traba para agachar o pequeno Afonso Raimúndez, futuro monarca, dos xogos de poder propiciados polo segundo casamento da súa nai, Urraca. As crónicas din que primeiro os normandos, no ano 1105, e pouco despois os sarracenos, en 1115, causaron importantes danos no lugar tratando de facerse coas riquezas que había. Pero o conde de Traba, e sobre todo o rei Alfonso VII, posibilitaron a súa reconstrución e sentaron as bases do esplendor que viviría durante varios séculos.

Detalle do tímpano.

As atencións do monarca cara a Moraime non foron froito do azar, senón que teñen que ver cos episodios históricos que alí ocorreron e que foron clave nas loitas dinásticas que se viviron no século XII. Nun dos privilexios que outorgou ao cenobio e ao seu abade, o monarca destacaba tamén o papel que o mosteiro desempeñaba na atención dos peregrinos do Camiño de Santiago. Situado a uns poucos quilómetros do santuario de Nosa Señora da Barca, Moraime era entón, e segue sendo, un punto de paso obrigado para quen, tras chegar a Compostela, decide continuar o seu roteiro cara a Muxía e Fisterra.

Ten moitos motivos de interese esta igrexa de esvelta torre. Na fachada principal pódese observar o seu fermoso pórtico, no que os estudosos viron similitudes co Pórtico da Gloria compostelán. No lateral orientado cara ao sur, en 1978 recuperouse unha porta tapiada na que se pode ver unha singular representación da Derradeira Cea na que faltan comensais. Non é a única curiosidade que gardaba Moraime porque, tamén nos anos setenta, se puxeron ao descuberto unhas valiosas pinturas murais realizadas directamente sobre a pedra, que representan os sete pecados capitais e mais a morte.

Crese que os frescos datan do século XVI, e que eran empregados polos monxes para facer chegar a mensaxe dunha vida virtuosa á poboación. Estímase tamén que as pinturas serían o resultado dos intercambios culturais que o Camiño propiciaba, xa que os expertos identificaron nos murais influencias do gótico flamenco.

Interior de San Xiao.

Aínda que espectacular coa súa igrexa e o que foi antigo cenobio, Moraime vai moito máis atrás na historia e garda quen sabe aínda que segredos. Diferentes traballos arqueolóxicos realizados nesta parroquia de Muxía puxeron de manifesto a existencia dun asentamento romano, o que indica que outros moradores decidiran instalarse aí antes da chegada dos monxes. Identificáronse os restos de calefacción dunha vila romana e algunhas tumbas que poderían remontarse aos séculos VII e VIII.

Hai moito máis que ver en Muxía camiño a Fisterra porque no concello se atopa outro cenobio con historia, o de San Martiño de Ozón, do que queda a reitoral, a igrexa e, sobre todo, o seu enorme hórreo de máis de vinte e sete metros de lonxitude e vinte e dous pares de pés, que o sitúan como un dos máis grandes de Galicia.O templo que o acompaña conserva a súa planta románica e dúas ábsidas, aínda que reformas posteriores lle deron o seu aspecto actual, con elementos barrocos.

Románico na fin do mundo

Neste camiño costeiro que leva ao finis terrae aparecen moitos outros exemplares románicos. Porque máis arquitectura deste estilo no concello de Muxía está en Frixe, onde se levanta a igrexa de Santa Leocadia, do século XII, aínda que con reformas posteriores. Exemplo da época é tamén o templo de Leis, construción relixiosa de pequenas dimensións e fermosas vistas.

E neste itinerario ao cabo do mundo está tamén o maxestoso santuario da Barca, monumento pétreo aberto ao mar e cheo de lendas. É unha das paradas imprescindibles en Muxía, obxecto de culto máxico-relixioso ao longo dos séculos e de veneración para os milleiros de peregrinos que percorren o Camiño ata Fisterra. Ademais do propio recinto relixioso, na contorna atópanse as pedras “máxicas” con propiedades curativas e adivinatorias: a Pedra de Abalar, a Pedra dos Cadrís, a Pedra dos Namorados e a do Temón. Son os restos da embarcación na que, conta a lenda, chegou a Virxe por mar para alentar ao apóstolo Santiago no seu evanxeo.

O templo foi reconstruído varias veces, pode ser que catro, a última vez en 2015 debido a un incendio. O accidente non fixo senón aumentar o número de devotos e peregrinos que se achegan a este santuario levantado cara ao Atlántico e, capaz, como demostra a historia e os feitos, de sobrevivir a todos os obstáculos

Compartir el artículo

stats