Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pandeiretas e pandeireteiras

A muller como voz da música tradicional

As Pandeireteiras de Mens (Malpica co folclorista Manuel Cajaraville. / ARQUIVO

Aconteceu unha fría noite dun sábado de xaneiro. Demasiado lonxe, con todo o que leva caído desde daquela; demasiado próximo como para telo esquecido. Nada menos que un 49,6% de audiencia do programa foi galego. Unha grande esperanza, seguida dun grande enfado. Tempo haberá de estudar o fenómeno; cumpriría comezar por unha reflexión sobre a necesidade urxente de referentes e modelos que falen e vivan na nosa lingua que, polo visto aqueles días, semella que a sociedade, en particular a xente nova, demanda. As Tanxugueiras lograron nesa noite espertar oídos e intereses que parecían adormecidos. Aida, Olaia e Sabela volverán facelo mañá no Auditorio Mar de Vigo. A música de “Terra”, da Terra nosa como expresión do noso ser colectivo; unha música popular que tivo e ten nome de muller.

“Esta noite hai foliada/esta noite hai serán/agárdoche no torreiro/compañeiriña leal.” No mundo tradicional, a música pública, respectada no seu valor, era unha música de homes, co gaiteiro coma expresión por excelencia. A muller cantaba nas festas que viñan despois dos traballos colectivos, na sega, na esfollada, na espadela...; é dicir, no ámbito doméstico, sen máis recoñecemento nin aplauso. Tocando unha lata, un triángulo ou ben con pandeiretas, pandeiros ou pandeiras mercadas nas feiras, eran elas as encargadas de pór música e voz á festa improvisada.

“Para cantar veño eu/coa pandeireta na man/aturuxa canda min/que nos escoiten berrar.” A pandeireta constituía o instrumento por excelencia das tocadoras (o nome de pandeireteiras é posterior). Similares ás pandeiras, agás polo seu pequeno tamaño, trátase dun instrumento relativamente “moderno” -a primeira vez que aparece nun texto en galego data de 1826. As máis antigas tiñan normalmente cinco ou seis pares de ferreñas e un buraco no marco para introducir o polgar; as actuais adoitan ter nove pares e o buraco foi substituído por un rebaixe. Este cambio supuxo tamén unha importante modificación no xeito de tocar, pasando mesmo a cambiar de man na suxeición do instrumento, introducindo ritmos máis rápidos e unha maior sonoridade das ferriñas.

“Canta ti, cantarei eu/co xeito das nosas nais/festexaremos a vida/da xente que está a bailar.” A música aparece sempre seguida do baile. Fronte á danza- estruturada e preparada para determinados momentos do ano-, o baile baséase na improvisación, mais mantendo unha estrutura máis ou menos establecida: primeiro os soltos , tipo jotas e muiñeiras; despois os agarrados coma os pasodobres ou as mazurcas. Cantigas que ían pasando de nais a fillas, cadea que foi rachada nos duros tempos da emigración e a ditadura. Será na década dos 70, cando comece o labor de recuperación, en moitos casos in extremis, que permitiu a salvagarda desta riqueza até os nosos tempos. Nese roteiro, varios nomes importantes, pero se dúbida, o Cancioneiro popular galego da musicóloga suíza Dorothé Schubarth ocupa o primeiro lugar. Grazas a ela e mais as súas informantes, mulleres na meirande parte dos casos, podemos coñecer hoxe o xeito de cantar das nosas devanceiras.

“Aí veñen, aí veñen/veñen pra quedar/esas bravas gorxas/de fondo cantar.” E, xa que logo, o empoderamento feminino. A recompilación serviu para pór en valor as voces de tantas mulleres que foron silenciadas; para subir ao escenario e ensinar ao gran público o noso rico patrimonio oral feminino. Formáronse grupos que percorreron escenarios de Europa. Se as primeiras en constituirse como agrupación foron as de Buxán (1963), nos anos 70 serán as Pandeireteiras de Mens (Malpica) as que se incorporen á formación Aturuxo e, posteriormente, farán xira con Milladoiro. Estas cinco mulleres “labregas, vellas, vestidas de negro, do rural” -como di Beatriz Busto no seu recente libro sobre o grupo- abriron a porta da visibilización. Un traballo duro, con moitos nomes propios, que continúa nos nosos días.

O mundo tradicional desapareceu, as temáticas mudaron, pero foi grazas ás -e mais aos- que steimaron en salvar do esquecemento o que esmorecía, que hoxe podemos entender o que somos e de onde vimos un pouquiño mellor. E si, as voces femininas da música galega, as de antes e as de agora, “veñen pra quedar.”

Compartir el artículo

stats