Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Planeta en chamas

Unha historia do lume

Prometeo e mais o lume dos deuses,de Paul Manship, na Praza Manhattan (Nova York). Archivo

Dos catro elementos que conforman a Natureza –terra, aire, auga e lume- este último é o único que resulta transformador de seu, intanxible e, ademais, un mito común a todas as cosmogonías. Entre nós, foi Prometeo quen tivo a ousadía de roubar o lume divino para darllo aos homes, polo que foi castigado por Zeus. Grazas ao engano prometeico, os humanos pasaban a estar equiparados así aos deuses do Olimpo na súa capacidade de empregaren o lume coma forza transformadora. E iso porque se o lume leva consigo a condición intrínseca de destruír, xa controlado permitiulles aos homes transformaren os alimentos crus en comestibles (as carnes da caza, os cereais), e dar luz e calor. Claro que sen control provocaba sensación de emoción e de terror e unha primeira reflexión: cándo resultaba útil e cándo daniño.

Pero así como no principio o lume debía ser conservado, a diferenza dos outros tres elementos, tamén foi susceptible de ser xerado. O xeólogo británico Andrew Scott, en Planeta en llamas. La historia del fuego a través del tiempo (Galaxia Gutemberg) ofrece ao público o relato da aparición do lume no noso planeta e, xa nos nosos días, da súa importancia como elemento asemade destrutor e creador. Para iso establece unha cronoloxía que sitúa a súa aparición cara a uns 400 millóns de anos, que foi o intre no que se deron a presenza de combustible (árbores) e de comburente (osíxeno no ar nunha proporción do 21%).

A presenza de lumes naturais alterou o medio ambiente e permitiu a aparición e mais a expansión de novas especies vexetais e animais. Pero o coñecemento de tal presenza nos tempos prehistóricos é relativamente recente: non foi ata que se estudaron os restos de carbóns vexetais fósiles con novas técnicas (TAC, acelerador de partículas) e as imaxes de satélite da cuberta terrestre cando foi posible establecer unha cronoloxía do lume e das transformacións que provocara no planeta.Do mesmo xeito, e da xuntanza dos estudos con esa botánica fósil, sabemos que hai especies forestais que son ignífugas (as sequoias), outras que non son capaces de rexeneración (as selvas tropicais) fronte a outras que si que o son (como as torgueiras ou as coníferas, que necesitan que o lume rebente as piñas para a súa reprodución).

Asteroide en Iucatán

No período que foi desde o Silúrico ata o Oligoceno houbo diversas transformacións tanto xeolóxicas como atmosféricas e botánicas (aparición de especies sexuadas e da función clorofílica), ás que se engadiron as causadas por axentes esóxenos (asteroide caído en Iucatán). E no momento no que se deron as condicións para que a ignición natural fose posible, o resultado daqueles incendios provocou importantes alteracións no medio como consecuencia das cinzas que foron arrastradas polos ríos, restos que fosilizados permiten establecer un cadro cronolóxico das especies presentes en cada período.

Uns estudos que comezaron a ser posibles a partir do momento en que o uso do carbón coma fonte enerxética na industria fixo posible a extracción deste combustible fósil. Uns minerais que resultan de distinta composición no caso das minas británicas verbo dos achados que se están a facer na capa pérmica rusa. Ata o punto que a importación de carbón chinés durante a folga dos mineiros británicos (1984-1985) non resolveu o problema enerxético pola diferencia de carbón vexetal fósil presente, que non cadraba coa maquinaria industrial. E de forma semellante, os estudos sobre a existencia de distintos carbóns vexetais fósiles fixo posible coñecer os primeiros poboamentos humanos en América (cultura Clovis), a influencia de fenómenos meteorolóxicos, o abano do emprego do lume en covas e abrigos por homes prehistóricos (desde Asia occidental ao occidente europeo) ou caza con lume instrumental.

Unha situación medioambiental que ficou inalterada ata tempos recentes, cando por unha banda foron introducidas especies invasoras (como e eucalipto) e doutra a redución da agricultura permitiu o aumento das masas forestais e a urbanización das súas periferias. Un cambio de paradigma verbo do valor dos bosques e da propiedade e do papel a xogar polos bombeiros.

Compartir el artículo

stats