Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Moda, cinema, artistas e téxtiles

Vestindo na gran pantalla

Un momento de 'Cine e moda', no Caixa Fórum de Madrid.

O cinema e mais a moda son os motivos dunha interesante exposición -Cine e moda- que, procedente da Cinemateca Francesa, está arestora a ser mostrada no Caixa Fóum de Madrid. O comisario da mesma é o modisto Jean Paul Gaultier, mundialmente coñecido como o “enfant terrible” da moda. E, en efecto, desde os anos oitenta do pasado século, Gaultier vén conmocionando o sistema da moda coas súas creacións de prêt-à-porter de luxo nas que propón unha irónica volta á faixa ou “guêpiére”, o emprego da saia por homes, a intersexualidade nos tecidos, a mestura étnica e o activismo nos movementos sociais, notablemente os feminismo e o colectivo gai. Vestir Gaultier non é soamente a tendencia da moda senón aínda unha conduta social.

Gaultier deseñou para Madonna, Hellen Mirren, Rossy de Palma ou Rita Mitsouko, entre outras moitas celebridades, conformando numerosos títulos do mundo do cinema unha alusión perenne do creador, tanto para vestir actores e actrices como para vestir a rúa con aires fílmicos. Xa que logo, non constitúe unha sopresa cando Gaultier convoca todas as súas obsesións dende neno, canalizadas por medio dos soños que permite o cinema, para comisariar unha mostra que relaciona moda e sétima arte co resultado dunha lúcida selección de modas e argumentos, de historias e actrices, de heroes e narracións épicas sobre as que gravita un paradigma camp ou de extremos. Un espazo no cal o feminino é máximo até rozar as mulleres de banda deseñada mentres o masculino devén nunha eclosión de heroes de ciencia ficción.

Jean Paul Gaultier.

Falbalas, un filme de 1945 que conta o interior do mundo da moda nos tempos da Segunda Guerra Mundial, vén ser o punto do que arranca a mostra, tova vez que se trata dunha lembranza da infancia de Gaultier e que foi, ademais, a fita que de feito o invitou a soñar con traballar na costura. Falbalas vén significar algo así como “faralaes” ou “volantes.” Pero non constitúe este filme o único exemplo dese tipo de labor, pois vemos tamén o traxe que levou Penélope Cruz en La niña de tus ojos, inspirado nun mantón de Manila e recreando unha bata de cola. Outra cinta de 1945 que reflicte a moda elegante de turbantes, ombreiros e plataformas dos anos corenta é Les dames du Bois de Boulogne, onde destaca a interpretación de María Casares. E así mesmo conta a mostra cun traxe de Azzedine Alaia semellante ao levado por Grace Jones no filme de James Bond, Panorama para matar. E cómo non, as referencias ás modas deseñadas polo propio Gaultier para o cineasta Pedro Almodóvar nos filmes Kika, La mala educación e La piel que habito.

Da súa parte, Blow Up de Michelangelo Antonioni e Who are you Polly-Maggoo de William Klein introducen na sala de exposicións modelos de arte pop, arte óptica e construcións para vestir, feitas de metal de gran rixidez que supoñen unha irónica visión dos excesos da moda e do poder das tendencias.En fin, contamos na exposición con citas ao Querelle de Brest, coa presenza dos mariñeiros típicos de Gaultier, a Porteiro de noite, coas roupas de coiro negro que levaba Charlotte Rampling; a American Gigolo coas roupas de Armani vestidas por Richard Gere no famoso filme.

Outra exposición chegada desde alén das fronteiras españolas -en concreto, coa produción do Fashion and Textile Museum de Londres- está a ter lugar na Coruña, na Fundación Barrié de la Maza: trátase da mostra Téxtiles de Artistas. A proposta consiste nun repaso polos téxtiles feitos por artistas en colaboración con fábricas. Vemos así os Omega Workshops do grupo de Bloomsbu ou as pezas de Sterling Ruby e Damien Hirst en colaboración con Alexander McQueen: cen anos de moda, téxtiles e industria.

E tamén Pablo Picasso e Joan Miró cederon a súas iconografías para a produción de chaquetas, vestidos e tecidos de confección. Un dos máis importantes artistas pop da historia foi Andy Warhol quen asemade está representado na mostra cunhas encantadoras imaxes de pequenos anxos, zapatos e outras figuras decorativas que son moi representativas dos anos 1955-1965.

Definir siluetas

Nas mostras do traxe galego do noso país cómpre precisar que non todos os vestidos costumistas da segunda metade do século XIX, troco de século, e inicios do XX teñen de ser recreados con hieratismo e alleos ás iconas estéticas do momento ao que se refiren. Para comprender isto cómpre ollarmos o libro da Storia della Bellezza (Umberto Eco 2002) que fai un repaso a grandes obras de arte na historia para inducir o lector nos matices da beleza. E é que nesas exposicións referidas, atopamos unha decida tendencia a expoñer osconxuntos de roupas cunha insistencia arreo nun mesmo tipo de silueta hierática, colosal, mesmo ausente de encanto cando acontece, porén, que os artistas que retrataron asemade aquelas roupas si que amosan variedade de proporcións de estilos e da mesma moda.

Deste xeito, contemplar os bosquexos de traxes feitos por Castelao para un ballet galego en 1934 ou o cadro para Os vellos non deben de namorarse de 1941, outorgan una visión do traxe galego similar ás idealizacións do empresario Diaghilev para Os Ballets Russes.

As fotos recollidas no libro de El Traje Gallego por Antón Fraguas (1985), que retratan os labradores na feira de Santiago e datadas en 1915, definen igualmente unha silueta de prendas esencialmente útiles e sinxelas, mais con xeito. Os retratos de mozos lucenses ou a escena de idilio retratadas polo pintor Dionisio Ferros non poden estar máis cargadas de estilo e xeito. A eses mestres cómpre ollar para producir as exhibicións de traxes galegos, recreando as modas que eles retrataban con romanticismo e que nós debemos interpretar con cultura.

Compartir el artículo

stats