Dramaturgo e director de escena, Afonso Becerra é, dende hai dous anos, director da Revista Galega de Teatero (erregueté), unha publicación que, a piques de cumprir catro décadas s sobrepasar os 100 números, ben se pode calificar de heroica.
–Case corenta anos de vida e máis dun cento de números publicados. Cal é o segredo da supervivencia desta revista, única non só en Galicia senón tamén en España?
–O segredo é o amor ás artes escénicas, a vocación que nos aboca, a resistencia ante as dificultades endémicas que enfronta o sector e, como parte fundamental do mesmo, a revista, e o traballo voluntario. Antón Lamapereira, Vanesa Sotelo, Manuel Xestoso, Ana Abad de Larriva e eu, en diferentes épocas, até os nosos días, fixemos de tripas corazón e, coa axuda de equipas moi preparadas e altruístas, sacamos adiante isto.
–Cales son as principais novidades da revista dende que Vde. asumiu a dirección, tanto dende o punto de vista dos contidos como da imaxe?
–A radical importancia da imaxe como documento nas artes escénicas, que se traduce nunha revista impresa a toda cor e cunha coidada selección das fotografías. A importancia das formas, o seu atractivo e elocuencia, que se traduce nun deseño que se renova e mellora en cada número. A diversidade nas seccións atendendo a todas as modalidades, formatos, estilos e estéticas escénicas, desde a danza contemporánea até o circo. A non discriminación, para nós ten tanta importancia unha peza breve de teatro ou de danza de quince minutos, cunha soa actriz ou bailarina, como un espectáculo de tres horas cun elenco de quince persoas. A edición dunha nova colección de libros de teatro. Unha sección cunha miradaespecificamente LGTBIQ+ na edición online da nosa web www.erreguete.gal porque os escenarios móstrannos outros mundos posibles, nos que importa moito a diversidade de perspectivas.
–Que criterios de selección se realizan para elixir os temas que se inclúen en cada número?
–O que nos importa agora non son os temas senón os escenarios e o que neles acontece, como espazos de artes vivas. Así pois, os temas non os escolle a revista senón as compañías e os artistas co que fan e incluso co que deixan de facer.
–O da distribución é unha cuestión moi importante neste tipo de publicación. Onde pode atopar á venda Erregueté o seguidor do teatro galego?
–A través da nosa web www.erreguete.gal e tamén a través da libraría Abrente de Bueu, que vende e distribúe, con envíos a domicilio. A libraría Abrente é, para nós, un apoio moi importante e Xosé Bangueses, o libreiro, un militante da cultura.
–Unha das súas características é a de incluír textos teatrais. Hoxe en día, abondan novos autores galegos que escriban textos para teatro?
–Si, en Galiza hai unha nutrida nómina de dramaturgas e dramaturgos. A revista é unha das editoras más vizosas a este respecto. Tamén o itinerario de Dramaturxia na Escola Superior de Arte Dramática leva anos estimulando a aparición de novas voces.
–Que valoración fai da cobertura do teatro galego nos medios de comunicación galegos?
–É anecdótica. Saliento o artigo quincenal, no suplemento FARODA CULTURA de Manuel F. Vieites e mais as críticas de Manuel Xestoso no diario Nós. É do pouco que hai na prensa xeral, se pensamos en artigos que nos axuden a pensar as artes escénicas. Porque as notas de prensa só informan, algunhas veces, dalgunhas estreas. Na radio pública está o “Diario Cultural” coas colaboracións de Roberto Pascual, membro do Consello de Redacción da nosa revista. Na TVG2 está o “Zigzag” con información e entrevistas e unha breve análise quincenal de Ernesto Is, que tamén pertence á erregueté. E logo están revistas de cultura como Tempos Novos ou Luzes, cun artigo mensual que non chega a cubrir a ampla produción escénica de Galiza.
–O das artes escénicas foi un sector duramente castigado polos efectos da pandemia do Covid. Estanse a notar xa síntomas de recuperación (ou iso que se chama “brotes verdes”)?
–Penso que compensou algo que neste Xacobeo se orientasen algúns fondos para as artes escénicas galegas, como o programa Impulsa de Danza, paisaxe e patrimonio, que deu moi bos resultados. Non obstante, seguimos na precariedade e na excepcionalidade. Os teatros públicos das cidades deberían programar non só en fin de semana e terían de aumentar os orzamentos para poder acoller compañías en residencia e tamén co-producir. Todas as administracións, non só a Consellería de Cultura, tamén concellos e deputacións deben investir en artes escénicas.
–Até non hai moito, o peso do teatro galego recaía, nomeadamente, na xeración que o recuperou na década dos 80. Hai xa un relevo para esta xeración ( e refírome tanto a actores e actrices, como a director@s, compañías….?
–Si. Claro que hai un relevo xeracional, sobre todo desde que existe a escola pública. Agora mesmo, ao lado de compañías veteranas como Sarabela, Atlántico, Noroeste, Matarile, Chévere, Talía, Contraproducións, temos compañías novas ou relativamente novas colleitando éxitos, como Voadora, Limiar, A Panadaría, Ensalle, Ártika, AveLina Pérez, Inversa, Aporía, Anómico, Galeteatro, Butaca Zero, Náufragos, etc. En circo, Galiza é unha potencia, con compañías como Pistacatro, Duelirium, ÍO, SU.MA, etc., que teñen éxito a nivel estatal e incluso internacional, como tamén acontece coa danza, con compañías como La Macana, Pisando Ovos, SoLodos, Traspediante, Janet Novás, Andrea Quintana, Javier Martín, Fran Sieira, Kirenia Martínez, Marta Alonso Tejada, Pálido Domingo, Xián Martínez ou as mozas de Elahood, que veñen de gañar o Certame Coreográfico de Madrid, competindo con compañías de todo o Estado. Deixo moitos nomes importantes por citar, poderías encher unha páxina enteira do xornal só cos nomes de artistas e compañías que están a crear pezas que forman parte do patrimonio inmaterial da cultura galega. Ese patrimonio que a erregueté estuda, analiza e documenta porque, precisamente por tratarse de artes vivas e efémeras, necesitan máis que outras, como pode ser a literatura, a pintura, a escultura ou o cinema, dun espazo onde fique o seu testemuño e o seu legado. E ese espazo, desde hai case corenta anos, son as páxinas da Revista Galega de Teatro. Unhas páxinas nas que se pode ler e até ver, nas imaxes, danza, teatro, circo e as poucas producións de ópera que se fan na nosa contorna.