Decolonising the Mind (Descolonizar a mente), de Ngügï wa Thiong’o (1938), editado por Penguin Random House, Barcelona 2021, con prólogo de Marta Sofía López da Universidade de León, constitúe certamente unha obra imprescindible no debate lingüístico. Estamos diante do compendio de catro conferencias de Thiong’o impartidas nos anos, 1981, 1982, 1984 e 1986 e que abranxen unha reflexión arredor da lingua, a construción e pertenza nacional, cultural, social e histórica, así como a contribución ao proceso de descolonización elaborada a través de toda unha serie de acontecementos ao longo da súa vida. Á condición de escritor (como representante do realismo máxico africano), pensador e exiliado súmase aínda o compromiso histórico coa súa patria, Kenya, antes, durante e despois do proceso de descolonización.
Thiong’o foi detido e encarcerado en 1977 polo ministro do interior Daniel Arap Moi (1924-2020), presidente do país africano un ano despois, por unirse aos campesiños para representar unha obra teatral en gicuyo sobre o empoderamento da xente. “Nunca pensei –comenta o noso autor- que iria ao cárcere polos meus libros ou a miña literatura ou calquera outra cousa...a nosa independencia non nola deu ninguén, nós loitamos por ela”. Non entende Thiong´o que un goberno africano o reprimise por escribir nunha lingua africana, e foi precisamente na cadea onde se preguntou e reflexionou sobre a cuestión lingüística, a súa historia e mais o fundamento colonial.
A lingua, para Thiong’o, é a base..: “se conecto coa miña lingua, conecto co mundo". Cando fala de lingua, Thiong´o fala de política, de economía, de cultura. África precisa da súa propia base lingüística para conectar con todo. Os colonizadores impuxeron o seu idoma, e desde 1884, en Berlín, dividiron, ademais, un continente enteiro cunha multiplicidade de pobos e colonias africanas anglo, franco e luso falantes. Impoñer a lingua foi unha forma consciente de colonizar a mente das persoas, toda vez que as formas idiomáticas sempre foron utilizadas para asegurar as desigualdades do sistema colonial. Porén, é fundamental recuperar as linguas maternas e engadir, tamén, as novas que habiten en convivencia unha vez que o colonialismo pretende, antes de máis nada, controlar a lingua, destruíndo o idioma da xente.
Na cadea Thiong’o escribiu a súa primeira novela: Caitiani mutharaba-ino (O diaño na cruz, 1980), de total actualidade despois de corenta anos. Trátase dunha sátira brutal contra os sinais deixadas polo imperialismo británico, e contra dos que xestionaron a independencia e que na nova Kenya continúan a explotar os mais débiles. Estamos diante dunha novela chea de ritmo, simbolismos, refráns e parábolas para relatarnos como funciona o neocolonialismo e como foron as teorías independentistas, nas que o autor analiza maxistralmente o papel da muller e desenvolve o orgullo de ter unha cultura propia e pertencer a unha clase que mantivo viva a súa dignidade e a súa esperanza. Esta novela escribiuna no cárcere en papel hixiénico, “o único papel dispoñible que non era tan suave –comenta- como o que se anuncia agora na TV.”
As nove perfectas: a historia de Gikuyu e Mumbi é, da súa parte, unha obra de mito, a primeira epopea en gikuyu traducida en verso; pódese escoitar a voz da persoa que transmite “a historia de Gikuye e Mumbi / e as súas fillas, as nove perfectas, / Matriarcais da casa de Mumbi, / Fundadoras dos seus nove clans, / Proxenitoras dunha nación”, xusto cando escoitamos a Virxilio expoñer a historia que está a punto de contar nos primeiros versos da Eneida. Fala así das primeiras feministas, dun mundo no cal as mulleres non din: “Non podo facer isto porque son unha muller”. O autor coida que se o patriarcado, o colonialismo, o catolicismo... oprimen as mulleres, a súa liberación será a liberación de todos. Un seguidor da obra de Frantz Fanon: Les damnés de la terre, 1961 (Os condenados da terra), prologado por J. P. Sartre, fala de Thiong´o como profeta do seu tempo: alguén que non escribe para gañar premios, senón para crear o mellor libro posible, que aínda esta por chegar.
Unha lenda viva
Eterno aspirante a Premio Nobel e lenda viva das letras africanas, Thiong’o asegura que quere competir con xenios como Cervantes, Shakespeare, Tolstoi ou García Marquez. Fuxindo da ditadura do presidente queniano D. A. Moi, foise exiliar, desde os anos oitenta, en EUA, onde traballa como profesor distinguido de Inglés e Literatura na Universidade de California.
Para Thiong’o, a lingua materna é como un instrumento que coñeces desde pequeno pero se aprendes a tocar outro máis tarde, xa é diferente, non ten o divertido que che sae do corazón, un aspecto capital da identidade. O autor precisa distanciarse do inglés e utilizar o gicuyo como a súa principal lingua de creación literaria
Considerado un mito da literatura africana, ás súas raíces como escritor remóntanse as súas noites de contos. A súa nai, analfabeta, envábao á escola e el mesmo descubriu que podía contar historias e podía ler o Vello Testamento traducido ao “kikuyu ou gicuyo”, lingua falada por mais de seis millóns de habitantes e maioritaria en Kenya.