Nos tempos que corren hai unha certa tendencia a procurar na escrita unha canle catárquica coa que denunciar, sinalar, intentar concienciar arredor de todo aquilo que está facendo deste mundo un lugar peor. Son tempos de literatura política. É obvio que nun país asoballado coma o noso nunca desapareceu, mais as necesidades apremian e os nosos textos son reflexo de todo isto.
Daniel Asorey pretende con Negras exactamente iso: denunciar as ignonimias do poder, do capitalismo, dese positivismo filosófico, neoliberal e perverso que fecunda a sociedade. Neste poemario dividido en tres sección: “A cacería”; “Lingua negra” e “De como o río Ulla deu en chegar ao río Erie” lanza unha mensaxe moi explícita. A denuncia continuada de como as negras en USA están oprimidas. Faino expoñendo o modus operandi do opresor. Na segunda sección hai unha maior atención arredor de cuestión culturais e lingüísticas, a resistencia permanente que a pesar dos ataques continuados permanecen con orgullo ao longo do tempo. De todos os xeitos, nestas dúas primeiras sección, inda que se cargue máis a atención sobre unha ou outra cuestión, evidentemente as dúas están moi presentes en todo momento. Só é un matiz de carga nun determinado punto de vista. A terceira sección é a que desempeña o labor de conectar a realidade dun pobo sometido como os negros norteamericanos coa realidade galega.
O lector xa se daría conta que estamos ante un poemario cunha mensaxe nítida, explícita, lapidaria. Os poemas de Negras son un martelo que non deixan ningún tipo de posiblidade á interpretación alternativa. Sensibiliza, mesmo indigna a lectura destes poemas e tira da conciencia de cadaquén. Ante isto, hai que dicir, que ese xeito explícito de versificar deixa pouca marxe á evocación, a imaxe ou a metáfora. Todo o dito anteriormente dá a entender que a proposta deste poemario argállase en exceso arredor de preceptos narratolóxicos. Unha elección poética que non dá xogo aos eséxetas. E iso en poesía non é o habitual.
ASOREY, Daniel, Negras, Ed. Xerais, Vigo, 2022, PVP. 12,30€