A obra do pintor Manuel Moldes (Pontevedra, 1949-2017) pódese contemplar na Sala de Exposicións da Casa Galega da Cultura na Praza da Princesa en Vigo até o 24 de abril. Vieiros na memoria, que é o título da mostra comisariada por Sara Donoso, está conformada pola serie “Vieiros” que o pintor pontevedrés realizou a finais da década dos noventa e comezos do novo século. Moldes, que elaborara nos anos oitenta unha das obras máis potentes da figuración do movemento Atlántica, achegábase nesta serie ás indagacións dunha parte das correntes abstractas, equidistante entre as tendencias puramente formalistas da abstracción xeométrica e as máis viradas cara a posicións máis expresivas e expansivas do chamado expresionismo abstracto.
Manuel Moldes optaba na súa obra desta altura por unha abstracción de forte intensidade plástica -cunha execución e un afondamento nos procesos de elaboración formal- mais ao servizo dunha idea, no seu caso case podemos falar dun pouso cultural, ligado ao fondo da expresión labiríntica que se situaba en diálogo coa tradición dos libros iluminados medievais ou co substrato prehistórico galego, onde o vieiro, o camiño, é un labirinto. Eses vieiros aos que aluden os títulos son, xaora, toda unha toma de posición estética que podería estar ao servizo dunha captación inmediata da realidade, mais que no seu caso serven para unha procura diferente na cal a modulación de liñas e cores é o vehículo para a transmisión dunha pulsión interior, non unha pulsión de carácter expresivo, como frecuentemente se interpreta o termo aplicado á obra pictórica, senón máis ben entendida como intensa busca interior que tenta por medio da pintura sintetizar un estado de captación pleno, como froito dun estado de alerta do pintor.
O resultado, nunha primeira ollada, non se afasta dunha vertente da pintura das últimas décadas preocupada por ligar este ámbito de captación coa investigación formal herdeira das vangardas históricas, mais a diferenza entre a obra de Manuel Moldes e outras versións máis planas é a forza da súa linguaxe, demostrando que nos mellores momentos, e en especial na pintura, “forma” pode tamén ser “contido”, sempre que consiga o fundamental que é a transmisión, a capacidade de comunicación.
É a de Moldes unha pintura en que a liña ten un papel sobranceiro, unha liña que nos evoca o orgánico, como se desenvolvese nun magma primixenio, de aí que nos transporte a momentos da arte do pasado, sempre lonxe do clásico, en que o labirinto, a espiral, o curvilíneo eran o vehículo de expresión das máis fondas vivencias. Pero é tamén a súa unha pintura moi interesada na investigación sobre a cor e a percepción visual e sobre todo atenta á captación dos ritmos. O pintor leva adiante un proceso de deconstrución da cor, non nun sentido xeometrizante senón baseado en trazos máis sutís e modulados.
Figuración/Abstracción
Outro aspecto perceptíbel, analizando o conxunto do seu labor do noso artista e non só o que a mostra da Casa Galega da Cultura de Vigo ofrece, é a estreita conexión que se pode establecer entre o seu traballo figurativo e o abstracto. Unha liña espiral conecta as obras máis xestuais achegadas á action painting dos setenta -tres debuxos están na mostra viguesa- coas series de Vieiros e Links de finais dos noventa e dos anos finais do seu labor, e estas series á súa vez teñen moitos puntos de contacto con obras figurativas de comezos do noventa como Orixe e desenrolo da gran espiral no camiño que leva a unha estrela (1991-92) en que alegoría, referencias cultural e tradición popular se mesturan. Neste tipo de obras Moldes acentúa as evidentes conexións que ten o seu traballo coa xenealoxía da arte galega que pasa por artistas como Luís Seoane ou Reimundo Patiño. Un tipo de constantes ás que nunca renunciou o pintor pontevedrés, como demostra unha obra de inicios da década de 2000 e moi baconiana como A matanza do Gran Porco (2003) que alude á Guerra do Iraq e á catástrofe do Prestige, e en que a mata do porco é un xeito de ligar o político-social desde unha lectura antropolóxica, onde novamente podemos observar o seu frutífero diálogo entre a tradición e o presente, entre a vida e a morte.
Mais tornando aos “Vieiros”, estes semellan froito dun intenso desasosego aínda que a concreción plástica neles toma corpo en formas que non renuncian á nosa tradición artística. O artista parece moi consciente de que sen ela non podía entender nada do presente, nin actuar sobre el, tamén nas artes plásticas, creando por tanto, en certo sentido, unha nova ritualización, a xeito de desafogo vital. Así agromaban as referencias iconográficas e as planimetrías que lembraban a iluminación dos códices medievais e a arte “primitiva” e prehistórica cunha hexemonía da curva absoluta.