Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

LIBROS

Áxil e sen artificios

Recomendable lectura

Áxil e sen artificios

O estoico, de John Galsworthy (Coombe, 1867-Londres, 1933), é a nova novela curta que achega Hugin e Munin ao galego –traducida por Antía Veres– para acrecentar os títulos máis importantes da literatura europea do século XX. Publicada en 1918 como unha das cinco partes da serie Five Tales, e en 1920 como obra independente, vén ser un introito da súa obra de máis sona, moi coñecida pola versión televisiva (BBC, 1967), A saga dos Forsyte. O autor, Premio Nobel de Literatura en 1923, doutorouse en Dereito en Oxford, aínda que axiña comezou a escribir, animado, con insistencia, e con acerto, polo seu amigo Joseph Conrad.

Cunha linguaxe natural, áxil, sen artificios, e con moita forza descritiva, da inicio aos grandes temas que logo trataría de forma máis extensa, coa descrición da clase media inglesa a finais da época vitoriana e comezo da idade moderna, cunha visión crítica da burguesía, das ambicións persoais e dos compromisos, ou da xustiza e o cinismo á hora de cualificar dependendo da clase social á que se pertenza. Válese para iso do seu personaxe central, Sylvanus Heythorp, un empresario ancián incapaz de ocultar a ruína e só preocupado por protexer á viúva dun fillo que tivera fóra do matrimonio, froito dun amor de xuventude, e que lle deu dous netos alegres cos que se identifica e nos que se recoñece. Contrapóñense os seus modos, en certa medida rudos e secos, cunha auténtica dignidade e nobreza de espírito, da que outros personaxes, contrapostos, carecen por completo. Por salvalos, consciente de que pouco lle queda, arríscase perigosamente nunha complexa manobra financeira, en cuxa trama abundan prácticas aínda actuais, como o pago de comisións. Moi recomendable.

GALSWORTHY, John, O estoico, Hugin e Munin, Santiago, 2022, PVP. 14€

Compartir el artículo

stats